03:28 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-04-2017

Sirvan estas páxinas para esbozar unha sintética biografía de Manuel de Pedre, totalmente esquecido

Un mestre republicano: Manuel de Pedre Prego

Valorar (6)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


Manuel de Pedre Prego


Hai xa uns anos, traballando na biografía de Xaime Quintanilla Martínez, demos coa figura de Manuel de Pedre Prego, director do semanario republicano compostelán La República, do que Quintanilla era redactor-xefe, e no que colaboraban varios mozos algúns dos cales, co tempo, xogarían un destacado papel na II República (César Alvajar, Ramón Fernández Mato…). Non puidemos, naquel momento, dedicar tempo a profundizar na traxectoria daqueles personaxes; sirvan estas páxinas para esbozar unha sintética biografía de Manuel de Pedre, totalmente esquecido.

Descoñecemos cando e onde naceu. A primeira noticia da que dispoñemos, de 1887, infórmanos de que se examinara para obter o certificado de aptitude, coa cualificación de aprobado. (El Magisterio Gallego, 25-10-1887). Tres anos despois, o Reitorado da Universidade de Santiago aprobou o seu nomeamento para a escola incompleta mixta de Montemaior (A Laracha). (Gaceta de Galicia, Santiago, 20-9-1890). E en 1892 sabemos que se remitiu á Escola Normal de Santiago o seu título de Mestre elemental. (El Magisterio Gallego, 15-12-1892).

Ao ano seguinte, examínase nas oposicións do Maxisterio, obtendo praza e escollendo a escola de Melide. (El Magisterio Gallego, 25-5-1893). Estando neste destino, cun soldo de 825 pesetas, en 1895 el e o mestre da escola de Viana do Bolo, con idénticos emolumentos, Francisco Ferreiro Nieto, solicitan a permuta das súas prazas, séndolle concedida polo Reitorado. (El Magisterio Gallego, 15-9-1898; 15-10-1895 e 5-11-1895).

Aínda sen rematar o século XIX publica, en dúas entregas, o interesante artigo “Sordo-mudo-ciegos”. (El Magisterio Gallego, 25-2-1898 e 5-3-1898).

Descoñecemos as causas, pero abandona o seu destino en Viana do Bolo, polo que perdará a súa condición de mestre propietario. Non volvemos ter noticias ata 1906, cando asina un escrito, titulado “Por la revolución”, encabezando un grupo de mozos librepensadores de Santiago, dirixido a Fernando Lozano, director de Las Dominicales del Librepensamiento, no que lle piden que os represente no Congreso Librepensador de Bos Aires. No escrito cualifícanse como “emancipados de los absurdos dogmas religiosos y que suspiran por ver cuanto antes implantado el reino de la libertad, de la fraternidad universal”…, finalizando dando vivas ao Librepensamento e á Revolución Social. (Las Dominicales. Semanario librepensador, Madrid, 24-8-1906).

Ao ano seguinte participa nos actos do 1º de Maio en Santiago, desenvolvidos na se da Federación Local de Traballadores (na Rúa Nova). Nun mitin celebrado pola mañá, presidido por Gabriel Nogueira, interveñen os obreiros Alonso, Puentearrochena, Outes, Mareque, Sanmartín “y D. Manuel de Pedre hizo consideraciones sobre el movimiento obrero y el alcance del mismo”. Pola tarde, no mesmo lugar, celebrouse unha velada na que tamén tomou a palabra. (El Eco de Santiago, 2-5-1907).

Volvemos ter noticias súas en 1910, cando envía, como presidente da Juventud Liberal de Santiago, unha comunicación ao xornal republicano madrileño El País, datada en Santiago o 2-9-1910, relativa á conmemoración do 1º aniversario do fusilamento en Montjuich do director da Escoela Moderna de Barcelona, Francisco Ferrer i Guardia. Ferrer, “fiel observador del principio de la libertad de conciencia, que no creía justo imponer sus creencias al discípulo, para que la base da su fe no fuera la autoridad del maestro, que bien pudiera estar equivocado”, fora en vida “la honra del Magisterio de primera enseñanza, cumpliendo con exactitud los preceptos de la sana Pedagogía”. Con este motivo, informa que, para honrar o seu nome, a agrupación presidida por el acordara por unanimidade celebrar unha velada na súa lembranza: “somos deudores de su propaganda, nada nos arredra, nada nos separa de nuestros deberes cívicos para honrar á nuestros héroes y á nuestros mártires”. O xornal congratúlase da celebración deste acto: “Que se celebren en otras ciudades estos actos conmemorativos, no molestará tanto á la gente clerical como este de Santiago de Compostela”. (El País, Madrid, 12-9-1910).

Chega 1911. No mes de xullo reorganízase o Centro Republicano de Santiago, e editan un novo voceiro, La República (para os católicos, órgano do Partido Republicano da cidade). Na renovación parcial de concelleiros nas eleccións de novembro de 1911 os republicanos presentan candidatos en varios distritos, saíndo elixidos José Pasín Romero e Raimundo López Pol. (Dionisio Pereira: José Pasín Romero: Memoria do proletariado militante de Compostela, Santiago, 2012, páxs. 150-152). Manuel de Pedre tamén fora candidato republicano (Diario de Galicia, Santiago, 7-11-1911).

Non imos pormenorizar a traxectoria do semanario dirixido por Manuel de Pedre. Lembraremos simplemente que a súa redacción e administración estaba en Fonte de San Miguel, 7-1º, e que o nº 1 verá a luz o sábado 14 de outubro, no prelo da Imprenta “Eco de Arosa” de Vilagarcía, única disposta a facelo, e na que sairían os números 2, 3, 4 e 5, aínda que a redacción trasladárase a Hortas, nº 39. Outro cambio producirase no nº 6: debido ás presións eclesiásticas, a redacción está na rúa de San Bieito, nº 6, principal, imprentándose agora na imprenta viguesa de A. Fariña. Continuaron as presións eclesiásticas e o semanario decidiu non seguir publicando os durísimos artigos anticlericais (moitos de Quintanilla), o que provocará que este deixe a redacción, como se nos informa no nº 8, de 10 de decembro. Cremos que con este número cesou a publicación.

Na cidade compostelá segue residindo en 1913, cando o encontramos de suplente nunha mesa electoral sita na Escola Normal. (El Correo de Galicia, Santiago, 26-2-1913). Ao ano seguinte colabora con dúas pesetas, e cualifícase de “republicano”, nunha sucrición para o monumento a Montero Ríos. (El Eco de Santiago, 23-7-1914).

Descoñecemos a data exacta, pero volveu ao Maxisterio, aínda que como interino, na escola de Arcos (Mazaricos). En marzo de 1918 presentou unha instancia no Reitorado solicitando a súa rehabilitación para volver ao Maxisterio. (El Orzán, A Coruña, 6-3-1918; El Ideal Gallego, A Coruña, 6-3-1918; El Correo de Galicia, Santiago, 7-3-1918). Pero a Dirección Xeral de Instrución Pública desestimou a súa instancia, lembrando que fora separado do ensino por ter abandonado a escola de Viana do Bolo, á que pasara por permuta dende a de Melide, que obtivera por oposición. (El Eco de Santiago, 2-4-1918).

Dous anos despois, exercendo como mestre interino da 2ª escola nacional de Mañón, ten máis sorte: no Boletín Oficial do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes, do 19 de novembro, publicárase a Real Orde de 27-10-1920 na que se lle concedía o indulto para solicitar o reingreso como propietario no Maxisterio. (El Correo Gallego, Ferrol, 27-11-1920; El Compostelano, Santiago, 29-11-1920). Ao ano seguinte (seguía en Mañón), é nomeado en propiedade para unha vacante na provincia de Ourense, en virtude de reingreso. (El Eco de Santiago, 12-2-1921). Cremos que esta escola era a de Santa María de Bóveda (Vilar de Barrio, Ourense): alí exercía en 1928. (El Correo de Galicia, Bos Aires, 15-1-1928). Temos outra noticia solta deste ano, pola cal sabemos que el e a súa filla Cristina (quizais estaba viúvo) asisten nesa localidade, con outras persoas, ao xantar organizado por un crego, Germán Bretaña, con motivo da súa onomástica. (El Pueblo Gallego, 5-6-1928). Mais no mes de setembro abandona Bóveda, acompañado de Cristina, para facerse cargo da escola de Barallobre (Fene). (El Pueblo Gallego, Vigo, 25-9-1928).

Instalados nesta parroquia, intégranse na vida cultural. En xaneiro de 1929, na renovación da Directiva da sociedade “Liga de Amigos de Barallobre”, Manuel de Pedre é elixido secretario. (El Correo Gallego, Ferrol, 20-1-1929). Pola súa parte, Cristina, a comezos de 1930, é presidenta de honor da sección feminina na nova Directiva da “Liga de Amigos de Barallobre”. (El Pueblo Gallego, Vigo, 8-1-1930). Esta sección colaborou coa celebración da Festa da Árbore. (El Pueblo Gallego, 10-1-1930).

Non esquece Manuel o seu compromiso sindical e, en abril de 1933, é elixido tesoureiro da “Asociación de Traballadores da Ensinanza de Ferrol e Comarca”, da UXT. (El Obrero, Ferrol, 8-4-1933).  Polo seu empeño, e o apoio dun industrial de Ferrol, Alfonso Piñón, erixiuse en Barallobre o “Monumento ao Camiñante Descoñecido”. Os gastos afrontáronse cunha cuestación pública entre os veciños de Barallobre, achegas dende as catro provincias e outros emigrados en América, inaugurándose o 1-6-1934. Manuel presidía o comité encargado de rexer ese espazo. O monumento estaba emprazado nun pequeno xardin de forma circular. No centro, dúas columnas lisas que ascendían sostiñan un tellado, na parte inferior do cal figuraba o plano da localidade e contornos; entre as columnas, un banco de dobre asento, un mirando ao mar, cara Ferrol, e outro cara á vila. Fronte ao primeiro banco había outros tres, nos que figuraban os nomes de Eduardo Pondal, Otero Pedrayo e Rof Codina; ao lado esquerdo, formando ángulo co primeiro dos bancos, estaba a biblioteca, aberta a todas horas, con andeis cheos de libros de diversos temas e, na parte inferior, numerosas revistas españolas e estranxeiras. (Estampa, Madrid, 15-12-1934; a fotografía que ilustra este artigo é a de Manuel de Pedre nesa biblioteca).

En xullo do ano seguinte constituiuse a sociedade “Monumento ao Camiñante Descoñecido”, sendo Cristina de Pedre elixida secretaria. O primeiro acto foi unha festa dedicada ao Camiñante Descoñecido, á que asistiron os “Exploradores” de Ferrol, “Os Amantes do Campo” e os “Amigos das Árbores”, da Coruña, e outras entidades galegas. Un dos fins da entidade eran a plantación de árbores e a difusión da cultura. (Vida Gallega, Vigo, 20-7-1935; El Correo Gallego, Ferrol, 16-8-1935). No mes de novembro celebrouse un certame de acordeóns no espazo do monumento; previamente, realizouse unha velada literaria co estudante José Hermida López, presentado por Cristina de Pedre. (El Correo Gallego, Ferrol, 19-11-1935).

Chegan os fatídicos días da sublevación militar de xullo de 1936. Triunfantes os golpistas, por parte do gobernador civil da Coruña impuxéronse diversas sancións “al personal marxista del Magisterio”: Manuel Pedre Prego, mestre de Barallobre, é sancionado con suspensión de emprego e soldo. (El Correo Gallego, Ferrol, 17-8-1936). En novembro do ano seguinte tiña que presentarse ante a Comisión Depuradora do Maxisterio. (El Compostelano, 23-11-1937). Foi reposto provisionalmente da súa escola de Barallobre en decembro de 1938 (El Compostelano, Santiago, 15-12-1938) para ser separado definitivamente do servizo, con baixa no escalafón, no verán de 1940. (El Compostelano, Santiago, 9-7-1940).

 -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal