04:26 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-04-2017

Desde hai tres ou catro décadas, hai historiadores que pretenden facer Historia do Tempo Presente

Aplicación da Lei de Memoria Histórica

Valorar (16)

FRANCISCO CALO LOURIDO



A lei 57/2007 ten un longo nome, resumido popularmente como “Lei de memoria histórica”. Esta expresión si figura no texto da mesma, sobre todo cando se fala da creación dun “Centro Documental de la Memoria Histórica” en Salamanca. O que se di na “Exposición de motivos” é que “os poderes públicos leven a cabo políticas públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e ao fomento da memoria democrática” (conxunción de verbas de significado opaco) e a continuación fala da “memoria persoal e familiar de cada individuo”. A xerga dos xuristas sempre é confusa, ambigua e repetitiva. Sendo eu rapaz, ríanse do que un vello patrón escribira na libreta de contas do barco. Cando andaban á sardiña, os tripulantes tiñan dereito a levar 50 cada un, entrando amais no quiñón do que o barco vendese. Isto foi o que escribiu: “Xanicas llevó las cincuenta sardinas, porque las llevó, si no las llevara no las llevaba, pero las llevó”. Despois de ler moitos centos de protocolos notariais, entendín que aquel patrón imitaba o xeito de escribir dos homes de leis. Chegaba con dicir que levou as 50 sardiñas, pero na frase deixou claro que non era obrigatorio levalas e que, aínda así, as levou. Os mariñeiros sempre empregaban na escrita o español (lingua da escola), agás nos moi concisos derroteiros (“Ten a Mama entre as Figueiras e a Forcadiña, e ten o Tremuso Pequeno ao rego da terra do Ouroso”. Se un barco se sitúa aí, asegúrolle que está enriba da Punta do Sur de Mar da Bousa, lugar especial para matar congros).

Volvendo á lei, esta, o mesmo que todas, non é máis ca unha norma xurídica ditada pola autoridade competente, neste caso o Parlamento, que é susceptible de ser desenvolvida nun regulamento e de ser interpretada polo poder xudicial. Feita baixo mandato da socialdemocracia, foi practicamente anulada polo goberno neoliberal, incapaz de se desprender das súas orixes franquistas. No artigo 15 é onde se fala dos símbolos e monumentos públicos, indicando que as administracións deben retirar escudos, insignias, placas, etc. que exalten, persoal ou colectivamente, a sublevación militar, a Guerra Civil ou a represión da ditadura. No apartado 2, engade: “... non será de aplicación, cando as mencións sexan de estrito recordo privado, sen exaltación dos enfrontados, ou cando concorran razóns artísticas, arquitectónicas ou artístico-relixiosas protexidas pola lei”. E no apartado seguinte dise que o “Goberno colaborará coas Comunidades Autónomas e as Entidades locais na elaboración dun catálogo de vestixios...”.  

Desde o primeiro día estiven en total desacordo co nome de memoria histórica por xunguir conceptos moi distintos e, se me apuran, mesmo tratarse dun oxímoro. Eu estou a favor da memoria, dos memoriais e, aínda que non me gusta a expresión, dos espazos para a memoria e ata da creación de mitos; mais iso non implica que os considere historia. Somos moitos os historiadores que opinamos así e, xa que hoxe estou a citar cousas que non me gustan, vou traer aquí unicamente o nome dun historiador norteamericano, autor dunha tese doutoral titulada Falange. Historia del fascismo español, publicada en Ruedo Ibérico en 1965, que me pareceu, cando tiven acceso a ela (a súa obra estivo prohibida en España) un sopro de aire fresco na historia contemporánea española que estaba afeito a ler. Desde hai uns anos, Stanley G. Payne, republicano votante de Trump, defensor de Pío Moa, presentador e gabador do libro de Aznar dedicado aos mozos e un moi longo etc. deixou de figurar no meu santoral laico, mais concordo case plenamente con esta súa cita, feita un ano antes da promulgación da lei, sobre a xa daquela chamada “memoria histórica”, que “ni es memoria ni es historia. Lo que se llama ‘memoria histórica’ o ‘colectiva’ no es tal cosa, sino una versión, o versiones, creadas por publicistas, patriotas, activistas políticos, periodistas o hasta por algunos historiadores interesados”.

Desde hai tres ou catro décadas, hai historiadores que pretenden facer Historia do Tempo Presente. Non é este o lugar para expor as discusións metodolóxicas que esta corrente suscitou e segue a suscitar. Se a nivel internacional o marco inicial  de estudo foi situado na Segunda Guerra Mundial e, posteriormente, no afundimento do comunismo en 1989, en España podo dicir que se retrotrae á Guerra Civil. A entrevista, a oralidade forma parte da metodoloxía empregada, é dicir, recórrese aos recordos das persoas entrevistadas e, como dicía Hobsbawm, se traballamos sobre o recordo propio, como cada quen ten o seu, non pode existir un recordo único. Eu teño dito isto dun xeito máis prosaico, pero igualmente intelixible: en ningures está escrito que os que chegan a unha idade provecta sexan os máis sagaces, intelixentes e sabidos da súa xeración. Expoñémonos a entrevistar a persoas que, talvez si ou talvez non, fosen considerados polos seus coetáneos os máis negados do grupo. Á miña idade xa me teñen preguntado sobre asuntos e situacións que quedaron pola popa hai máis de medio século. Eu sempre digo o mesmo que os antropólogos postmodernos, como Clifford Geerzt: “Así son as cousas ou, cando menos, así as contei”. Os que me coñecen felicítanme pola memoria que teño, pero eu son consciente de que, posiblemente, moitas das miñas lembranzas firmes non son máis que reelaboracións inconscientes a posteriori que adquiriron en min corpo de verdade. É por iso polo que nunca me interesou a chamada historia oral, nin de xeito global a Historia do Tempo Presente, e recoñezo que, como dixo Payne, foi moi oportuna para “algunos historiadores interesados” e para que moitos non historiadores descubrisen unha posibilidade de pasar a ser considerados como tales.

Hai poboacións con nome guerracivilista (Guadiana del Caudillo, San Leonardo de Yagüe...) que se negan a eliminar o posesivo, algo que si fixo Ferrol, e que incluso reciben da Fundación Francisco Franco a oferta de avogados que os axuden a delinquir, mais hai tamén concellos que quixeron cumprir a lei e pasáronse de freada, retirando nomes acollidos á cautela do devandito apartado 2. Os que hai que eliminar son os nomes que enaltecen a Guerra Civil ou a Ditadura, mais non os que só enaltecen a unha persoa, merecente ou non de ser honrada, pero iso é outro tema. Non esquezamos que en corenta anos de Ditadura houbo milleiros de cargos que o máis que tiveron que ver co Réxime foi xurar a súa adhesión, e dicir, o mesmo que fixeron todos os profesores para poder tomar posesión do título, e máis aínda os mestres, aos que se lles esixían campamentos e cánticos falanxistas. Lembremos o vello dito: “A falta de homes bos, o meu home é alcalde”. Por aquilo do río revolto, tamén vemos o contrario: ándanse a poñer novos nomes nas rúas a persoas das que ignoro calquera merecemento de honra pública, non digo privada.

Gustoume ver en Pontevedra (onde tamén hai de todo) un sinxelo “lugar da memoria” na Ruibal dedicado hai pouco, con fotos e un breve texto, ás vítimas de Salcedo. Lembroume o que hai moitos anos se fixo en Alemaña, onde en todas as súas cidades se ven no chan das beirarrúas unhas plaquiñas de bronce cos dados dos veciños da casa contigua asasinados polo nazismo. Aquí temos unha Fundación Francisco Franco, alá todos os xerifaltes foron sometidos a xuízo sumarísimo en Nürnberg e prohibiuse a lembranza pública daquel réxime. Hai un tempo, nunha cervexaría en Freiburg, fixen un comentario sobre o Nazizeit (a época dos nazis) e os que me rodeaban reviráronse estrañados da ousadía de pronunciar ese nome. Diso non se fala e, se se reedita o Mein Kampf, leva unha serie de estudos de historiadores comentándoo. Pero tampouco nos ceguemos; así como en España moitas empresas se beneficiaron dos traballos forzados dos perdedores da guerra, en Alemaña sucedeu o mesmo na Volkswagen, na Siemens, na Bayer, etc. e sobre iso preferiuse que morrese o conto. Non era cousa de xulgar media Alemaña nin de esnaquizar a súa industria.

Para distender un tema tan serio, non quero determe en alcaldes de Beade pagando misas por Franco, nin en pazos de Dona Emilia saqueados ao pobo, nin en Vales dos Caídos, senón que prefiro rematar cunhas anécdotas. Franco e os seus estaban moi dispostos a ver como o seu nome bautizaba vilas e cidades. Sempre foi así; pensemos na cantidade de Alexandrías que fundou Alexandro Magno, mesmo con cabreo de seu pai, Filipo, aínda vivo e reinante. O que vou citar agora, como historiador, non podo asegurar que fose certo, xa que lin sobre o asunto e non se menciona este detalle, pero narro o que eu escoitei. En Cáceres coñezo unha vila chamada Arroyo de la Luz, antes Arroyo del Puerco, disque por un berrón vetón dos moitos que hai desde Ávila a Tras-os-Montes (lembremos os touros de Guisando ou o de Salamanca recollido no Lazarillo de Tormes). Estaba enriba da ponte e os quintos, bébedos, tirárona abaixo e escachou. No ano 1937, solicitouse a Burgos mudar o nome por Arroyo del Caudillo e disque ás autoridades militares non lles pareceu moi oportuno relacionar aquelas dúas verbas. Nese ano pasou a ser Arroyo de la Luz, por unha ermida que hai preto da localidade. O caso seguinte tamén vai de toponimia, pero sen relación con caudillos e similares. Un grupo de veciños de Villanueva del Trabuco (Málaga) contoume que, nunha ocasión, Franco foi visitar a vila e eles engalanaron a entrada cunha grande pancarta que dicía: “Franco, el Trabuco te espera”. A Garda Civil encargouse de corrixir o preocupante xogo de verbas antes de que chegase a comitiva.    

Os concellos, para cumprir a “Lei de memoria histórica” sen facer o ridículo, deberían constituír un equipo de especialistas que, co rueiro e o artigo 15 da lei na man, dilucidasen a quen se debe e a quen non aplicar a damnatio memoriae.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña