14:31 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-04-2017

Militante cunha estrela na fronte e no bico un cantar que nos campamentos guerrilleiros usa a arma da homilía

A Trindade Cósmica de Ernesto Cardenal: Terra, Tempo e Pobo

Valorar (18)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Pazo de Mariñán, 2003


Sen peaña e sen nimbo de venerado santo, máis ben cos pes no chan, vestido coa impoluta camisa de cotón branco, boina negra asentada sobre as canas platinas, ao estilo desoutro revolucionario, Ernesto, o "Che". Referímonos ao poeta nicaraguano Ernesto Cardenal, que aos seus noventa e tantos anos anos, non cala, endexamais calou e usa a poesía como arma de futuro. El, que ten como don a palabra e o verso coloquial, ao servizo dos desprotexidos e da liberación dos pobo, agora é perseguido polo seu excamarada do Frente Sandinista de Liberación Nacional de Nicaragua, Daniel Ortega Saavedra, que dende 1975 a 1990 foi Presidente. Reelixido no 2007 permanece abaldroado nunha ditadura familiar, cousa que non é nova na Historia: dono da xustiza, do exército, de todo, enriquecido fabulosamente, atoutiñando nunha borracheira de poder e que, axudado deses aduladores que edulcoran a realidade dun ego, denuncian e reclámanlle a Cardenal impostos millonarios,impagables, pola súa misiónde humanismo, sacando recursos da creatividade artesán, na Illa de Solantiname. Comunidade feita a “modelo do Reino de Deus na Terra” facendo praxe dos principios desa Teoloxía da Liberación que redime os pecados contemporáneos da cristiandade. Illa de revolucionarios, de labregos, pescadores, artesáns, artistas e que será referente entre as comunidades do mundo. No fondo da cuestión do goberno de Ortega está en humillar e acalar ao poeta e aos seus seguidores ante a tentativa da construción dun novo canle interoceánico, que rivalizará cos poderes yankees en  Panama e que, como aquel, atravesará o lago de Cocibolca, a fonte de auga doce máis potente de Centroamérica, augas de vida sobre as que asenta o arquipélago volcánico de Solantiname. Cardenal resposta denunciando urbi et orbi a un goberno que di afundido na corrupción, que traizoa unha revolución modélica e a súa mensaxe faise viral nun ambiente abonado. E todo o mundo solidarízase coa causa desoutra Grándola Vila Morena terreal e real.

Ernesto Cardenal Martínez está curtido nunha vida ben andada: naceu na Granada nicaraguana, no seu dunha familia máis que acomodada, nin máis nin menos que na “Casa de los Leones”, a carón do seu visitado templo de San Francisco, todo un símbolo. Arrolado dende neno polos versos de Ruben Darío, alongada sombra dun poeta e da que non se aparta. Seguidor das influencias do seu paisano e mentor Coronel Urtecho, para con outros mozos conformar  a “Generación de los 40”. Seguirá o encontro coa obra de Nicanor Parra, cos americanos Ezra Pound, Willians... con Neruda, Rafael Alberti... fontes poéticas nas que bebe e das que di custaralle liberarse para atoparse a si mesmo. Teimudo co ton coloquial, en que a través da poesía pódese dicir todo a todos. Fai o  bacharelato nos xesuítas da súa Granada, despois Filosofía e Letras en México e dende 1947 ao 49  na Universidade de Columbia en New York. Acendido nesa ansia de enxergalo todo viaxa por España, Francia, Italia... Cuba, illa que di fortalecería as súas crenzas revolucionarias. No 1971 coñece en Chile a  Allende...  Andainas compartidas con moitos compañeiros que quedaron no camiño, e sempre, como un mantra, “Pensá en los que murieron...” Dende 1950 revolucionario  do “Frente Sandinista de Liberación Nacional”, participa na “Revolución de Abril” do 54 coa tentativa de asalto ao pazo presidencial de Anastasio Somoza. Militante cunha estrela na fronte e no bico un cantar que nos campamentos guerrilleiros usa a arma da homilía, a xeito de bardo que dignifica á tribo a través de versos-catecismo con algo de viacrucis e de Pascua florida, repetindo e acuñando nos seus que a vinganza non forma parte da revolución.

No 1952 funda a editorial “El hilo azul”, no 1957, anos nos que ne rebrota nel o xermolo íntimo, relixioso que o leva a ingresar no mosteiro trapense de Nosa Señora de Getsemani en Kentuchy, Estados Unidos. Atopa aquí o ambiente de serenidade e mística ao que aspira, propicio ao pulo poético, social, relixioso, ademais avivado polo que di ser o seu pai espiritual, Thomas Merton. A morte accidental deste pesa fondamente no poeta e reconvértese en sentidos versos.  Anos americanos nos que coñece á moza nicaraguana Hope Portocarrero, da familia dos Somoza e que, ironías do destino, anos despois casaría co seu curmán ditador. No 1959 Cardenal retorna a México, á cidade de Cuernavaca, onde coñece ao galego, emprendedor cultural, Alexandre de Fisterra, nome que non esquecerá por ser o primeiro que edita os seus versos. Colabora  entón coa edición de vangarda “El Corno Emplumado”.

Cardenal desvela o proceso pra construír os seus poemas, refuga as churrusqueiras rimas ou as métricas. Escribe na súa vella máquina frases de compromiso social, facendo con elas  retrincos, como versos, os que logo vai artillando deica conseguir composicións coloquiais e líricas á vez: “Epigramas” no 1961, os “Salmos” no 64  e un ano despois “Oración por Marilyn Monroe y otros poemas”, actriz que cualifica como “colosal superprodución en la que todos hemos trabajado...”, actriz vítima do consumo. Ordenado sacerdote en Managua en 1965, sen esquecer o plan de Solantiname, escribe “El Evangelio de Solantiname”,Canto Nacional” no 1972 e o ensaio e referente “Cristianismo y revolución” no 1974. En outubro de 1977 coa xente de Solantiname participa nas revoltas antisomocistas , asaltando o Cuartel de San Carlos... encadeado. Segue a súa obra“Tocar el Cielo”, 1981. No 1979 co triunfo do Frente Sandinista e de Ortega é nomeado Ministro de Educación e Cultura, até 1987, cando o goberno dos seus decide pechar este ministerio, aducindo problemas económicos e outras “prioridades” que ían máis alá de fortalecer a formación ética e estética, a dignidade a través da identidade e da cultura que reclamaba Cardenal. Anos dos que lembramos aquela imaxe icónica, cando no 1983 na visita a Nicaragua  do Papa Wojtyla diríxese e sinala ao humilde trapense axeonllado pra espetarlle un “Póngase Vd. en orden con Roma”. Condenado pola Igrexa de Roma “a divinis” xunto co seu irmán Fernando e  outros sacerdotes da Teoloxía da Liberación, asuntos aos que Ernesto lle quita importancia pra seguir o ronsel da súa estrela. No 1989, funda e preside, de xeito honorario, na súa Granada natal a “Casa de los Tres mundos”. Deixa o Frente Sandinista no 1994 e apoia o Movemento Renovador Sandinista.

Dende neno practica tamén a escultura, autor do Monumento a Sandino, como unha sombra sobre a lomba de Tiscapa, lugar histórico no que foi apresado Augusto César Sandino e onde os somocistas construíron un bunker. Aínda que pra súa obra prefire a inspiración na natureza, nos peixes, nas plantas e sobre todo na silueta cambiante das garzas e das aves.

Cardenal recibirá innumerables premios en todo o mundo pola súa obra en lingua castelán. Mesmo é proposto no 2005 por autores de España para o Premio Nobel. Ernesto Cardenal sabe ben e de vello de Galicia: el e o  seu irmán foron convidados varias veces polo “Comité Monseñor Oscar Romero”, impartido conferencias nos Xesuítas. Nos primeiros días de xuño do 1997 foi convidado pola Deputación da Coruña pra impartir un recital dentro das actividades do Premio Miguel González Garcés de poesía, coordenadas polo poeta Xavier Seoane. Tivemos a fortuna de acompañalo: como pousada preferiu a soidade do pazo de Mariñán, regaloume uns versos de fondura e esperanza: “La atracción de la Tierra hunde las raíces/ la atracción de la Luz levanta los gromos/ y nosotros como las plantas/ entre la Tiera y la Luz”... e dedicoume algúns dos seus libros. Pediu que o levara a un oculista e atendeuno o doutor García Suárez; vistamos  a Torre de Hércules... Non quixo saber nada dos museos e estrañoume. Pola contra pediume que o levará a “El Corte Inglés”, á sección de alimentación, parouse, preguntou o nome dos peixes e dos mariscos, mercou sprais de cor metálica pra aplicar as súas esculturas, champou pra pelo cano platino e un cepillo de dentes eléctrico... Comentei con Xavier Seoane este particular degoro do poeta e astrónomo pola gastronomía... Brilou como un santo bardo e acendeu aos asistentes no recital que tivo lugar no Teatro Colón da Coruña, despois, na compaña de Manuel María, Luz Pozo, Xavier Seoane, Xulio López Valcarce compartimos cea con il. Ao día seguinte, seis de xuño, recollendo a invitación de Manuel María levamos ao poeta nicaraguano a Monforte de Lemos, a xantar e celebrar  o aniversario de Saleta, pois tiña lido a súa obra, como a de Celso Emilio, Rosalía e Curros. Agasallounos co “Canto Cósmico” (1989) ese intenso, extenso e interdisciplinar poema sobre o ser humano, as galaxias, os anos luz, os pozos negros, entre os que somos namorado po de estrelas.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña