15:11 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-03-2017

Nas súas ansias desaforadas para destruír as comunidades de montes, a Consellaría do Medio Rural, non lle doen prendas en incumprir a Lei de Procedemento administrativo

Para destruír o monte veciñal e as comunidades de montes, se hai que vulnerar a lei, vulnérase

Valorar (7)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



Para os intereses capitalistas da industria da madeira, pasteira e de valoración enerxética, a existencia do monte veciñal (terras fóra do tráfico do comercio), e das comunidades de montes (titulares que xestionan democraticamente as súas terras), son unha pexa. Se o monte veciñal e as comunidades de montes non se destrúen, se non se eliminan, o modelo de monte destes intereses capitalistas, terá serios problemas para implantarse. O modelo de monte destes intereses capitalistas é o de monocultivo forestal (especies de crecemento rápido e cultivos enerxéticos); un modelo colonialista economicamente e agresivo medio ambientalmente. Un modelo onde imperará o círculo vicioso de plantar-cortar-abandono-lumes-degradación.

Neste ataque despiadado contra esta titularidade comunitaria, titularidade singular da nosa nación, estes intereses capitalistas, non están sos. Teñen aliados. O principal aliado é o Partido Popular, que dende o gobernos da Xunta de Galiza, e dende a Consellería do Medio Rural, sacan unha tras outra lexislación contra o monte veciñal e contra as comunidades de montes. Mais, teñen máis aliados, como son algunhas asociacións forestais que tragan unha por unha todas as lexislacións agresivas contra esta titularidade comunitaria.

Co obxectivo de destruír o monte veciñal e as comunidades de montes, o Partido Popular, emprega dúas tácticas, seguramente como consecuencia da súa mentalidade policial. As que puideramos denominar a branda e a dura. Na táctica branda (conseguir o se obxectivo sen que pareza que o consiga), podemos situar o feito de que na lei de Acompañamentos para os Orzamentos da Xunta de Galiza, para o ano 2017, contempla que aquelas comunidades de montes que se integren nunha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor), seranlle condonadas as falsas e inxustas débedas dos consorcios e dos convenios. Mais, que significa de verdade isto? Significan que entregan as súas terras comunitarias a unha empresa madeireira, pasteira ou de valoración enerxética. Polo tanto estas xa teñen terra, de balde, para por en practica o seu modelo de monte de monocultivo forestal. Xa que logo, obxectivo conseguido, que non é outro que roubarlle a xestión das súas terras a veciñanza comuneira.

Coma exemplo da táctica dura (roubarlle si ou si as terras a veciñanza comuneira), podemos situar o borrador do decreto polo que se modifica o regulamento para a execución da lei de montes veciñais actualmente vixente e polo que tamén se regulamenta o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal. Na práctica o que fai este borrador de decreto  e por tal cantidade de trabas burocráticas as xestión dos montes veciñais en man común que máis da metade das comunidades de montes da nosa nación, terán que abandonar a xestión das súas terras comunitarias para que logo estas, sexan entregadas pola Consellaría do Medio Rural, as empresas forestais privadas.

Para acadar este obxectivo e, amparándose na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, a Consellaría do Medio Rural, quer obrigar dende xa, a que todas as relacións que teñan as comunidades de montes coa Administración, fáganse por vía telemática, cando a maioría das comunidades de montes non dispoñen destes medios e mesmo cando no rural hai problemas técnicos (cobertura telemática), para poder realizalos. E isto, faino a Consellaría do medio rural que se supón, debe ter un coñecemento da realidade do medio rural.

Nas súas ansias desaforadas para destruír as comunidades de montes, a Consellaría do Medio Rural, non lle doen prendas en incumprir a Lei de Procedemento administrativo común das administracións públicas. Non é que non permita, como indica a lei, un tempo de adaptación até outubro do 2018, para poder cumprila con certas garantías. E que mesmo vulnera 12 artigos da mesma lei. Vulneración no mesmo sentido (sacar o dereito de corrixir posíbeis erros, non ter dereito a audiencia, non notificar erros, non asesorar, en caso de dúbidas os administrados/as…

Estes elementos do Partido Popular, que vulnera as leis para destruír as comunidades de montes, son os mesmos que ladran como cans para esixir, por exemplo que os nacionalistas cataláns cumpran coa lei no proceso político que están a padecer polo simple feito de sacar as urnas a rúa para coñecer o sentir do pobo catalán ao respecto a súa soberanía. Cumpre as leis o Partido Popular? Si, cumpre a lei do funil. Para min para os meus aliados ancha, para os demais achicada.

 -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña