03:49 Venres, 26 de Maio de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-04-2017

Ao regreso, atacoume o verme do autoodio, agrandándose no meu interior a idea de Galiza, de estar tan deformada polo eucalipto, xa me parecer fea sen remedio...

Un país de sustos e contrastes

Valorar (33)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Recuperar o saudábel hábito de percorrer, para mellor coñecer, o propio país, tan diverso e sempre sorprendente, cos seus infinitos  recunchos, ocupoume dous días desta última semana santa. Ben acompañado, escollemos, o primeiro día,  as terras do alto Ulla e o seu afluente, o Pambre, como referencia, centrando o interese en tres puntos concretos: Vilar de Donas, o castelo de Pambre e Porto de Bois.

O avance da praga do eucalipto  foi atinxindo o meu estado de ánimo, como tristura, e a sensación de irracionalidade sen límite, a custa da fermosura e da nosa viabilidade como pobo con futuro (agricultura e gandaría como base importante e agroindustria como desenvolvemento) chegou a irritarme, cabreado pola deformación que exerce sobre o propio país. Pareceume unha expresión da nosa deformidade social e cultural, de pobo que non se asume a si mesmo nin quere responsabilizarse de si, entregado a un deseño externo que o burla, espolia e aniquila...

Porén, chegou un momento de epifanía: igrexa de Vilar de Donas da Orde militar de Santiago, para freiras, mulleres nobres, do século XII-XIII... Unha ben plantada señora, de orixe labrega e popular, recibiunos ao fronte da igrexa, aberta en horario indicado ao público, o que resulta unha anomalía de agradecer nun país no que todas as igrexas románicas rurais habitúan a estar cerradas, sen horario público... Que remanso de harmonía, de orixinalidade, de amparo, con motivos vexetais, xeométricos e antropomórficos!!...

A dona ben plantada, culta, tan orientada, non académica nin de estudos universitarios, explica con lucidez, soltura e emoción entusiasta o que ten ao seu cargo..Non dou crédito a que haxa tanta capacidade orixinaria, espontánea, popular e sen dirección, por libre, indo ás fontes que revelan, non as que agochan...Infórmanos de os Trastamara estaren alí retratados, pinturas góticas ao descuberto, co rostro de Juan II, a raíña María  e o infante Henrique....A pegada dos vencedores en patrimonio e terra dos vencidos,  como sacralización  de a quen pertencen agora e a quen deben servir de forma mimética e colonial... O galego na boca da ben plantada señora, sen castrapismos nin españolismos, limpo, claro e contundente, de berce popular, sen artificios, pero sen  desleixos...Pouca concorrencia, malia a proximidade desa lacra que son os camiños de Santiago, o denominado francés neste caso,  substitutos do nome Galiza, inexistente para os que cren peregrinar a un santuario cristiá, católico, español, nunha ruta europea. Guiados por unha obsesión: que lles poñan o carimbo no papel de peregrino, como trofeo apostólico indicativo de teren realizado unha fazaña televisiva

Após tan reconfortante revelación dun patrimonio tan amorosamente agarimado, en tan boas mans depositado, por  tan boa cabeza explicado, imos xantar, nun restaurante a menos dun quilómetro; toda a clientela autóctona, nós incluídos, comida caseira boa e abundante, de prezos módicos...Previamente reservada mesa por teléfono, foramos  atendidos por unha muller, debía ser moza pola voz, que falaba sen complexos e pola súa iniciativa o noso idioma. Sentados xa na mesa,  outra muller, sobre corenta ou cincuenta anos, nun español de acento estraño, recitounos a carta...Padecín o inicio dunha depresión, pois non esperaba este tipo de contraste, xulgando polos antecedentes e polo ambiente social que nos rodeaba. Polo teléfono  galego natural e sen problemas, a atención directa nun español, para min indefiníbel: non mo explicaba. Sería unha familia de agudos contrastes, cada un ao seu ar, con orixes diferentes e experiencias contraditorias? De súpeto,  unha nova epifanía, fráxil como un vagalume, tírame da angustia: unha rapaza loira, máis que ben plantada, riso nos beizos, galego na boca, destemida e clara, serve noutras mesas, e acaba tamén por nos atender só parcialmente. Cun sorriso de pallaso de circo e unha frase hiperbólica agradezo o seu heroísmo natural. Parece entender que lle recrimino o galego: axiña aclaro que non, que llo agradezo. A  súa resposta simple consiste en espetarme: "A terra ante todo!" ...Fico sen angustia,  máis tranquilo, aínda cabe esperanza...O  meu amigo Guillerme alértame de que  lle pareceu que frase tan patriótica non ía só a min dedicada,  senón tamén, como pulla,  á outra que atendía con desenvoltura resolutiva, non sei se orixinal ou imitada, co seu español divino, na mesa a carón....Despedida, pois cun sabor contraditorio, un país con contrastes, e que contrastes!! O caso é non haber dereitos nin regras claras e establecidas a favor do propio, de nós mesmos. Mellor así,  á aventura e cos sustos. Unha fortuna vivir en terra que pode dar sorpresas, moitas na mesma dirección, para mal, pero como ven, algunhas, ás veces, para ben, e de forma case inaudita, incríbel, como milagrosa!!!

E agora, a sobremesa: o castelo de Pambre, señorial, maxestoso, e accesíbel, con atención ao público, entrada de tres euros, e xestión municipal. Había bastantes visitantes: era hora de tarde, xoves de semana santa...Rapaza de aspecto moderno estereotipado, roupa de boutique, nun español que case parece agresivo, pola súa imposta artificialidade,  recibe, sentada,  vendendo os billetes e indicando por onde debemos iniciar a visita: como non,  pola sala de interpretación. Continua repetición dun audiovisual para nos informar, sen ler, con imaxes e catro tópicos, do que imos ver...Á recepcionista o noso galego non lle suxire nada, só indiferenza, mesturada cunha aparente eficacia por enriba de debilidades humanas...Ninguén lle explicou naturalmente que aos visitantes hai que atendelos no seu idioma, non digamos xa recibir inicialmente no idioma do país...Non, ese é só para escrita burocrática, no mellor dos casos...O garda de seguridade para estar tamén a altura ten o mesmo comportamento lingüístico: ser bo servidor da eficacia moderna, que consiste en pasar de país, do propio, estarmos na universalidade a que nos proxecta o idioma da grande España..Mais unha vez, acontecera que, solicitada información sobre a visita ao telefono que figura como indicación, fomos atendidos en lingua galega...Será que o galego se está a converter en lingua das telecomunicacións, sen sabelo os que o falamos? Por que non se obra o milagre de que apareza na atención directa, física, próxima, cara a cara, cos visitantes, usuarios e tamén, pois non entran de balde, paganos?... Pambre ten unha ubicación estratéxica admirábel. Non vin ou non quixen ver eucaliptos, era posíbel eliminalos da vista pois a flora autóctona inza aquela paisaxe aínda...Cheguei a cavilar se aquela moza estereotipada con gafas de sol na cabeza, non consideraría o seu español un bo acompañamento á tan agresiva indumentaria metálica, ferro con aparencia de aluminio, que utilizaron para a estrutura interior de acceso á torre de homenaxe e para as escaleiras do percorrido, unha auténtica desconsideración abafante da pedra e do vello e antigo que estabamos a visitar....Educadamente, finalizada a visita, pedín o libro de reclamacións, e apuntei algo así como: "Sería bo que os visitantes que falan galego  foran atendidos na súa  lingua, a propia do país. É un mínimo que se debía respectar, se queremos vivir nun pais digno e normal"

Finalmente, dirixímonos a Porto de Bois, moi perto. Andando co coche por unha desas pistas sen asfaltar, á beira duns amplos prados, por medio dos que se albiscaba a corrente dun regato, vimos vir cara nós unha rapaza duns vinte anos, con auriculares nos ouvidos, escoitando algo, mentres paseaba. Vestía con pantalón vaqueiro e camiseta branca, e tiña unha expresión seria, pero relaxada e aberta, natural. Parámonos cabo dela, quitou os auriculares e pregunteille se aquel val era Porto de Bois. Respondeu amabelmente, que si, que eran poucos veciños, e por iso o lugar non tiña indicación. Axiña, renaceu o meu afán predicador e, tamén con familiaridade natural, espeteille: "Aquí en 1372 houbo unha batalla moi importante. Se a tiveran gañado os que a perderon, seguramente Galiza hoxe sería moi diferente. Tería dignidade e viviríamos mellor". Con interese e cara de sorpresa, a moza contestou: "Non me diga, non sabía nada diso. Xa ve, non te deitarás sen aprender algunha cousa nova máis!".  Así foi e así é. Pensei para min: aínda estou aprendendo hoxe cousas elementais e básicas sobre o meu propio país...

Ao regreso, atacoume o verme do autoodio, agrandándose no meu interior a idea de Galiza, de estar tan deformada polo eucalipto, xa me parecer fea sen remedio... Agarreime á expresión da dona de Vilar de Donas e ao destemido sorriso da moza do restaurante e á natural disposición a saber da mociña de Porto de Bois para non sucumbir ao desánimo...

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[30-04-2017 14:36] Sinho comentou:

Senhor Francico,
Eu também são vitima do verme.
Hoje na suíça merquei costelas de porco criado com castanha importado de Portugal.
Na Galiza -em Campanho- uma empresa quere retirar os eucaliptos e plantar oliveiras. Disse que, que não cortaram as arvores autóctones!
Vaia caralhada, quantas faias, vidueiras, …, toparam ala?
Se topam um carvalho que moleste no sitio de uma oliveira que iram fazer?

Daquela, ao ter a oliveiras, a Galiza mudara em uma grande competidora no negocio do óleo de oliva. Um dos verdadeiros pontencias da agricultura galega! Bravo!!!
Alomenos, aquilo que tenho escutado a Anselmo Lopes: „A Galiza e um pais atlântico de cultura mediterrânea“ a tomar sentido.
Gosto do trabalho de Anselmo, acho de vital importância, mais não concordo. A Galiza e um pais atlântico de cultura atlântica ainda que esta a ser mudado num pais de cultura mediterrânea.

[25-04-2017 23:23] Antón comentou:

Os seus artigos sempre me interpelan... e canto me aprenden. Obrigado

[24-04-2017 13:10] Luisa comentou:

Aínda,podemos.
Aínda, estamos vivas.
Apesares de todo.
Temos dereito.
Grazas!... E como vostede dí: ADIANTE!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal