22:44 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2010

As medidas do Goberno van agravar a xa precaria situación económica do noso país

As obscenidades da crise

Valorar (12)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Seguramente todos e todas nós participamos nos últimos días en numerosos debates nos que se analizaron as medidas adoptadas polo PSOE para paliar o déficit público, que non para saír da crise económica na que nos atopamos. Seguramente todos e todas andamos lendo artigos e vendo programas de televisión onde tantos e tantos cargos (de PSOE e PP, iso si) falan de medidas represivas e regresivas sen que lles trema a voz.

Pero o máis triste é ver como o neoliberalismo económico e social se introducíu de tal maneira nas nosas actuacións que, como nacionalistas, non somos quen de darnos conta de que o problema non é só que se lle recurte o salario a unha parte dos traballadores ou aos pensionistas, senón que estas medidas só teñen un obxectivo: beneficiar ás grandes empresas, á banca e aos especuladores e perxudicar moi gravemente á clase traballadora, recurtándolles dereitos adquiridos despois de tantas e tantas mobilizacións sociais.

Levamos moitos anos tendo medo a falar de clase traballadora. Temos medo a encher a boca con este termo e a poñernos do lado de quen menos teñen porque seica agora todos e todas somos "clase media".

Polo camiño que van PP e PSOE, que defenden exactamente as mesmas medidas, medidas fixadas desde fora e que buscan, seica, o recorte dese famoso déficit público, desde logo non imos mellorar. Pode que os que máis teñen perdan moi pouco, pero está claro que os que menos temos imos perder moito. Porque non se fai nada, absolutamente nada, para reforzar os servizos públicos. Nada, absolutamente nada, para incrementar a produción e o consumo, tan ligados entre si. Nada, absolutamente nada, en definitiva, para a clase traballadora.

Permitídeme que utilice a argumentación dun compañeiro, Orlando Viveiro, quen nun debate interno se facía preguntas que se pode facer calquera cidadán do común. Esta crise, de cando vén? E quen a provocou? Porque se eu traballo hoxe igual que traballei onte e gasto o mesmo, como é que estou en crise? En que consiste a liquidez? Que é iso do déficit público? Se onte había cartos, por que hoxe non os hai? Onde van logo? Quen os ten? Como desapareceron? Cando falan de mercado, está claro que non falan da Praza de Abastos na que mercamos o peixe. Daquela, que son os mercados? Quen os pon en marcha? E quen os dirixe? Orlando dicía que todas estas preguntas teñen resposta e as respostas teñen nomes e apelidos que ninguén pon riba da mesa. Semella que temos tan introducido que nós mesmos somos os culpábeis desta crise que é normal que se apliquen medidas que nos afecten a todos para saír dela. A clase traballadora xa asume como mal menor renunciar a dereitos adquiridos despois de anos e anos de traballo e sufrimentos porque "temos que saír da crise". E iso ben que o utilizan os partidos estatais e a patronal para falaren de novas medidas de axuste que van incidir outra vez no mesmo, no recorte de dereitos e prestacións da clase traballadora.

A provincia de Lugo vai ver como con todas estas medidas empeora a situación de moitas familias. Traballadores do campo, autónomos, empregados públicos das escalas máis baixas da administración e sobre todo xubilados que cobran pensións de miseria van ver como lles soben os impostos indirectos e como lles reducen os ingresos. Veñen tempos moi duros e desde logo os nacionalistas galegos temos que desmontar esa idea de que o que hai que facer é construír un capitalismo con rostro humano. Cando se fala diso eu, que proveño do rural, sempre penso naquelas vacas menos dóciles ás que se lles puña a solta para que non escapasen do pasteiro cando xa non había herba que pacer. Pois o capitalismo é o mesmo. Ponnos unha solta que aperta, pero non impide andar porque a fin de contas somos os homes e mulleres de cada pobo quen traballamos e producimos. Somos nós co noso traballo quen lles facemos obter ingresos millonarios a quen despois non se lles soben os impostos, aínda que os seus beneficios resulten obscenos cos tempos que corren. Vannos apertar aínda máis, pero sen afogarnos. E vano facer convencéndonos de que é necesario para manter o actual sistema, porque é o único posíbel. Temos que revelarnos contra esta mensaxe que xa calou incluso dentro do nacionalismo menos combativo e máis adaptado ao sistema, ese que se di socialdemócrata. Non podemos permitir que agora sexamos os traballadores e traballadoras os que paguemos esta situación cando non participamos nunca no reparto da torta cando había beneficios. Beneficios que, por certo, segue habendo e máis que multimillonarios. Temos que falar sempre de control financeiro e da banca. Temos que falar da necesaria reforma fiscal. Temos que poñerlle nomes e apelidos aos culpábeis e tamén aos ricos e poderosos. Temos que falar do que son Europa e o euro e do que nos trouxeron. E temos que facelo con palabras que se entendan e que lle cheguen a quen peor o están pasando.

[31-05-2010 18:47] Medios comentou:

Non viría mal esa explicación da que falas. A clase traballadora asume as medidas honradamente agardando que as augas volten ao seu cauce, que a tranquilidade se instale de novo nos mercados, e poder retomar a vida que tiña fai dous anos. A xente está tan alongada da xestión da facenda púbrica, que segue a confiar en que aqueles en quenes delegaron o poder, os saquen do buraco no que agora todos andamos metidos. Mentres a xente non participe na toma de decisións e fiscalice as medidas adoptadas polo goberno, seguiremos a ser os grandes convidado de pedra. É sí somos corresponsables. A clase traballadora vota por partidos que defenden modelos económicos neoliberais que levan a isto. Acaso non está o partido popular medrando en intención de voto grazas á crise enconómica, cando a lóxica debería invertir a tendencia cara á esquerda???

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña