16:03 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-03-2017

Contra tanta esmorga e esperpento, tan propensos nun país sometido a aculturación, don Ramón abandeirou a dignidade de Galiza, fíxoo través do seu exemplar humanismo

Otero Pedrayo naceu nun 5 de marzo de 1888

Valorar (23)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Otero Pedrayo naceu nun 5 de marzo de 1888

Un pobo culto para aprender dos atinos e dos desatinos  fai memoria e celebra a súa Historia. Pois velaí que tal día coma hoxe, pero en luns de Coresma, naceu en Ourense, no número 21 da Rúa da Paz, Otero Pedrayo. Debera chamarse Adrián por cuestión de santoral. Pero chamarase Ramón, aínda que en varias obras súas con carácter autobiográfico e sempre dentro dese simbolismo que non perderá, el mesmo terá a liberdade de escoller o de Adrián, co apelido de Solovio ou Soutelo, facendo honra ao seu avó paterno, señor da casa Grande de Cima de Vila en Trasalba. Predios dos devanceiros, algún deles, dicía, aínda se lle escoita purgando penas como pantasma amortallado de habito franciscano polas táboas do corredor... Parte dividida de terreos e casa que foi do Pazo do Campo, parte brasonada, con patín, a máis solemne, e pese a todo abandonada, quizais por ser herdo considerado maldito, onde mesmo puxo escola Noriega Varela.  Ao final da vida de don Ramón tivo que vendelo, os novos propietarios encetaron pretensiosas obras que quedaron e seguen paralizadas. A Casa de Cima de Vila  significaba para don Ramón como Combourg para ao seu admirado viaxeiro bretón, Chatoubriand. Namentres que a casa de nacemento e morte, a da rúa da Paz, ou “dos zapateiros” a que que conduce da Fonte do Ferro á catedral de  Ourense, era como a casona urbana de Saint Maló para o autor das “Memorias de Ultratumba”, obra relida até no mesmo intre final da súa vida. No segundo andar daquela casa viviu sempre don Ramón e no primeiro  Vicente Risco, amigo de sempre e que xa de neno dirixía discursos aos gatos dos tellados das casas que rodeaban o Eirociño dos Cabaleiros.

O pai pra celebrar o nacemento do seu vinculeiro, dis que seguindo unha vella tradición celta, plantou unha  exótica árbore que don Ramón, morreu crendo que era unha araucaria, cando aquel seu memorable “irmanciño”, como gustaba contar, seica era, segundo publicaron despois os entendidos, un pinsapo. Chegou a dicirse que era unha das árbores máis fermosas da Galiza, competente ser era.

Contra tanta esmorga e esperpento, tan propensos nun país sometido a aculturación, don Ramón abandeirou a dignidade de Galiza, fíxoo través do seu exemplar humanismo. Patente nel a lealdade á casa, aos seus, ao que queda de tribo, ao Nós plural e maxestático que implica vencello e devalar da paisaxe e máis da paisanaxe que diría Unamuno e Manuel María.

Fillo único, de pai médico, liberal, lugués esparteirista convencido que é desterrado a Barbantes, o doutor Henrique Otero Sotelo, deputado na Deputación de Ourense dende a que apoia e defende das políticas beatas e rancias as publicacións de Curros, e nos seus discursos insiste en que “as corporacións populares están pra estimular aos xenios”. A nai, dona Eladia Pedrayo Ansoar, procede de terras próxima a Oseira, nas abas da serra da Martiñá, ambos os dous proxenitores de liñaxe fidalgo, terratenentes nas bocarribeiras e ribeiros do Miño e do Barbantiño. A casa de Trasalba aínda que ben murada, era sempre de porta aberta ao ben e aos amigos dunha ou doutra caste, onde o tresillo do estrado, con ou sen braseiro, era tribuna pra conversas interminables, máis do humano que do divino, entre barbudos señores de levita e chalina... O neno enfermizo, era de poucas lerias, a non ser cando caprichoso escachaba a louza do xantar, entre as gargalladas dos seus e dos criados. Irá aprendendo, escoitando, pra, de vello artellar lembranzas, contalas e compartilas . “A Historia dun neno” é libro autobiográfico de fácil lectura, ideal para  entrar en Otero, na bocarribeira e no cosmos de Galiza.

E ao longo da vida sempre a lembranza do pai, mostrándolle dende a cima da Trasalba empoleirada na bocarribeira o decorrer do Miño cara ao solpor, co Coto de Novelle coa súa inconfundible silueta de moucho, que semella indicar que ten baixo del a confluencia do Miño co Avia e a capital dos cinco ribeiros, Ribadavia... sobre Punxín do San Vintila o pico sacro do  San Trocado e o castro de San Cibrao das Las ou “Cidade de Antioquía”  que agora acuñaron como “de Lás”, cousas de sempre que sabe ben Bautista Álvarez que tamén ten, mesmo alí, a súa Itaca, Loucía... camiños do Carballiño, baixo a Madanela, monte con silueta de can de palleiro deitado, dicía Otero... Aquel pai  xeneroso que  atendía na solaina aos paisanos doentes e que se retiraban polo patio adiante botando bendicións á casa. Proxenitor que morre cando o fillo contaba quince anos, pra pasar o mociño a ser, coa nai, dona Eladia, o señor da casa.

“SER DIFERENTE E SER EXISTENTE”


Abondan os artigos e pra adentrarse nesta historia, de xeito sinxelo, recomendo a biografía de Otero Pedrayo da autoría de Carlos Casares.  As memorias de Otero son as dun fin de milenio, onde os cambios industriais, os movementos obreiros anuncian o futuro e consolidan a necesidade dos nacionalismo. Tempos nos que o subxectivismo romántico desemboca  no parnasianismo e no simbolismo que abren a un exótico florecer do Modernismo no que conflúen tantos “ismos”, tantas estéticas con cada súa ética. Momentos nos que se descobre un principio do humanismo, con alicerces no humus, no ser humano, que a orixinalidade está na mesma orixe, na terra que pisamos. Entón Galiza considérase “célula de universalidade”.

Estuda o bacharelato no solemne caserón Instituto do Posío, pétreo cofre de esencias decimonónicas, ás que tanto gustaba regresar Otero, esas que semellan reflectidas no seu ilustrado e escaiolado Paraninfo, onde aínda ecoan as leccións de Retórica do crego astorgano Marcelo Macías, así como as do profesor de xeografía Moreno López. Singulares espazos dese Ourense no que se couta e afortala a amizade cos seus veciños, Vicente Risco e Floro Cuevillas, pra conformar un trío transcendente na Historia contemporánea de Galiza. Mozos inquedos, rebeldes intelectualmente para os que a política era cousa de aspirantes a caciques provinciais. Alumnos estimulados polos profesores con xeiras polos arredores, San Pedro de Rocas, Ribas de Sil, Celanova, Allariz... a visita á señorona Pardo Bazán no Concello, colaborando coas pescudas da Comisión de Monumentos e do saber de don Arturo Vazquez Nuñez, dandi innovador, metido  tanto en arqueoloxías como nas novísimas literaturas francesas e europeas.

Seguen os estudos de Letras en Compostela e como moitos ourensáns escollerá fonda onde para a liña e os arrieiros que transportan o viño dos ribeiros, preto do Arco de Mazarelos. Un ano despois dubida en irse á Salamanca de Unamuno, pero escolle Madrid, a onde se vai con dazasete anos a estudar Letras e Dereito nesoutro caserón, o de San Bernado. Universidade atufada de retórica, envellecida, lembra. Días de parladoiro de café, atento a canto acontece no Ateneo, entre  aquelas sombras románticas e retratos de próceres literarios “arringleirados como os nichos dun camposanto”. Ao cabo do tempo cualificaría aqueles anos de Madrid de baleiros. No 1911 retorna a Ourense, cos seus amigos de sempre súmase á  vida do Ateneo, fundado no 1914 e animado por Marcelo Macías, por  Xulio Alonso Cuevillas, e sobre todo polo catedrático, motor de iniciativas, Lousada Dieguez... entre estas e por primeira vez, pese á oposición dalgúns socios, os recitais en galego de Noriega Varela.

DO REXIONALISMO ROMÁNTICO AO NACIONALISMO DE VANGARDA

No 1917 aqueles mozos aínda autodefinidos como  “inadaptados” e “raros” crean “La Centuria” revista que zumega individualismo mozo, culteranismo, exotismo, experimentación a través dun “ser diferente é ser existente” asentaba Risco... Virarán rotundamente o rumbo, cando no 1916, a carón do Faro de Hércules, na Coruña, escintilan as Irmandades da Fala. Entón  Lousada Diéguez, atento ao acontecer galeguista, toma nota e transmite aqueles ideais aos mozos que deica entón daban voltas “Arredor de si”, fenden  o couto do dilectantismo  e mesmo vanse en grupo á estación de Ourense a agasallar ao líder catalanista Cambó cando ía no tren vía Coruña. Tentativas e fracaso electoral no 1918 para pasar a a definirse, rotundamente, como nacionalistas galegos e falar da federación de pobos ibéricos, da igualdade da muller...

No 1919 Otero consigue a cátedra nun instituto de Burgos, a que e a fin de curso permuta para irse a Santander, onde coñece a Xosefina Bustamante, “Fita” natural de Cervera de Toranzo. No 1921 trasládase para o Instituto de Ourense, participa na terceira asemblea nacionalista, celebrada en Vigo, multiplica as iniciativas, colabora en  “A Nosa Terra”, voceiro das Irmandades, tamén en “Nós” revista creada no 1920. E un 12 de outono de 1923 nunha xeira, seguindo pola Maía os pasos de Rosalía, na casa de Ortoño e da forza da terra que fai afondar as raiceiras pra novos floreceres e sementeiras, nace o “Seminario de Estudos Galegos”, Otero será o encargado da sección de Xeografía, particular xeito de entender a natureza, como prolongación panteísta do ser humano, en constante devalar. Perda a de non seguir nas aulas composteláns aqueles principios do humanismo.

LITERATURA BÁSICA PRA ENXERGAR GALIZA


Don Ramón gusta agora de compartir por todos os vieiros canto enxerga e sabe. E será a partir de 1924 por mor de premialo o Seminario pola súa obra de Teatro “Pantelas home libre” cando comezará a brotar, como se dunha fervenza se tratara, toda a súa creatividade literaria. No 1928, “Os camiños da vida”, 1930 “ Arredor de si”, no 32 os “Contos do Camiño”, no 36 “O Mesón dos Ermos”... Abrindo ao que cumpría abrirnovelas arredor de Xelmírez, de Rosalía.... os ensaios sobre o Padre Feixoo, Marcelo Macías, a Encomienda de Beade... E dalgún xeito a literatura de Otero Pedrayo pasará a estar presente nos substratos de moitos escritores que lle seguiron. Foi un referente, con un antes e un despois.Converteuse nun símbolo dunha xeración, a dos bos e xenerosos. Por algo Castelao, que ben sabía o que facía, a derradeira vez que o viu, apertándoo contra si , díxolle aquilo de “Abrazarte a tí e abrazar a Galiza”.

Literatura, culta, suxestiva, guións cinematográficos aínda por levar á pantalla. Autor do imprescindible “Ensayo histórico sobre la Cultura Gallega” (1933) base da “Alba de Gloria” de Castelao. No 1926  de a “Guía de Galicia” fundamento das demais. Iniciativas necesarias que normalizaban Galiza na calidade, na dignidade entre tanto esperpento, estridencia que non son máis que efectos da aculturación. Asías, pontes que foron  tronzadas por unha guerra que sementou paseados, fusilados, exiliados, medo. Risco encunchase na casa e renega...  no 1937 apartase  a don Ramón da súa cátedra, fai agora artigos como encaixes e mantén a dignidade confiando no “nivel de espírito” . Cátedra que se repón no 1948 e no 1950, aos seus  62 anos, aínda ten ilusión, oposita e gaña a cátedra  de Xeografía da  Universidade de Santiago. Compostela semella recuperar as súas esencias galegas, barrocas e humanistas, agora novamente ausentes. Non faltaron as adulacións interesadas, no 1975, impotente, sen saber dicir que non, metérolle a Medalla de Alfonso X, polo ministro da ditadura Martínez Esteruelas... A mocidade abría outros camiños, tamén no nacionalismo galego,  cando FENOSA asolagaba Castrelos e a emigración cara Europa seguía.

No Entroido do 1973 un vendaval  derrubou a “araucaria”  do xardín de Trasalba, caeu sobre a solaina de pedra e o cabaceiro... entendeuno don Ramón como ruín agoiro. E así foi: despois de medio século de matrimonio, no 1975 morrería Fita, seguiu a enfermidade, a soidade, lembro as derradeiras conferencias, acompañando do inesquecible Antón da Ponte,  e o pasamento de don Ramón, un 9 de abril de 1976. Co madeira do “irmanciño” os amigos farían o seu cadaleito.

Máis afeitos agora á  galaxia audiovisual, custa meterse cosmos de Otero. Compre facelo a modo, igual que se cata un bo viño tostado. Si sé entende a Otero, entendese a Galiza,  e se se entende a Galiza enténdese a Otero. E como haber hainos, tampouco, faltaron os máis papistas que o Papa, os “braghettones”, como teimaba Manuel María, capaces de mudar os seus textos  coa intención dis que de facelos máis accesibles, arrimándoos ao castelán imperante.

Naquel “locus amoenus”, a  casa de Trasalba,  pousaba o “genius loci” romántico, non se lle tocaba a nada, todo estaba no sitio onde o deixaron os devanceiros. Gustaba  don Ramón de mostrar, respectuoso, a vella adega, cos pipotes aliñados como soldados da fartura da casa, vixiantes dos xamóns, dos lacóns, dos touciño, dos paquetes de unto pendurados das bigas. Endexamais faltou alí, para os amigos e máis para os mozos novos, como el dicía,   un brinde por Galiza cunha copa de Porto ou  desa augardente vella, agasallo de irmandade dos amigos portugueses, Teixeira, Rodrigues Lapa, Santos Junior...

Don Ramón deixou a Casa de Trasalba en herdo a Galiza, a vella adega transformouse nun auditorio. A casa da rúa da Paz, a de Risco e Otero, vendérona os herdeiros, o seu futuro é incerto. Namentres ollamos como no Eirociño do Cid, perdeuse, a taberna literaria de “O Volter”, onde tras as teorías de Risco e Otero naceron “Os Artistiñas”. Escenarios, anacos da Historia de  Nós. Agora, sobre o remol da lembranza, brindamos con viños vellos e pousamos unha ramiña florida de loureiro.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña