18:39 Mércores, 18 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-05-2017

O goberno venezuela ten adoptado a decisión de abandonar a Organización de Estados Americanos-OEA

Apuntamentos sobre a situación internacional (II): Aumenta a presión sobre Venezuela

Valorar (7)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Pregunto yo en mi canción

al que grita y patalea

Caballero de la OEA

Que pasó con la reunión.

Como no me voy a reir de la OEA

si es una cosa tan fea

tan fea que causa risa...

ja ja ja ja ja ja ja, ja ja ja
ja ja ja ja
ja ja ja ja ja ja ja

La O.E.A. es cosa de risa de Carlos Puebla

Cando escoitei hai uns días á chanceler da República Bolivariana de Venezuela Delcy Rodríguez anunciar que o seu goberno tiña adoptado a decisión de abandonar a Organización de Estados Americanos-OEA o primeiro que me veu á mente foi a canción que abre este artigo. Para min a canción de Carlos Puebla La O.E.A. es cosa de risa reflexa moi acertadamente o papel que ten asumido e asume a Organización de Estados Americanos, entidade que segundo o artigo 1 da súa Carta Fundacional tería por obxectivo conseguir nos seus Estados membros "unha orde de paz e de xustiza, fomentar a súa solidariedade, robustecer a súa colaboración e defender a súa soberanía, a súa integridade territorial e a súa independencia", pero que á hora da verdade ten demostrado reiteradas veces que responde aos intereses dos Estados Unidos, oficializando a coñecida Doctrina Monroe que desde 1823 considera o continente americano un espazo de intereses e de influencia exclusiva do imperialismo ianqui; doutrina actualizada por Theodore Roosevelt en 1904 coa frase lapidaria "se algún país de América do Sur se comporta mal debe ser castigado", e por si a alguén non lle parecera suficientemente contundente esa frase en 2013 Jhon Kerry, secretario de estado co presidente Obama, sentenciou que os EEUU debían achegarse máis a América Latina ao ser esta o seu “patio traseiro”.

Si ben a decisión do goberno bolivariano, que non implica a saída automática da OEA senón que precisa dun período de dous anos para executarse, supón aumentar a tensión nun país que neste momento é unha ola a presión que pode estoupar en calquera momento, unha persoa que se tome algo de tempo para estudar a historia da Organización de Estados Americanos e repase os seus posicionamentos ao respecto da situación na Venezuela comprobará como son multitude as actuacións que responden exclusivamente aos intereses dos EEUU e dos seus aliados, e por contra hai clamorosos silencios diante de situacións que son contrarias aos seus intereses ou son provocadas pola súa actitude inxerencista.

Se recorremos á historia podemos sinalar que en xaneiro de 1962 a OEA decidiu expulsar a Cuba do seu seno, decisión que foi revocada en 2009 pero non aceptou Cuba consciente de que a maior parte das actuacións da OEA responden exclusivamente aos intereses de Washington, capital na que esta organización ten a súa sede.

E se falamos da actualidade, hai poucas semanas Evo Morales denunciou a dobre vara de medir dunha OEA que en vez de buscar mecanismos para reducir a tensión o que fai é apoiar á oposición venezolana mentres garda silencio ao respecto dos asasinatos no México, do narcotráfico en Colombia ou da situación no Brasil despois do golpe de estado institucional contra a presidenta Dilma Rousseff.  

Hai quen poden interpretar o abandono da OEA por parte de Venezuela como unha decisión errada, considerando que con ela Maduro dá un tiro no seu propio pé ao pechar por vontade propia a posibilidade de expor as súas razóns nun foro internacional; mais o certo é que ao longo dos últimos tempos a OEA ten saltado todos os límites cunha actitude claramente de parte, personificándose a falla de imparcialidade sobre todo nas actuacións e declaracións do seu secretario xeral Luis Almagro, que se sitúa case sempre do lado da oposición e referiuse repetidas veces á posibilidade de expulsar a Venezuela  da organización, atrevéndose incluso a dicir o pasado 10 de abril despois dunha reunión en Brasilia co chanceler Aloysio Nunes, membro do goberno golpista brasileiro,  que "Por unha razón de estabilidade rexional, Venezuela necesita un goberno lexítimo"

Este é un capítulo máis da verdadeira guerra que se está a vivir en Venezuela e na que desta vez semella que o imperio tenta poñer toda a carne no asador tras múltiples operacións desestabilizadoras postas en marcha ao pouco da chegada de Hugo Chávez ao poder en 1998.

Hai agora un ano falando cun compañeiro dirixente político venezolano sobre as accións violentas de 2014, coñecidas como guarimbas e que deixaron 43 mort@s, dicíame que naquel momento concreto o imperialismo non tiña como obxectivo provocar un colapso que levara a un enfrontamento civil, el consideraba que eran actuacións moi medidas para manter a tensión e amplificar a imaxe no exterior dunha Venezuela asociada á violencia e á morte; aquel compañeiro moi crítico con determinados aspectos da xestión do goberno de Maduro pero totalmente comprometido co proceso bolivariano dicíame daquela que a ofensiva seria e contundente contra Venezuela non chegaría mentres o Brasil estivera do lado dos procesos progresistas. Hai un ano, cando mantiñamos aquela conversa, no Brasil gobernaba Dilma pero aos poucos meses foi deposta por un golpe de estado institucional semellante aos que derrocaran anteriormente a Lugo no Paraguay e a Zelaya en Honduras.

Fagámoslle as críticas que consideremos e debemos recoñecer os importantes problemas existentes, pero non podemos relaxarnos na nosa solidariedade coa Venezuela bolivariana; pois hoxe é xunto con Cuba o principal elemento que se opón á estratexia norteamericana de controlar totalmente o seu patio traseiro. É certo que afortunadamente en América Latina hai outros procesos políticos que non se poñen  firmes diante das ordes de Washington pero estes dous países son hoxe por hoxe os piares do que alí está a acontecer unha vez Brasil pasou ao campo inimigo. E a historia dinos que para o imperio só contan os países que lle son submisos, non tendo problema en impoñer ditaduras ou democracias trucadas se o precisa. Como dicía Franklin D. Roosevelt cando lle falaban sobre Anastasio Somoza   “pode ser que Somoza sexa un fillo de puta, pero é o noso fillo de puta”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal