16:40 Mércores, 18 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-04-2017

A teima do partido popular polas fusións en Galiza non ten sentido máis si un obxectivo claro de desviar a atención sobre o déficit público

A suficiencia financeira dos concellos

Valorar (54)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS



Ao tempo que se utilizan en Madrid as maioritariamente saneadas contas da administración local para maquillar os números de cara a Bruxelas o Partido Popular en Galiza, mediante unha estudada campaña nos medios, tenta culpabilizar aos concellos dun xeito demagóxico derivando a atención sobre o tamaño da súa poboación e o que supostamente se aforraría en soldos e servizos fusionándoos. O problema real da administración local é que se ve obrigada a prestar servizos fundamentais en proximidade polo desleixo de outras administracións sen as aportacións orzamentarias precisas para prestalos. Galiza precisa protexer e poñer en valor a tremenda riqueza do noso rural e os seus concellos dotándolles dunha suficiencia financeira acorde cos servizos que presta.

Nun tempo no que o urxente é recuperar o territorio, que a xente volva ao rural dende as grandes cidades e explote todo o seu potencial, a súa riqueza, solo faltaba a ocorrencia de tentar potenciar as aglomeracións en concellos grandes baleirando grandes extensións. E todo co falso argumento do aforro, falso en canto aos soldos dos políticos: a inmensa maioría das concelleiras e concelleiros non cobran máis que unha cativa cantidade por asistencia a plenos, e as alcaldesas, alcaldes e cargos con dedicación cobran uns soldos mínimos na maioría, como quedou demostrado cando dende Madrid por Lei fixaron unhas cantidades moi por riba da media do que cobran os nosos cargos electos.  Falso en canto ao aforro en servizos: si eliminamos servizos, a nosa avellentada poboación tería máis lonxe a necesaria atención e os gastos en desprazamento serían moito máis elevados, así que o abandonamos o rural para non ter que recoller o lixo, levar a auga, etc, e convertemos a Galiza nunha especie de Castela ou non hai aforro por ningures. Claro que si animamos a fusión con dous millóns de euros de premio, como nos orzamentos galegos deste ano a cousa cambia, a costa do resto dos concellos por suposto.

O xeito de situármonos os galegos no noso territorio ven de lonxe e marca o noso carácter e forma de ser, e ten, por suposto, unha explicación: a grande riqueza do noso medio natural que hai que seguir explotando, protexendo e poñendo en valor. Parroquias, concellos, comarcas e nación, así é como debe de ser a organización territorial. Quen diga que en Galiza hai moitos concellos e demasiado pequenos minte. Galiza ten o 3,86% dos concellos (cun 5,8% da poboación e 313 concellos) do Estado fronte ao 27,67% de Castela e León (2.248 concellos), o 11,31% de Castela-A Mancha (919) e o 11,66% de Catalunya (947). Máis espectacular é o dato comparativo de persoas que viven en concellos menores de 1.000 habitantes, en Galiza viven 21.691 persoas, na cola do ranking, e en Castela-León, por exemplo, 452.190.

Quen sobra son as provincias, esas deputacións devoradoras de recursos para o seu propio alimento, con asignacións orzamentarias, a costa dos concellos, e con poucas competencias obrigatorias a desenvolver, e que nin iso algunhas desenvolven utilizando os cartos para estratexias de clientelismo político. Solo a entrada do nacionalismo en algunhas de elas provocou a elaboración de orzamentos onde se distribúen os recursos con base a criterios previamente consensuados entre os concellos e as distintas áreas de actuación, limitándose a fixar as bases do reparto, entregando os fondos aos concellos e verificando que se dedican ás finalidades previstas. Hai que marcar o camiño cara a desaparición destes entes que nin sequera son elixidos democraticamente. A maioría dos seus cargos electos o son en función da maior poboación do partido xudicial de onde veñen polo que non é doado que beneficien ao rural e si aos grandes concellos de onde proceden.

Falamos da necesidade de suficiencia financeira para os concellos que sexa consonte cos servizos que prestan e que demandan as veciñas e veciños. A proximidade e o mellor coñecemento da veciñanza fan non solo inevitable, senón tamén aconsellable que a prestación a realicen os concellos. Necesidade de suficiencia financeira para todos os concellos do Estado que sofren unha inxusta discriminación fronte outras administracións, cando son as que maquillan os números para render contas a Bruxelas, resultando asfixiadas polo ataque normativo (LRSAL, Lei de Estabilidade Orzamentaria,...) de Montoro que impide dende utilizar os superavits até contratar novo persoal.

Pero os concellos galegos están prexudicados entre os prexudicados. Valoremos os datos: os concellos galegos reciben unha media de cincuenta euros menos por habitante e ano, 194,90 euros fronte a media de 243,52 no Estado; o concello de Murcia de igual poboación que todos os concellos galegos de menos de 5.000 habitantes xuntos (200) recibe 91.712.481 euros fronte aos 75.012.998 en total para os 200 concellos galegos; Málaga con algo más de medio millón de habitantes recibe máis, 216.806.333 euros, que as 6 grandes cidades galegas xuntas, con case un millón de habitantes, que reciben 208.427.933 entre todas.

Iso non é todo, para prestar os mesmos servizos, os concellos galegos deben atender á metade dos entes de poboación de todo o Estado, o 28,54% da lonxitude de estradas de titularidade provincial, insular e municipal, e o 15,78% da lonxitude das liñas de alumeado público, e todo cunha poboación moi avellentada que demanda moitos máis servizos e de maior calidade.

Galiza precisa pois, un modelo de financiamento alternativo reforzando a Axencia Tributaria Galega para que nunha primeira fase asuma as funcións de colaboración na recadación de impostos locais, recibindo o traspaso dende as provincias. A segunda fase implicaría que o PIE (Participación nos Ingresos do Estado) ten que pasar a ser un recurso proporcionado pola Xunta, preferiblemente a través dun Concerto económico (como o vasco) ou polo menos aumentando a participación da Comunidade Autónoma nos tributos. Iso solucionaría, de vez, o inxusto dos criterios de reparto, que, por moito que se modifiquen cada cinco anos, van a seguir sendo inxustos a non ser que se estableceran fondos de compensación que anularan os agravios e compensaran por todo o recibido de menos durante anos e anos.

Así pois basta xa da teima das fusións. Pode ser que en algún caso estas podan ser beneficiosas, para identificalas resulta imprescindible facer un estudo independente, social, económico e histórico. Pero en ningún dos casos é unha solución xenérica e estruturada  para determinar unha organización territorial acaída. Menos o é nas dúas fusións feitas polo partido popular a base de talonario, en prexuízo dos demais concellos, feitas ao chou, coa colaboración dos edís do PP que recibiron ademais compensacións políticas no caso dos cesantes que pasaron a ocupar lugares de saída nas listas electorais e ocupan asento no Parlamento galego. O verdadeiro problema a solucionar é o da suficiencia financeira dos nosos municipios e a elo hai que poñerse.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal