07:10 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-02-2017

Estamos diante dun preso político coñecido como o Mandela latinoamericano

Óscar López Rivera, 36 anos nas cadeas norteamericanas

Valorar (14)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Tres días antes de dar o relevo a Donald Trump na presidencia dos Estados Unidos Barack Obama conmutou a sentenza do último prisioneiro político boricua Óscar López Rivera. Unha decisión que non se executará inmediatamente, pois o independentista portorriqueño non sairá de prisión até o vindeiro 17 de maio a poucos días de cumprir 36 anos de estadía nas prisións norteamericanas, 12 deles en total illamento.

Estamos diante dun preso político coñecido como o Mandela latinoamericano, que cando en maio abandone a prisión superará en nove anos o tempo que pasou privado de liberdade o líder anti-apartheid da África do Sur.  Pero contrariamente ao acontecido con Nelson Mandela o caso de López Rivera é pouco coñecido.

A razón para o diferente trato diante de dous casos moi semellantes é que mentres Mandela estaba preso por un réxime político que xa cumprira o seu papel e empezaba a ser molesto para a imaxe de occidente, o militante portorriqueño loita pola independencia dun territorio que os EEUU consideran propio pese a que a condición de última colonia de América foi recoñecida polas propias Nacións Unidas até 1953. Nese ano os EEUU conseguiron tirar a Porto Rico do listado de territorios pendentes de descolonización ao crear un ano antes a condición de Estado Libre Asociado para aplicarlle. Pero realmente o estado Libre Asociado non deixa de ser unha figura cosmética que segue mantendo á nación caribeña totalmente dependente das decisións e das leis norteamericanas como ben se ocupou de lembra hai agora un ano a Corte Suprema dos Estados Unidos.

Óscar López Rivera é un portorriqueño que como moitos habitantes desta colonia marchou adolescente coa súa familia a buscar mellor vida na metrópole, no seu caso a Chicago; participou na guerra do Vietnam sendo incluso condecorado pola súa valentía; e foi á volta desta cando iniciou o seu activismo social e contra a discriminación racial, integrándose posteriormente na loita pola independencia do seu país.

A súa militancia nas Forzas Armadas de Liberación Nacional de Porto Rico levouno a prisión ao ser condenado a 55 anos por conspiración sediciosa pese a que nunca se chegou a demostrar a súa participación en accións violentas; unha condena ademais  desproporcionada tendo en conta que pola figura xurídica que se lle aplicou polo xeral nos EEUU non se impoñen máis de 20 anos de condena.

A demostración clara de que en López Rivera os EEUU querían exemplificar un escarmento e un aviso a todos aqueles que loitaban pola independencia da nación boricua, foi unha segunda condena a 15 anos por un suposto intento de fuga da prisión.

Ao longo destes case 36 anos de prisión Óscar López Rivera converteuse en símbolo da loita independentista portorriqueña e da dignidade de quen non renuncia aos seus principios, e está claro que a súa liberación e a volta á patria vai supor unha inxección de ánimo para o movemento independentista portorriqueño.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña