04:30 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-02-2017

Iamos ter un tren de alta velocidade, como teñen os andaluces desde hai 25 anos, ou os cataláns desde hai 9. E iso ía ser en 2010

Para exportar xente e electricidade non precisamos AVE

Valorar (18)

FRANCISCO CALO LOURIDO



O solar que hoxe chamamos Galicia forma parte do Macizo Galaico-Duriense, o chan máis antigo da Península Ibérica, con rochas, como a de Ortegal, cunha datación de 1 156 millóns de anos. Nesta Era Primaria inzouse todo isto de enormes cadeas montañosas que, nos case 200 millóns de anos da seguinte Era, foron erosionadas ata se converter nunha enorme penechaira. Mais hai agora 65 millóns de anos, inicio da Era Terciaria, volveu sufrir a terra enormes convulsións que coñecemos como oroxenia alpina e que deron lugar a todas as grandes cordilleiras actuais, desde o Himalaia aos Andes e aos Alpes, de onde, precisamente, toma o nome. Este pregamento alpino exercerá unhas enormes presións sobre a nosa vella e arrasada penechaira, ocasionando, entre outras formacións xeolóxicas, unha enorme desfeita con depresións ou foxas tectónicas  (Chantada, Ourense, Verín...) e fracturas lonxitudinais como a Depresión Meridiana que percorre de Tui a Carballo e que sempre serviu para trazar vías de comunicación e como asento da Galicia máis poboada e rica. Cada vez, contra o que nos repetían os vellos profesores, son máis determinista xeográfico e comparo, con Braudel, o papel xogado por esta depresión co do río Ródano en Francia..

Cando un alumno lle dixo ao profesor que o Pico Sacro era moi alto, este respondeu que, como todo, dependía de con quen o comparase, xa que, se o facía co Everest, non chegaba nin á categoría de outeiro. Os que din que Galicia é moi montañosa nin son da Terra Chá nin andaron por Suíza. Algo semellante sucede cos que defenden que a terra galega é preferentemente de regadío, cando calquera labrego sabe que aquí quen rega, o mesmo que quen fai subir ou baixar o prezo da enerxía eléctrica  -Mariano dixit-, é a chuvia. Son inexactitudes que se repiten inconscientemente. O que si podemos dicir é que nos lindeiros de Galicia temos, polos empuxes da devandita oroxenia alpina, as serras dos Ancares, Courel, Eixo, Queixa, San Mamede, así como os montes de León e as serras do Teleno e da Cabrera, estas xa na provincia de Zamora. Todo isto leva aí, sen mudar de sitio, desde hai millóns de anos, e os ministros e demais políticos do PSOE e do PP aínda se están a decatar agora de que para entrar en Galicia hai uns montiños que estorban. Ou non viaxaron nada, ou nunca tiveron clase de xeografía ou penso que, máis ben,  teñen o tamaño da cara en consonancia coa falta de dignidade e de pudor científico.

Descoñecemos os camiños polos que transitaban os moradores dos nosos castros. Teño defendido a ausencia de carros, considerando, entre outras cousas, a imposibilidade de entrar e circular con eles polo medio dos poboados, e pensar na existencia de aparcamentos disuasorios nas aforas coido que resulta moderno de máis. Chego co carro cargado de pedra ou leña, déixoo fóra e agora bótoa ao lombo ata a casa, serpeando por rueiros en espazos de ata 20 hectáreas. Serán antigos, pero non consta que fosen parvos. Chega Roma e, así como avanzan as lexións conquistando os sucesivos pobos, así os enxeñeiros militares van trazando e construíndo as vías para, en caso de necesidade, facilitar o acceso a tropas de refresco e, pacificado todo, dar saída rápida en dirección a Roma do espolio do territorio, da nosa terra nada menos que ouro, moito ouro. Estas vías romanas, construídas en función do terreo, podían chegar a ter, sobre todo nas curvas, ata 10 ou 12 metros de largo, como hai varias décadas comprobei, xunto cos colegas portugueses, na Geira, vía XVIII, ou vía Nova (de Braga a Astorga), como prefiramos chamarlle. Esa largura non se facía, obviamente, para soportar as derrapaxes dos cabalos, senón para poder controlar moito espazo e evitar emboscadas.

Remata Roma, entran os pobos xermánicos e o mundo achícase, péchase sobre si mesmo. Agora, ao longo da Idade Media, estas vías romanas resultan inútiles. Sabemos que todos os camiños levan a Roma, como Manuel María, nunha viaxe en coche á cidade que, segundo Henrique de Borbón, ben valía unha misa, se admiraba de que aquela corredoira pola que iniciaba a ruta chegase xusto ata París. Daquela non era preciso viaxar tan lonxe. A sociedade ruralízase e os labregos apéganse á terra como as carrouchas; para eles o mundo redúcese ao seu lugar, á súa parroquia e, como moito, a unha feira ou romaría que houbese na veciña. Veuno ben Celso Emilio cando falou de “onde o mundo se chama Celanova”. O resto non contaba e, conseguintemente, non era. Os seus lindeiros, o que os ridículos chamarían o seu skyline,  son os montes que abranguen e pechan o seu esquifo territorio. Aquí non se precisan vías e, se, por casualidade, esta súa terra estaba cruzada por unha, xa eles se encargarían de facela produtiva ampliando os seus campos e veigas á conta dela. O de mover os marcos ou extremas vén de vello. O carro galego –síntoo polos celtófilos- nada ten a ver cos hallsttáticos de catro rodas nin cos laténicos de dúas, mais con radios, senón que foi unha marabillosa creación autóctona á que se poden aplicar os versos de Antonio Machado que din “caminante no hay camino, se hace camino al andar”. O noso carro non precisa camiño, abríndoo el polo medio do monte e labrando ben fondas as rodeiras. Se os camiños de pés foron nun inicio as sendas dos animais, os camiños de carro foron abertos por eles mesmos.

Evito facer comentarios sobre os nosos vieiros na Idade Moderna e boa parte da Contemporánea, do que deixaron abondosas queixas todos os viaxeiros que por aquí pasaron. Cando John Adams, antes de ser o 2º presidente dos EE.UU., concretamente en 1779, cruzou Galicia desde A Coruña ao Cebreiro rumbo á Baiona francesa, deixou dito que os camiños eran “malísimos, os peores sen excepción que pode haber en calquera país” e iso que aquí, segundo engadiu, “resultaría doado facelos moi bos”. Daquela case que non había camiños carreteiros, tendo que se facer os desprazamentos a pé ou en cabalería. Os que xa andamos moito máis preto do bastón que do biberón lembramos que as estradas que bordean as nosas rías foron feitas baixo Primo de Rivera. Na miña vila do Porto do Son, o tramo da mesma que bordea o núcleo chamouse durante moito tempo Avenida 13 de Setembro, lembrando o inicio da ditadura. Todas eran de grava e estiveron sen asfaltar, cando menos a miña, ata roldar os anos 70.

Se España foi sempre un desastre en canto a comunicacións, fosen estradas, vías de ferrocarril e non digamos canais navegables, que podíamos esperar neste recuncho afastado do poder central chamado Galicia? Nunca houbo interese en comunicarnos coa Meseta. Si, é certo que aquí chegaban os arrieiros maragatos, mais para  transportar peixe a Castela preferían acudir aos portos do Cantábrico, aproveitando a apertura do camiño Santander a Reinosa feito a mediados do XVIII. Xa o Arcipreste de Hita, no século XIV, cando enumera peixes, menciona Laredo, Castro Urdiales, Bermeo ou Santander, mais non os portos galegos. O que nós exportabamos, a partires do século XVII, foron persoas, primeiro a Andalucía e Castela, despois a América; así, no século XVIII, de cada 10 fillos nacidos en Galicia, 1 saía dela, e de cada sete destes, 1 facíao a América, sendo 1 de cada 3 nos anos 90 dese século, segundo Rosa María González. Para estas exportacións non se precisaban vías de comunicación sofisticadas e, cando en 1990, Fraga e o ministro Sáenz de Cosculluela anunciaron a “campana tañida y tambor batiente” a conexión coa Meseta por autovía, resultou ser unha promesa tan etérea (líquida dirían hoxe) que houbo que agardar 22 anos para vela rematada. A culpa obviamente foi deses montes que, sen avisar, nos puxo aí a oroxenia alpina. Xa daquela se dicía que, se soaban as trompetas chamando ao Xuízo Final, os galegos chegariamos os derradeiros por mor dos enlaces da Meseta. O que seguiamos exportando non precisaba autovías: os que ían traballar a Europa non tiñan maior présa e a enerxía eléctrica, nada menos que o 40 % da que producimos, sae de Galicia por uns fíos que, por riba, temos que pagar nós tamén. Certamente, ás veces penso se os galegos temos algunha tara de nacemento.

Iamos ter un tren de alta velocidade, como teñen os andaluces desde hai 25 anos, ou os cataláns desde hai 9. E iso ía ser en 2010. Estamos en 2017 e, agora, o nunca ben ponderado Feixóo, presidente da Xunta, empregando un eufemismo digno de Fray Gerundio de Campazas, alias Zotes do Padre Isla -xesuíta que partiu ao exilio desde Pontevedra-, quen falaba da “cecucienta naturaleza” e de “pirausta” e de “aaronítica vara”, sáenos coa perla de que se produciu un “deslizamiento de fechas” para o terceiro trimestre do 2019. “Los tigres del norte” cantaban que para pasar de México aos EE.UU “no pude cruzar la raya, se me atravesó el río Bravo” (hoxe dirían outra cousa), e a nós sempre se nos atravesa a oroxenia alpina... e as concesións mineiras a certos individuos, etc. Certamente, algo nos pasa aos galegos. Por que as obras do AVE non se iniciaron en Galicia ou, simultaneamente, nos dous extremos? Eu preferiría que fosen de Galicia cara a Madrid e non ao revés. Cando menos que non pretendan enganarnos a todos os galegos. No século XVIII foi cando, por razóns eminentemente políticas, se fixeron as estradas radiais. En 1764, segundo a xa citada González (La población española) e Barrio (La sociedad en la España Moderna) enviaron 300 escravos do arsenal de Cartaxena, vixiados por seis xitanos, a traballar nas obras do camiño que se estaba a facer entre Madrid e o porto do Guadarrama. A dureza do traballo e o frío fixeron estragos e, cando, tres anos despois, remataron e regresaron a Cartaxena, só quedaban 187 escravos. Os 6 xitanos-capataces sobreviviron todos e concedéuselles a liberdade. En ningún momento se lles ocorreu aos do goberno dicir que aquela obra era para achegar Galicia a Madrid. Non precisaban eufemismos e dixeron claramente que era para levar o trigo da Meseta á capital. Agora comunícase Segovia con Madrid e véndenolo como que son gastos do AVE a Galicia, como cando fan en Ferrol unha fragata para a mariña española e suman o seu coste aos orzamentos-esmola destinados a Galicia. E PP e PSOE de por aquí seguen a defender o actual reparto de fondos estatal fronte á insistencia do BNG nun concerto económico propio que nos permita abandonar a postura de malpocados e erguer dignamente a cabeza como cidadáns dunha nación con enormes potencialidades. Teño que insistir no da tara conxénita.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña