18:32 Venres, 21 de Setembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-03-2017

A historia foi escrita polos vencedores e divulgada pola literatura. A deformación de Gruoch, raíña de Escocia entre 1040 e 1057, máis coñecida como Lady Macbeth

A muller que le (II): Grouch

Valorar (6)

MARTA DACOSTA ALONSO



O ano pasado a escena cultural inzaba con produtos que querían lembrar a Shakespeare. Eu sempre sentín certa atracción pola obra do inglés, así que procurei aproveitar a oportunidade: Macbeth segundo Kustin Jurzel. Impresionoume. O cine ten o poder de nos inundar desde os ollos, e deixeime levar pola brétema que envolvía as parcas desde a primeira escena.

A partir de aí comecei a debandar o meu nobelo. Lady Macbeth pasou ao centro da miña imaxinación e as conversas, as procuras en internet, as lecturas, eran para saber máis da muller que Shakespeare retrataba. É a miña teima de non crer nas aparencias. De negarme a admitir a primeira descrición dunha persoa, especialmente se é muller. A teima de tirar os veos para atoparme coa realidade e chegar ao fondo dos motivos. A necesidade de comprender.

E algo me dicía que tiña que haber máis. Ou menos. Todo o que sabemos de Lady Macbeth é real? Quen era ela? Cales son as diferenzas entre a historia e a obra literaria? Cumpre a obra algún papel político?

De primeiras repasei o exemplar de Macbeth que había na casa. Por que ela non era nunca mencionada polo seu nome?. Por que sempre aparecía co nome del?. Quixo o autor crear dúas personaxes na escena que eran na realidade as dúas caras dun carácter?

Logo descubrín o artigo de Lydia di Lello sobre a peza teatral “La señora Macbeth”, da arxentina Griselda Gambaro. No artigo, di Lello traza a xénese da peza de Shakespeare. O seu Macbeth bebe da obra de Raphael Holinshed,  The Chronicles of England, Scotlande, and Irelande, (1577) quen á súa vez tivo como fonte a Hector Boece (ou Boethius), a súa Scotorum Historiae (1526). Di Lello deixa no seu texto o fío que eu intuía: “Esta versión escura non parece compadecerse coa realidade histórica. Os historiadores afirman que o verdadeiro Macbeth foi un monarca popular que accedeu lexitimamente ao trono. El e a súa esposa Grouch Inge Boite reinaron en Escocia entre 1040 e 1057.” Mais que atractivo dramático pode ter un rei que accede lexitimamente? Non hai conflito, non hai traxedia. E Lydia di Lello engade: “A imaxe envilecida de Macbeth deberíase a Boece que, na súa Historia Gentis Scotorum (desta forma denomina a autora a Scotorum Historiae), teríao denigrado para compracer o seu mecenas, o rei Xacobe V de Escocia, coa fin de exaltar un hipotético antepasado do monarca, Banquo.” (Di Lello 2008)

Outra vez, a historia manipulada e escrita polos vencedores, destinada a construír outro futuro. E a literatura actuando como difusora dese pensamento. Liliya Shmyhelska sinala como a obra é unha reflexión sobre a lexitimidade do rei, concluíndo que “tenint   en   compte   en   que   ha   desembocat   el   seu   regnat,   Macbeth   perd   tota   lalegitimació   d’ocupar   la   posició   del   rei.   Shakespeare   en   paraules   de   Macduff,   expressa   la necessitat de derrocar-lo però no la relaciona directament amb l’assassinat del rei legítim sinó amb el malestar i el patiment general d’Escòcia.” (Shmyhelska 2013, 23). Mais non é este o tema que nos ocupa.

Foi dese fío, a historia escrita polos vencedores, do que acabei tirando. Quen fora Grouch filla de Boite, raíña de Escocia? Gruoch casou con Macbeth ao enviuvar do seu primeiro marido e pai do seu fillo Lulach que tamén sería rei de Escocia. Convértense en reis en 1040, despois de que Macbeth derrotase Duncan en batalla. O reinado remata coa morte de Macbeth en 1057 a mans do fillo de Duncan, Malcolm. Non hai evidencias históricas do papel que lle atribúe a traxedia.

Víctor Beser e Félix Calero subliñan un feito elemental: “Shakespeare é un dramaturgo, non un historiador, e a historia só lle interesa como marco de ambientación” (Beser Sastre, Calero Sánchez 1988, 191). Estes autores sinalan unha terceira peza como fonte do escritor inglés: Rerum Scoticarum Historia de Geoge Buchanan (1583). Teñamos isto en conta. O dramaturgo non é historiador. É un construtor de carácteres. Shakespeare sobresae pola fixación das virtudes e os defectos mediante a creación de personaxes que pasaron a ser arquetípicos e faino de acordo coa sociedade do seu tempo, de acordo co pensamento do seu tempo, dentro da tensión relixiosa da época: a confrontación entre católicos e protestantes, do lado dos católicos. Outra cuestión é que hoxe releamos as súas personaxes cos lentes que nos dá o presente, creando unha nova entropía para o texto clásico.

Os novos lentes que nos permiten rebuscar entre as liñas borrosas dos libros que tentan retratar a historia pasada onde lemos que Gruoch era, cando menos, tamén lexítima herdeira do trono, como neta de Kenneth III. Algo que non recolle a obra de Shakespeare, que se limita a seguir o retrato que dela fai Holinshed que só se refire a ela unha vez e “como a ambiciosa muller que instigou o seu marido a cometer asasinato para conseguir ser raíña” (Guarinos 2007, 336). Gruoch e Macbeth son curmáns e ambos os dous descendentes de Keneth III, por tanto os herdeiros lexítimos tras a morte de Malcolm II. Mais este alterou o sistema dinástico escocés (o Tanistry, un sistema alternante entre as dúas ramas de sucesores do primeiro rei) e nomeou herdeiro o seu neto Duncan, contra quen se rebelaría Macbeth. O escritor e psiquiatra José Carlos Somoza engade que Gruoch foi traizoada pola súa madrasta, quen asasinou o seu primeiro marido coa axuda de Duncan e non herdou as terras do seu pai como lle correspondía por ser a primoxénita. É nese momento, segundo este autor, cando Gruoch foxe e casa con Macbeth.

É difícil, desde este presente, cruzar a brétema do pasado e ler con claridade naqueles textos de entón. Non sei se chegaremos coñecer con precisión os detalles da vida da raíña de Escocia entre 1040 e 1057, Gruoch. Mais o que parece certo é que a muller histórica tiña dereito lexítimo ao trono. Nin as pretendidas crónicas históricas, nin a literatura recolleron este feito. O dramaturgo bebeu das fontes contaminadas de quen fixou a historia  queréndose herdeiro de Malcom III “Cabeza grande”, fillo de Duncan, que sucedeu a Lulach, fillo de Gruoch. Malcom III foi o primeiro rei de Escocia educado en Inglaterra e casado en segundas nupcias cunha descendente da coroa inglesa, con el anglificouse Escocia, perdeuse o modo de vida tradicional e a lingua gaélica. Isto xustamente é o que queda nas bambolinas dos textos históricos e literarios que converxen para agrandar a memoria dos reis do XVI e sustentar un pasado glorioso para Inglaterra en detrimento da memoria de Escocia.

E neste proceso, unha muller, unha raíña lexítima é privada do seu pasado, perde o seu nome e acaba por se converter no retrato da ambición, nunha ferramenta para construír unha imaxe distorsionada do rei que foi o último en manter a cultura escocesa e a súa lingua. Gruoch e Macbeth foron reis durante dezasete anos e o seu reinado significou a unión dos clans escoceses e a pacificación do territorio. Un reinado que ameazaba con consolidar Escocia como reino fronte a Inglaterra.

Referencias:

Beser Sastre, Víctor; Calero Sánchez, Félix, 1988, “Macbeth y la historia”, Parole: revista de creación literaria y de filología, n. 1, p. 191-202

Di Lello, Lydia, 2008, "El lugar del lenguaje en La Señora Macbeth de Griselda Gambaro". La revista del CCC [en línea], n° 3.

Guarinos, Virginia, 2007, “Lady Mal.Beth”, Comunicación, Nº 5, pp. 333-346

Shmyhelska, Liliya, 2013, Macbeth : l'aportació de William Shakespeare al pensament polític modern, traballo de fin de grao en Ciencias políticas e da Administrasción, Universitat Pompeu Fabra

Somoza, José Calos, 2005, “Remordimientos de una reina”, El País semanal, 22 de maio.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal