12:15 Xoves, 15 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2017

A utopía dunha Galiza soberana

A cidade xardín

Valorar (6)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Galiza, un territorio rico por natureza e recursos, sofre dende hai séculos un sen fin de atrancos para o seu desenvolvemento. Formamos parte dunha nación rica que, porén, non é quen de asegurar o benestar do seu pobo. A dependencia e falla de soberanía couta todo intento de progreso e de prosperidade para galegos e galegas. A denuncia da raíz política e histórica desta situación foi sempre central no movemento nacionalista galego, o único que analiza deste xeito a situación e está interesado en revertela. Xa dende os comezos do nacionalismo se quixo salientar que, de salvarmos os obstáculos que mantiñan a terra aferrollada, Galiza tería futuro como país próspero entre o concerto das nacións do mundo. Castelao visibilízao perfectamente na pasaxe do Sempre en Galiza onde a imaxina convertida nunha cidade xardín, nun lugar constituído por comunidades de pequenos propietarios que habitarían en harmonía  e equilibrio coa natureza todo ao longo e largo do país.

Certamente este desexo de Castelao non se puido sequera comezar a implantar na súa época, e hoxe en día os trocos sociais, económicos e de todo tipo semellan situar ese obxectivo en algo igual ou máis inacadábel. Deixando de fóra a realidade política inmediata, de analisarmos os dados demográficos, poboacionais e os que deles se derivan, podemos afirmar que o noso país sofreu unha serie de trocos estruturais que en moitos sentidos nos obrigan a repensar estratexias e medios para lograr a anceiada Galiza liberada. Dende hai aproximadamente medio século a estrutura económica e poboacional galega variou fortemente. Contrariamente á Galiza dos anos 50 do pasado século, o sector primario vai camiño de ser residual no noso país, mesmo caendo por baixo dos países máis industrializados do mundo, cando se pode afirmar que fumos dos derradeiros territorios cunha economía e sociedade rurais no contexto do occidente europeo. A Galiza labrega e mariñeira xa non é o que era, e case xa non é, simplemente.

Avellentamento da poboación (con pirámides de poboación invertidas, sen apenas base sobre a que se sustentar), proceso de urbanización (concentrado nas sete cidades e áreas de influencia, sen por iso supor que esas áreas teñan dinámicas positivas en canto a poboación ou renda), concentración na franxa costeira a través da depresión meridiana, terciarización da economía, proletarización, emigración no interior de Galiza pero tamén –e fundamentalmente- cara ao estranxeiro, son algúns dos vectores máis importantes que podemos comprobar nunha visión sintética. E infelizmente este é un proceso que non está en vías de se reverter de contado nos seus aspectos negativos. Mesmo agora, no século XXI, segue a afondarse en dinámicas que nos sitúan no despoboamento do rural, con lugares e aldeas abandonadas, coa extinción dunha cultura milenaria a elas asociada e que está no cerne do que fumos e somos. Con John Berger afirmamos que o mundo labrego é un mundo de sobreviventes, dende hai milenios; pero quizais hoxe, no mundo e na Galiza actuais, por vez primeira os labregos e labregas non sexan quen de sobrevivir, de seguir sendo uns sobreviventes.  No que levamos de século perdéronse os dous terzos dos empregos existentes no sector primario, e a poboación rural desceu de tal xeito que preto do 70% dos galegos e galegas viven agora en áreas consideradas urbanas. A alta densidade de poboación, característica de Galiza durante centurias, só se mantén a duras penas nas sete cidades e algunhas cabeceiras comarcais, alimentándose máis da mingua demográfica do interior ca froito de dinámicas positivas propias ás máis das veces. Todo este panorama obriga a unha reflexión, a  repensarmos como sería, como será esa Galiza ideal e harmoniosa do futuro, como habemos de organizarmos para acadar esa cidade xardín soñada, e que habemos facer para conquistala.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal