06:13 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-05-2010

Carvalho Calero distingue dúas culturas na Galiza: a dos asimilados e a dos autóctonos

Anatomías IV: Desgana

Valorar (12)

FRANCISCO CARBALLO CARBALLO


Omega


17 de maio, 2010. O Xornal de Galicia deu de portada, ao día seguinte, os fotogramas das catro manifestacións a prol do galego. Unha páxina a conservar. Mais alí, no Obradoiro, atopo unha veciña de Asadur que me di: "É posíbel  termos que reivindicar a alma?" E, pouco antes, en conversas de rúa, espetárame máis dun a mesma pregunta. Para pensar. Para ollar caras de raiba, caras de deputados, de vellos militantes de trincheiras.

Cada cultura é un logro de multitudes durante milenios. Os pobos que crean cultura, que a enriquecen ano tras ano, que a modulan con novos pentagramas, que a incendian para a vida en cada horizonte climático, eses pobos son tesouros de infinda grandeza e valor. Esa é a Galecia, a Galiza milenaria. Un país de terra e mar, de climas e de persoas. Un país creador da lingua galega. A única lingua súa. Con sustrato de mitos e lendas, con estructura de sabiduría clásica, co lentura de idades e coa febra actual da ciencia. Todo un universo de estrelas en rota cara o punto omega: a flor da eternidade.

Somos galegos, vivimos nunha esquina verde que atrae todas as moscas a este mel. Até hoxe houbo terreos abertos. Mesmo Idacio de Chavez, s.V., que era e sentíase galaicorromano, incluía na Galecia aos suevos para el uns bárbaros turbulentos. Cando Requiario, 456, perde a vida na batalla, Idacio escribe: Regnum suevorum destructum et finitum. Mais non foi así, perviviron e cen anos despois  gobernaban o Regnum Gallaeciae.

No 1486 Fernando e Sabela cruzan Galiza do Cebreiro por Santiago até a Coruña. Comeza un rifirrafe por ver se nos asimilan. Martiño Sarmiento, pontevedrés nacido en Vilafranca, afirma: "Non foron galegos os que introdiciron o castelán na Galicia, foron casteláns que viñeron con mando e o impuxeron". Iso ten sido sempre -et ubique- o comportamento dos colonizadores.

Ricardo Carvalho Calero distingue dúas culturas na Galiza: a dos asimilados e a dos autóctonos. Entrando máis na análise antropolóxica: de cultura mimética versus de cultura creativa. Desde Dna. Sabela a hoxe, que constante proceso de maduración humana! Porque sermos nós non é  fútil, é produtivo.

Asumir a historia é sentar a mente en piares sólidos: o que nos ven dado e a sumar.

Perder o idioma creado por nós é a maior perda dun pobo: por séculos será cidadán de rebaixas. Isto sábeo calquera, non o sinte calquera. E así nos colocamos nas entrañas vivas da cultura: que é coñecer, sentir e producir. Todo país en normalidade creativa ten unha lingua de ubicación e moitas de aprendizaxe. A escola tería de ser a constatación do normal, do normante, do inspirante. A escola en Galiza só pode ser vehículo da lingua de Galiza e desde ela de todas as que a necesidade ou o capricho queiramos.

Mais a miña veciña da parroquia de Asadur, que ten casa no lugar de Baldrei e vive en Boiro, tiña raiba porque roubarnos a alma é o maior delito, inconcebíbel. Ela é mestra. Coñece toda a mentira dos escolantes asimilados que levan anos a burlar a lei; e sabe toda a valentía dos escolantes non asimilados que levan a vida na loita pola humanidade creativa, insuperábel dos galegos autóctonos.

E dígome: Non hai lugar á desgana. Porque esta está detrás da silveira; é coma un xílgaro que eu escoitaba de 9 anos no Amieiral, ao escurecer e antes de tanguer. Ollaba e contaba 10 estrelas para irme, mais o xílgaro cantaba e non me ía largar sen que o xílgaro se botase a durmir. A desgana entra nas caras de raiba dos sufrintes que o poder dos delegados do Imperio provocan día tras días  nunha interminábel invasión de bárbaros.

Mentres, na tribuna a cantar e a deletrearen os carreiros dos espías. Non nos moverán. Este é o tempo da descolonización: nin un paso atrás, cada día un adiante. Hai que terminar a seitura. Cantaban nela na miña infancia: "Meu cabaliño, cabalo, meu cabaliño redondo, eiche de cortar as pernas antes de cegar ao fondo".

[27-05-2010 13:58] A Bouza de Coia, Vigo. comentou:

Fermoso texto do mestre, Francisco Carballo. Vitalidade e clareza de ideas ao servizo da consciencia colectiva. Grazas. A loita continúa!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña