14:35 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-01-2017

O crego das Encrobas representa algúns outros sacerdotes, atípicos, anónimos e silenciados

Teoría e praxe nacionalista: Moncho Valcarce

Valorar (27)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



O  noso acontecer, rebozado de dispendio, desafiuzamentos, emigración de xente moza que é futuro, de sofisticadas fórmulas de explotación, expropiacións, cláusulas abusivas, tarifazos e timos, de diferentes xeitos de indignación e provocación, traen á memoria a historia inmediata. Contestación inconformista, subversiva ou revolucionaria, abandeirada coa bandeira da nación galega, azul e branca coa estrela roxa, dun país escarmentado de máis, roubado, asolagado por  encoros, os que agora, na seca, mostran os esqueletos das lembranzas, roído por minas e canteiras,  mal reforestado... estragado, contaminado pra que noutra banda renden os beneficios... Aínda que iso non se improvisa o ambiente faise apropiado pra os lideres.

Arredor de cada 1 de febreiro, vésperas da festa da Luz, da Candeloria, cando se acenden as esperanzas, os que non dan a esquecemento xunto cos da Irmandadade Moncho Valcarce, no cemiterio coruñés de Santo Amaro, conmemoran o cabodano da súa morte no 1993.

O crego das Encrobas representa algúns outros sacerdotes, atípicos, anónimos e silenciados, cunha misión fundamental, de prédica e máis acción, de teoría e praxe, a devolver a dignidade ao ser humano traballador, labrego, rural, enganado e explotado. Revolucionario, axente de cambios, como se di hoxe pra desactivalo da súa carga radical nacionalista .  Alí estaba onde se lle chamaba, tanto  pra formar pobo en singulares vodas, bautizos, defuncións como pra encabezar pancartas, na acción de reclamar xustiza. Militante con raiceiras, radical, que levaba xa dentro de si a teoloxía da liberación, a que religa  as raíces no fondo da Terra, do pobo e conseguintemente ergue á luz alboreira a esperanza, o sentir relixioso. Valente, decidido,  sincero , coherente coas máis puras esencias cristiáns, tanto das aprendidas do místico  San Xoán da Cruz,  como de Francisco de Asis, de Gandhy,  de  Basilio Álvarez, de Castelao....

Ao crego  Moncho Valcarcel rebórdalle o carisma, “na fronte unha estrela, no bico un cantar”. Non lle cumpría nimbo de santidade ou de liderado algún. Non quería estar separado da xente pola formación, polo oficio, pola sotana, polo celibato, polo incenso ou as liturxias. Chegáballe coa súa boina negra e galega calada na cabeza, estilo Che ou  Ernesto Cardenal. Que tamén compre saber calala e darlle xeito. Viste normal, preferiblemente con camisa de cadros roxos e no inverno con zamarra. Fende coa liturxia vana, cos confesionarios, coas esmolas e mesmo coas tarifas relixiosas.... fala o idioma da Terra, o galego, na comuñón comparte pan e viño do común.... Misión coa que dignifica ao ser humano, á parroquia, a Galiza e a unha igrexa abafada en liturxias, sen coidar o viñedo encomendado. Figura necesaria no seu tempo e aínda hoxe,cando faltan as misas, a misión  cristián en galego. Sentimos a súa falta. Vida que seguiu e espallou quen foi seu mestre, o tamén lembrado don Manuel Espiña Gamallo. Memoria á que non falta a súa Irmandade Moncho Valcarce; a lealdade de Moncho Muñiz, de Xácome Santos, Mariluz Corral, por dicir tres de tantos.

Moncho Valcarce Vega nace no no 1935 na Coruña nunha familia de industriais acomodados, con  pai  natural dos Ancares bercianos e de nai coruñesa, con sete fillos, unha delas Ritiña, con minusvalía, a preferida. Formado no Instituto da Coruña, logo nos xesuitas de Vigo, herdeiros das tradicións do colexio de Camposancos, o que deu orixe a Deusto, a Comillas e a tantas reflexións. Despois estudante de Dereito en Compostela, até o derradeiro curso, pra retornarlle a vocación e ingresar no Seminario da mesma cidade. Pasa a estudar Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma, logo encomendaránselle labores pastorais nas igrexas coruñesas de San Xosé e da Colexiata, onde topa co coengo Manuel Espiña, que lle recomenda retorne ao seminario de Compostela pra ordenarse no 1969. Tempos dos estertores da ditadura, coas sentencias de morte que fan medrar a preocupación política. Contestados días de “ Longa noite de Pedra”  de antifranquismo, nos que tamén se fraguan futuros na reformulación do nacionalismo galego. Anos nos que as reformulacións de Francisco Rodriguez e de  Ramón Suevos tanto influíron nos daquela mozos.  No 1971 encoméndaselle a parroquia de Sésamo e de Sueiro, ameazadas pola área industrial da Coruña, a carón do aeroporto de Alvedro e a degradación do val do Barcia... A ergueita parroquia de Sésamo convértese nun símbolo  de resistencia.  Aldea coroada por un castro, veciño dos de Alvedro, Sigrás, Cañás... coñecidos dos escudriñadores románticos,  do que, tamén, moito falábamos para a súa recuperación e do que entregou ao Museo Arqueolóxico da Coruña, algunhas pezas alía atopadas mediante este “Petoutos” como así me alcumaba. Entre camaradas, na reitoral de Sésamo, cociñáronse moitas iniciativas: dáselle saída  ás follas de  “A Fouce” , acollera a ese outro Moncho, entre os Monchos galegos, que foi Reboiras; alí, nacerá o sindicato Comisións Labregas,  e a sancristía estará presidida por un crucificado e un cartel do seu admirado Che. Permanentemente vixiado pola policía. Sempre esperado, querido e recibido e non so pola súa parroquia ou camaradas da Asemblea Popular Nacional Galega, os que estampan e normalizan a bandeira galega co símbolo da estrela roxa. Respostas ás continuas provocacións e sentencias polas que o goberno de Franco, ata, ben atado os privilexios, a expropiación forzosa para a explotación dos lignitos de Meirama na bisbarra das Encrobas, inmediata a Sésamo. Entre aquelas, sufriu como súa a morte  accidental dun rapaz de dazaseis, anos, Emilio Suárez, electrocutado por un cable de alta tensión, cando tentaba poñer unha pancarta en contra da explotación de FENOSA en Meirama. .

Seguen as provocacións, as Encrobas, os intentos de poñer unha central nuclear en Xove, as expropicións en Baldaio, Loño... para unha urbanización na Balea en San Vicente do Grobe, a dos caseiros de Larín, en Arteixo... as abusivas cotas empresariais, medidas propiciatorias de pelotazos especulativos, provocacións que acenderían e sempre toparían resposta en Moncho Valcalce e na súa irmandade.

No 1977  Moncho é detido no cárcere da Coruña. Reiteradamente chamado ao orde polo bispado, recluído ás veces na casa.  No 1979 concelleiro de Culleredo polo Bloque Nacionalista Popular Galego, restrinxindo a súa responsabilidade como párroco a misas os domingos. Nun certo retiro, toma o ano 1987 como sabático e realiza cursos en Salamanca, alí escribe “Compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta, Galiza”. No 1988 retoma a pastoral nas Pontes, nas parroquias de San Pedro de Eume, Faeira e Goente, sen perder a súa estrela.

Moncho Valcalce non perdeu o tempo nin lle faltaron amigos, compartiu as súas inquedanzas humanistas dende o asociacionismo de base, sabendo ben aquel principio dos discípulos de Emaus, “Estrei alí onde haxa dous de vós”.  Deixando espallados pensamentos escritos. Mesmo ao final dunha vida moza, activa, truncada pola enfermidade, aproveita pra compartir os seus cavilares, dende unha óptica humanista, nacionalista, poética e teolóxica: “Revolucionario e místico, Diario íntimo da doenza final” Encrucillada  1994. Agradecido cos seus e mesmo cos que discrepaban. Sementador de agarimo, como así ansiaba ser, o nacionalismo cantado, o dos “bos e xenerosos”. Nacionalismo é humanismo, con raiceira nas orixes nas que radica a orixinalidade, a diferenza, o aporte, esa “célula de universalidade”.

El si que foi - como o inesquecible Francisco Carballo, e outros, tamén que seguen a ser-  humilde labrador do viñedo do Señor. Lección de vida e de morte, agradecido aos seus, á Terra e a ese milagre da Vida e de Esperanza, pra seguir a ser auténtica  Santa Compaña de Nós.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña