21:31 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-01-2017

A non tan sorprendente explotación romana do ouro galego

A Galiza do ouro

Valorar (10)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Logo de case dous milenios dende o inicio da época romana a paisaxe de Galiza cambiou moito. A agricultura, a erosión e sedimentación de terra, e o medre actual da vexetación fan que sexa moi difícil enxergar restos daquel período, como por outra parte é normal tamén de referírmonos a outras épocas. Porén, a pouco que reparemos resulta sorprendente comprobar a inmensa pegada que a nivel de modificación do territorio chegou a nós dende hai preto de vinte séculos. A minaría romana, nas súas diferentes modalidades de explotación de ouro en sedimentos primarios, isto é, directamente localizados nos filóns das rochas, ou secundarios, depositados en aluvión, moldeou algunhas das paisaxes máis significativas, espectaculares e visíbeis que nos chegaron de tempos pasados.

Caldesiños, As Médulas, A Leitosa ou os múltiples lugares coñecidos como A Médua ou As Méduas son só algúns dos máis grandes exemplos que podemos ter de minas romanas secundarias, asociadas a ríos e explotadas coa técnica de ruina montium que nos permite ver, efectivamente, grandes montes cortados, derrubados e cheos de galerías para aproveitar o seu ouro. Esta técnica extractiva precisaba da achega de grandes cantidades de auga, que se traía en ocasións de moi lonxe, por canles que tiñan ducias de quilómetros –algúns a través de longos túneles- e que se complementaban con tanques, depósitos e outras grandes infraestruturas. As terras ocres e alaranxadas que se nos amosan en altos cortados inclinados fálannos, onde a vexetación o permite, da existencia dunha intensa actividade humana. Por outra banda, a explotación dos Biocos, preto do monte da Moá, é exemplo perfecto dunha mina de ouro romana en rocha primaria e a ceo aberto. O senlleiro Puzo do Lago en Maside, as enormes minas auríferas do Courel, o cento e medio delas localizadas dende Arbo até o tramo final do Miño, toda a ribeira fluvial de Queiroga e Valdeorras –onde mesmo se chegou a furar o monte para desecar un tramo de río, en Montefurado- entre outros moitos lugares dan fe da importancia da minaría romana na nosa terra. A conca do Miño e do Sil concentran a meirande parte destas explotacións romanas, pero é sobre todo neste último río onde se dá unha sucesión case continua de actividades mineiras, dende o Berzo até o canón do Sil, que resulta moi rechamante.

É evidente que todo este enorme labor do terreo resposta a que o recurso, o ouro, se atopaba de xeito natural e abundante nesta zona. Esta realidade non son feitos casuais nin se trata  de lugares puntuais que supoñan unha simples anécdota; por contra debían ter un notábel carácter histórico e económico. Daquela debemos cuestionarnos que deu lugar a que centos de millóns de metros cúbicos de terra foran removidos, en que contexto se produciu e a quen beneficiou esa frenética actividade. No primeiro século da nosa era, poucos anos despois de se producir a completa conquista do territorio que se chamaría Gallaecia, deu comezo a explotación por Roma de xeito sistemático e intensivo do ouro. Hai fontes romanas que afirmaban que o dez por cento dos ingresos na época de Augusto proviñan das minas de ouro galaicas. En calquera caso este metal non era común noutras terras que dominaba Roma, ao contrario cá prata ou o cobre, e a partir desa época fíxose máis común a circulación de áureos, moedas de ouro, que axudaron a financiar a expansión do Imperio. Calcúlase que preto de 200 toneladas de ouro saíron da Gallaecia cara a Roma ao longo dos dous primeiros séculos da nosa era, entre comezos do s.I e comezos do S.III. Un ouro que se extraía maioritariamente non por medio de escravos, senón de campesiños e campesiñas que de xeito obrigado debían pagar os seus tributos mediante o traballo de balde, durante moitas horas de duro labor, nas minas de ouro. Velaí outra das explicacións de como lle foi rendíbel a Roma explotar esas enormes extensións de terreo, das que –realizando unha simple elucubración a partir do prezo actual do ouro- obtivo preto de 6.846 millóns dos actuais euros. De xeito paralelo á explotación aurífera Roma foi impondo o seu novo modelo político-administrativo, a súa organización territorial, as súas infraestruturas, como ben amosa a Via Nova (XVIII do Itinerario de Antonino) moi relacionada con boa parte da actividade mineira desta zona, alén do indispensábel control lexionario (coa coetánea instalación da Legio VII Gemina, na actual León).

Significa isto que a Gallaecia xogou un papel moi importante durante os primeiros séculos do Imperio Romano, grazas aos seus recursos mineiros, principalmente ao ouro e á capacidade que tiveron de aproveitar esas riquezas e drenalas a Roma grazas ao sistema tributario e ao conxunto da superestrutura política e militar. Como se pode comprobar a Galiza de entón, a Gallaecia, xogaba un rol subsidiario, dedicada á forza a enriquecer territorios alleos no canto de aproveitarse por si mesma dos seus bens. Hoxe poden ser outros os recursos que nos levan, coma o aforro ou a enerxía, e non poucas semellanzas hai no impacto territorial, económico e humano que ouro e enerxía tiveron e teñen. Certos paralelismos entre estas dúas épocas tan afastadas non é a confirmación de maldición ningunha, nin de que esteamos como galegas e galegos condenados pisar nunha terra empobrecida, espoliada e sen futuro. Todo é resultado dos procesos históricos, das forzas que se moven dialecticamente no seo da nosa nación, polo que non se debe asumir ese determinismo negativo que nos coloca como espectadores resignados e pesimistas. Tamén na historia está o exemplo dunha Galiza dona de si, no que mesmo se deu en chamar o esplendor medieval. Antes, como agora, habitamos unha terra rica, como ben saben os que veñen de fóra e como moitos de aquí non se dan decatado.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal