11:33 Martes, 07 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-02-2017

O chamadeiro distes montes debeuse motivar por algunha circunstancia definitoria e persistente que debeu ser común a istes paraxes

Laboreiro, Leboreiro e Liboreiro: Tres nomes diferentes e un só significado

Valorar (10)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Monte Liboreiro (Bueu)


Para explicar a orixe do nome LABOREIRO, o Elucidário de Viterbo, na entrada LAPÊDO, exprésase así:Em os mais antigos documentos, se disse CASTRUM LAPORETO o que hoje nomeamos CASTRO LABOREIRO, tomando o nome da pasmosa rocha em que está fundado; e o mesmo dizemos da torre da LAPELA, fundada sobre uma grande penha. Do latino “lapis” se originou LAPEDO, LAPORETO e LAPELA”.

A interpretación que corre, do monte LEBOREIRO de Melide, é a que dá o Códice Calixtino; que o entende como, un CAMPUS LEPORARIUS, ou sexa un monte abondoso de lebres.

Do monte LIBOREIRO de Bueu non coñecemos se alguén se ten definido sobre a orixe do nome pero supomos que estará na liña, vamos dicer, “oficial”, de consideralo unha variante fonética de LEBOREIRO, e por tanto suster a opinión de que na sua orixe debeu ser un monte abondoso de lebres.

A nosa modesta opinión corre por lugares ben diferentes das sostidas polos polos admirábeis autores tanto do Elucidário como do Códice; vexamos porqué:

Entendemos facilmente a evolución de LAPPA a LAPA, pero a realidade non confirma o seguinte paso de -P- a -B-; pois os LAPEDO, LAPA e LAPELA, na realidade nunca pasaron a LABEDO, LABA nen LABELA.

Non habería razón nengunha para  esperar que LAPPORARIO evoluíse a LABORARIO e daí o LABOREIRO de hoxe.

En canto á teoría das lebres, tamén resultaría estraño que, se “lepore” evoluíu para “lebre” na linguaxe popular, o nome destes montes ficase conxelado en LEBOREIRO e non LEBREIRO como correspondería de seguir o proceso completo do paso do latín ao galego.

Até se entendería tal paralís na evolución, por influencia culta eclesial no caso do Leboreiro melidés, e a circunstancia do Camiño; pero tal instancia non se produciría nos demais casos  de LEBOREIROS que inzan polo País.

A suposta abundancia en lebres é un feito temporal e fortuíto; uns anos hainas e outros non.

Entendemos que o chamadeiro distes montes debeuse motivar por algunha circunstancia mais definitoria e persistente que debeu ser común a istes paraxes.

Velaí a nosa arriscada opinión:

Até ben poucos anos, a faciana do monte LIBUREIRO de Bueu era o dunha cume rematada nun gran pelouro pedregoso.

Agora, con tanta repoboación florestal sen criterio, as cumes de moitos montes están perdendo a sua antiga perspeitiva de íngremes pontas peladas.

Cume penedía,… ise debía ser o caso do LABOREIRO portugués, a xulgar pola descripción que dil fai o Elucidário.

Xa antes de construírse o castelo medieval era unha  pena viva.

A característica que entendemos, unificaba istes paraxes, era a de ser montes pelados; ou ben, por causa da súa natureza lítica, ou rapados, polos usos sociais do monte, onde rozar, estaba na orde diária.

Os latinos utilizaron diversas palabras para expresan ese sentido de superficie pelada ou rasurada, e cuase todas orixinaron os topónimos correspondentes na nosa Terra.

Para o caso que nos ocupa escollemos unha derivación da palabra latina, LAEVORORIS , que se traduce por “o pulimento”, do verbo latino LAEVO, que se explica, cos significados de, “raspar “ ou “alisar”.

Estaríamos diante dun, MONS LAEVORARIUS, que deu por obvias razóns de evolución fonética nos nosos: LAboreiro, LEboreiro, LIboreiro e ainda, LOboreiro.

Ainda ousamos, tirar de aquí a explicación do mítico MONTE LOURO, na ponta da BARBANZA.

MONS LAEVORIO > LAEUOIRO > LOOIRO >LOIRO > LOURO

A sua visión desde lonxe sempre foi a de un monte pelado e nada tería a ver coa planta do loureiro.

A visión destas cumes como peladas, alisadas ou pulimentadas, debeu motivar ao nosa xente desde recuados tempos a nomealas con unha verba latina que reunise eses significados: LAEVORARIUS MONS.

O tema da rapa dos montes é moi productivo, toponímicamente falando, e aínda nos levará a outro traballo onde analizaremos sob iste ponto de vista os nomes de bisbarras como o da  LOURIÑA e se cadra o da LOURENZÁ.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña