13:05 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-04-2017

Esta crise é a primeira do modelo globalizador, que tanto patrocinou e axudou a construír esta Unión Europea

A Europa das nacións e dos pobos

Valorar (7)

ALBERTE SOUTO SOUTO



A Unión Europea abonouse desde hai varias décadas ao goberno da tecnocracia, abandonando con iso a cratoloxía clásica. Certo que manteñen algúns aspectos abordados polos estudosos do poder, entre eles apelar ao uso retórico do interese común das e dos europeos e á identificación Europa-Unión Europea, mais no esencial foise asentando un modelo de goberno onde quen exerce o poder ten como misión principal prestar servizos aos poderes económicos e financeiros dominantes. Xa non se trata de trazar estratexias para ascender e manterse no poder, senón sobre todo dar conta aos poderes ocultos dos traballos prestados.

Ese modelo tecnocrático esta zoqueado. Dunha banda, pola cuestión material. Esta crise é a primeira do modelo globalizador, que tanto patrocinou e axudou a construír esta Unión Europea. As nefastas consecuencias para as maiorías sociais son percibidas como un resultado directo das políticas europeas de liberalización e concentración económica, que arruinaron sectores económicos estratéxicos e puxantes de moitas nacións europeas, que abocaron como alternativa a economías de subdesenvolvemento e precariedade laboral en moitos territorios a custa de ceder actividade produtiva aos Estados centrais de Europa. En Galiza sabémolo ben. Por citar o exemplo clásico, se podíamos producir leite ou capturar peixe e marisco para sermos os dominantes non só no propio país senón nos mercados máis próximos, pasamos a estar abastecidos de moitos derivados de produtos lácteos ou da pesca manufacturados, transformados ou mesmo comercializados directamente en Galiza por empresas foráneas, sobre todo dos Estados que de verdade “mandan” na Unión Europea. Non pensemos que se trata dunha mostra excepcional, senón que simboliza a evolución xeral de moitas reconversións económicas aplicadas polas decisións “tecnocráticas” da Unión Europea.

Doutra banda, a crise de lexitimidade. Aínda co dominio mediático e ideolóxico exercido a través de múltiples institucións, academias, fundacións e institutos de investigación, tamén temos a esperanza que unha parte importante dos habitantes de Europa non comungan con rodas de muíño. A desazón abrolla porque están a facelo para abrazar outras opcións de exercicio do poder tamén autoritario, e que no social afondará nas desigualdades, discriminacións e exclusión sociais. Con todo hai que recoñecer que se presentan no canon clásico político, procurando a reciprocidade directa entre quen aspira ao poder, e os réditos que compromete a quen vai dirixido, aos seus destinatarios. Que parte ocultan deliberadamente desa relación e canto poderán finalmente cumprir xa forma parte doutra análise. Mais, pola vaga de resultados adversos ao establishment comunitario, o asentamento dese modelo -por moito que xa lles acuñaran un termo, o “populismo”, que vai camiño de ter como sinónimo principal o de “apestado” – vai gañando pola franca representación que caracteriza a súa comunicación e relación coa poboación, fronte á adulteración fraudulenta e engano continuados da tecnocracia. Se repasamos nos medios británicos a campaña de parte do partido conservador a prol do “Brexit”, se visualizamos nestes días algúns dos dous debates electorais presidenciais en Francia, a claridade dos postulados de Theresa May o Marie Le Pen non é cuestionábel. No outro lado, case resulta grotesco que se aferren a Jean Claud Juncker, o afamado ideólogo na súa calidade de Primeiro Ministro de Luxemburgo da creación dun dos maiores paraísos fiscais “legalizado” para as grandes empresas transnacionais, para representar a Unión europea actual como o grande espazo de liberdade e xustiza e incluso defender e presentar os trazos da unión comunitaria do futuro.

Esta é a dialéctica que presenta a comunicación masiva, para que o “menos malo” acabe triunfando máis por subliñar as conotacións pexorativas do adversario que por ensinar e exaltar as propias, pois “á falta de pan, boas son tortas”.

Sob ese marco, con calquera das alternativas plantexadas, vai ficando máis claro que non habemos de agardar un resultado favorábel nin para as maiorías sociais nin para as nacións periféricas máis prexudicas, como é Galiza. Con independencia de para onde se incline a balanza, non tiraremos dela réditos para a prosperidade do noso país. Segue, polo tanto vixente, que a nosa solución non depende nin da unión transnacional aquilatada para os grandes poderes económicos nin do revival de relacións con base nos Estados centralizados da vella Europa. Só podemos aspirar a ter futuro asentado nunha nova Europa de todos os pobos, onde o exercicio do poder non descanse nin nas elites tecnocráticas ao servizo dos grandes poderes económicos e financeiros globalizados nin en novos caudillos de anquilosados Estados, que xermole a partir de todas as vellas e novas nacións que hai en Europa.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña