11:04 Mércores, 18 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-05-2017

Diríxome ese numeroso grupo de rapazas e rapaces que queren falar en galego pero non o fan pola que lles poida vir encima

Para unha adolescente galegofalante efectiva ou en potencia, nas vésperas do 17 de Maio

Valorar (21)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Levo trinta e cinco anos traballando no ensino público, vinte deles nun instituto de secundaria dunha vila galega onde o idioma español é maioritario entre a mocidade. En todo este tempo farteime de ver como as escasas rapazas e rapaces que entraban no instituto desde Primaria falando galego mudaban de lingua de xeito automático en cuestión de meses ou, no mellor dos casos, en cuestión dun ou dous anos. Esta situación alarmoume e púxenme a investigar sobre o tema. Que sucede na caixa negra do ambiente escolar, teoricamente favorecedor do galego, para que os galegofalantes entrasen como tais pola porta de entrada e saísen castelanfalantes pola de saída? Por que estraña causa moitísimos adolescentes galegofalantes en potencia agardan a rematar a súa escolaridade no instituto para se converter en galegofalantes efectivos? O primeiro que descubrín foi unha situación perversa onde as haxa: baixo unha aparencia de normalidade na paisaxe lingüística, cos indicadores, os rótulos, as comunicacións escritas e os cartaces das paredes do edificio escolar maioritariamente en galego, calquera adolescente que decidise facer do galego o seu idioma normal íao ter moi complicado. As máis das veces, extraordinaria e dramaticamente complicado.

Non é hora de adiantar conclusións sobre unha pesquisa que arroxa datos cuxa interpretación é todo un reto. Éo, e con certo coñecemento de causa, de dirixirme a calquera moza ou mozo que fale galego nun ambiente maioritariamente castelanizado e decida seguir facéndoo con normalidade, caia quen caia. E tamén, sobre todo, de dirixirme a ese numeroso grupo de rapazas e rapaces que queren falar en galego pero non o fan pola que lles poida vir encima. Para elas e eles vai o meu consello:

Rebélate e fala galego, hai quen di con acerto. Eu acrecento: fala galego aínda que nunca teñas pensado en rebelarte, para comprobares que falar en galego a tempo completo supón, no teu caso, moito heroísmo e moita rebeldía. Escoita: se falas galego con todas e con todos, e non só en privado con aquel amigo que te entende ou con aquela profesora que te ampara, comprobaras como no teu país, a día de hoxe, que ti fales en galego vaille sentar mal a demasiada xente. Baixo múltiples formas, e moitas veces disfrazadas de simples bromas, vante atacar persoas moi próximas, quizá familiares, quizá rapazas ás que consideras amigas, quizá algún profesor. Os ataques van tomar forma variada, desde simples comentarios improcedentes até situacións de acoso en toda regra. En calquera caso, sé firme. A clave está na túa firmeza e na túa dignidade, non na contemporización. Nin se che ocorra autoculpabilizarte. Defende a túa liberdade e non claudiques. Ten ben claro que o problema non está no teu hábito lingüístico, senón na cabeciña de quen se ofenda por ti falares unha lingua que non lles acaba de gustar.

Fala galego cando, canto e onde che pete. Se, por exemplo, estás no instituto, faino en lugares centrais do edificio e non te retires a ese banco afastado nin ao lugar máis remoto do patio para falar en galego cos teus compañeiros. E sorrí sempre. Non tomes a peito os comentarios dos outros mentres non se repitan obstinadamente ou falten á túa dignidade. Lembra que quen se mete contigo é, seguro que sen sabelo, o último elo dunha cadea moi longa e moi vella que nin sequera comeza neste país, e que na súa actitude prima o descoñecemento. Non dubides que moitos dos que hoxe se mofan da nosa lingua o día de mañá, cando maduren e saiban máis, van mudar de opinión. Algúns deles até van acabar loitando na túa trincheira.

Viaxa canto poidas. Un intelectual español, ao que algúns consideraban sabio, dixo aquilo de que “el nacionalismo se cura viajando”. Nin caso. A situación de desprezo da lingua galega, que é unha consecuencia da negación da nación galega, confírmanse viaxando. Viaxa dentro do país e descubrirás horizontes insospeitados: centos, milleiros de persoas que sentiron e que senten coma ti, que fixeron e fan coma ti, das que case ninguén che dixo nada. Viaxa ao norte e descubre ese ronsel de nacións europeas con linguas pequenas en número pero esenciais para articular sociedades libres e orgullosas de si mesmas. Viaxa ao sur e comproba o que non queren que saibas, que é que a nosa lingua non remata nin na raia nin no río senón que, lixeiramente modificada, se estende por medio mundo. Aprende portugués e mellorarás o teu galego. Viaxa, descubre, aprende por ti mesma e desmonta unha a unha todas as trolas que andan libremente ao teu redor, nas que seguramente algunha vez acreditaches.

O machismo despreza as mulleres. A homofobia ataca e agride as persoas homosexuais. O racismo e a xenofobia fomentan a superioridade da raza branca sobre as outras e sementan o odio aos estranxeiros, sobre todo se son pobres. A galegofobia rexeita a nosa lingua porque a considera inferior e consagra a superioridade do español. As ideas e as actitudes machistas, homófobas, xenófobas, racistas e galegófobas viaxan no mesmo barco e todas elas circulan pola nosa sociedade, atravesándoa de parte a parte. Só hai unha diferenza: que contra o machismo, a homofobia, o racismo e a xenofobia hai unha reacción planetaria porque son fenómenos que atacan a todas as sociedades do mundo. A galegofobia é exclusivamente nosa e por iso non aparece nada en contra dela nos medios de masas. Nunca verás unha película nun cine, nin unha serie en Netflix, nin un documental en Discovery Channel que trate de atallar este problema! Por iso temos que ser nós os que coas nosas mans organicemos a nosa autodefensa e aseguremos o noso espazo. Lembra a firmeza!

A pesar das prohibicións, tes dereito a recibir algunhas horas de clase en galego: exíxeas se chas escatiman, e non te despegues do sorriso e as boas formas. Saborea a lingua en cada verba, como quen desfruta dun caramelo ou un xeado de amorodo. Nunca te sintas soa, aínda que sexas a única galegofalante da clase, porque non o estás. Lembra que levamos séculos aquí, neste sen norte, con esta fala e con este ser tan contraditorio, pero aínda non deron acabado con nós. Nin o van facer, mal que lles pese, grazas á túa determinación e á túa fortaleza. 


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



[16-05-2017 16:29] Antonio Lema comentou:

Moi atinado no fondo e moi didáctico na forma.
Parabéns. Antonio Lema

[15-05-2017 18:12] Manuel Cabada Castro comentou:

Levas toda a razón do mundo! Non o sabería eu dicir mellor! Parabéns!!!!

[15-05-2017 14:54] Loli Olveira Maria comentou:

Emocionante artigo, tocoume fondanente o corazón.Unha aperta fortisima. Grazas.

[15-05-2017 12:42] francisco rodríguez comentou:

Moi atinado artigo, tanto pola situación que descrebe como polos consellos que dá. A algúns lles pode parecer voluntarista. Pasa que, neste contexto, sen voluntarismo, sen exercicio da vontade e firmeza propias, difícil é que mude nada. Moi necesario afirmalo. Obrigado. Francisco Rodríguez

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal