06:40 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-05-2010

A voracidade e a cobiza dos comerciantes emprega as máis sucias argucias para impoñer unha visión da historia e da sociedade que favoreza as súas inclinacións

A culpa foi de Stalin

Valorar (15)

MANUEL XESTOSO GONZÁLEZ


Unha muller rusa manifestase cun cartel rememorando a Stalin


Días atrás, unha das noticias á que a prensa británica lle prestou máis cobertura foi, por estraño que pareza, a protagonizada por un peculiar caso de crítica literaria. Talvez pola simultaneidade coas eleccións daquel país, non transcendeu fóra das súas fronteiras. Non embargantes, merece ser coñecida, ademais de pola rareza de que a crítica cultural chegue ás páxinas de información xeral dos xornais, polo que pode dicirnos sobre a sociedade actual.

O lance iniciouse cando un deses comentaristas anónimos que pululan pola Internet comezou a publicar, na páxina web da libraría virtual Amazon, críticas sobre estudos relacionados coa historia rusa. A natureza das reseñas indicaba que a persoa que as escribira posuía unha certa formación académica nese campo. Mais o rechamante era que case todas eran brutalmente rudas e hostís aos libros comentados. Existía unha excepción: as dedicadas ás publicacións do historiador Orlando Figes eran xenerosas até a adulación. Algúns habituais da páxina chegaron á conclusión de que o crítico en cuestión era o propio Figes, aínda que custaba crer que un estudoso atacase aos seus colegas escudándose no anonimato.

Para situarnos na discusión, cómpre explicar que Orlando Figes é un profesor da Universidade de Londres cuxos libros lograron traspasar a fronteira dos especialistas para se converter en bestsellers. Aínda a risco de simplificar, podemos dicir que o propósito fundamental das súas indagacións consiste en demostrar que Lenin iniciou a Revolución de Outubro coa intención de implantar un réxime dictatorial mesturando o terrorismo de Estado, a propaganda mentireira e a creación dunha clase política máis opresora que a tsarista. Algúns historiadores -que sosteñen unha visión, digamos, máis comedida sobre o nacemento da Unión Soviética- manteñen que Figes, nos seus populares estudos, utiliza dun xeito un tanto creativo as fontes que manexa, o que deu lugar a algunhas polémicas entre eles. Un dos introductores da obra de Figes no Estado Español é César Vidal, célebre polo período en que exerceu como locutor da emisora radiofónica Cope.

O caso é que o pasado mes de abril, o Times Literary Supplement fíxose eco dos rumores que lle atribuían a Figes as devastadoras críticas contra os seus compañeiros. Vinte e catro horas despois, os xornalistas culturais das principais publicacións inglesas recibían unha carta do seu avogado ameazándoos con querelarse contra eles se difundían aquelas murmuracións. Ningún outro medio publicou nada sobre o caso, exceptuando a London Review of Books, que reproduciu a información do TLS no seu blog. Pero velaí que Rachel Polonsky -outra estudosa que se ocupa da historia rusa e unha das damnificadas polas críticas anónimas en Amazon- non se conformou coa sospeita e contratou un enxeñeiro informático para que pescudase a orixe dos demoledores comentarios. O experto estabeleceu que o autor, polo menos, vivía baixo o mesmo teito que Figes: de xeito inequívoco, foran transferidos á Rede dende o seu domicilio.

Ante o acoso -agora si- da prensa, a defensa de Figes amosou o erratismo dos atrapados in fraganti. Primeiro -en contra da opinión do experto- asegurou que as críticas puideran ser publicadas por calquera. A seguir, a súa muller autoinculpouse e confesou que as redactara ela. Finalmente, o propio Figes tivo que admitir que era o autor dos escritos.

Quizais o máis inquietante de todo o asunto resida no feito de que unha simple nota sen asinar provoque un debate de tal magnitude, pero non está de máis observar que responde á lóxica aniquiladora propalada pola cultura de masas do noso tempo. A sociedade de consumo xa non precisa de cultura porque a cultura é o mercado. A Cultura, con maiúsculas, caracterízase por non ter prezo e, obviamente, o que non ten prezo non ten cabida dentro dun sistema no que todo se mide polo seu rendemento económico e no que se coloca o beneficio por enriba de calquera outra estimación.

Sorprendentemente, persiste un pensamento crítico que, desafiando as dificultades, teima en establecer valores, en atribuír méritos diferentes dos puramente mercantís, en delinear distincións entre o auténtico e o espurio. A irritación dos mercadores ante esta obstinación dos críticos adopta a forma dunha falsa democracia conforme á cal todas as opinións merecen o mesmo crédito. Segundo esta glorificación perversamente igualitaria do analfabetismo, a crítica anónima en Internet ten tanta validez coma calquera outra. Que poida agochar intereses fraudulentos non afecta ao hipotético dereito do descoñecido a expresarse libremente.

A ruptura das xerarquías -ou máis exactamente a substitución das xerarquías baseadas na ponderación reflexiva por outras xustificadas unicamente na aceptación popular- constitúe unha prioridade do mercado, dado que o pensamento plural e crítico constitúe un excelente remedio contra a mediocridade e, en consecuencia, contra a manipulación da que son vítimas os cidadáns -transformados agora en meros consumidores- por parte dese mesmo mercado. Non pode abraiar, daquela, que a voracidade e a cobiza dos comerciantes empreguen as máis sucias argucias para impoñer unha visión da historia e da sociedade que favoreza as súas inclinacións, incluso a costa de perverter a veracidade e o concepto mesmo de cultura.

O último episodio do caso Figes, salienta aínda máis a impudicia desta ditadura do maioritario. O historiador fixo unhas declaracións nas que xustificaba os seus actos: polo visto, eran "un claro síntoma da profunda depresión que o afectou despois de investigar sobre as vítimas do stalinismo". Unha lección interesante: resulta que a culpa foi de Stalin.


[01-06-2010 02:27] manuel comentou:

A Revolución de Outubro implantou un réxime dictatorial mesturando o terrorismo de Estado, a propaganda mentireira e a creación dunha clase política máis opresora que a tsarista. Isto non deixa de ser certo ainda que o diga o tal Figes. ¿E qué ten pensado o autor para parar esta anarquía expresiva? Isto, desde logo na CCCP, non pasaba.

[29-05-2010 10:18] Eu comentou:

Interesante artigo, e preocupante ver que o revisionismo histórico de pseudohistoriadores como os que a dereita española está a encumbrar se pode repetir tamén noutros lugares...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña