10:23 Martes, 07 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-12-2016

Debido á sua situación cambiante, o vento non pode xenerar topónimos

“VENTOSELA” E “O MESÓN DO VENTO”: Nen foi polo ar nen veu polo VENTO

Valorar (17)

CÉSAR VARELA GARCÍA



O VENTO, como fenómeno metereolóxico cambiante,só é aceitábel na toponimia, se nos referimos aos MUIÑOS DE VENTO, cuxas antigas ruinas ainda coroan moitas cumeadas dos montes galegos.

Ainda que moitos filólogos susteñen que nomes como, VENTOSELA, VENTOSA débense ao fenómeno atmosférico; a nós non nos cadra.

Como pode ser elemento diferenciadador o vento que corra en VENTOSELA, do que zoe nos viciños  RAZAMONDE ou BARBANTES, os días ventosos?

Ainda que temos escoitado de altos académicos a cita dun clásico (non sei se Estrabón) dicindo que o VENTO do Zéfiro era quen de fecundar ás éguas no monte, non acaban de convencernos estes argumentos por seren idealistas e poéticos demais para algo tan simple como un chamadeiro da nosa Terra.

Tamén temos lidado co  intento de facelos derivar de negócios de caza, como  lugares VENATIOSUS; pero o certo é que a súa evolución iría mais ben para VEADOSO que para VENTOSO.

Hai quen ten relacionado istes topónimos co nome portugués de BENTO.

Esa mesma orixe debe ser a dos lugares de nome  CASA DO VENTO ,en  Rois, Vilasantar, Parada de Sil, Sárria ou Vilagarcía.O nome cristián BENEDICTUS evoluiu na nosa Terra a BIEITO, ou todo o mais a BAINTO, como atestigua o lugar masidao de BAINTE.

Os  lugares que locen o nome de CASA DO VENTO, non poden facer referencia a un suposto posesor chamado de, BENTO, pois non tería moito sentido que o mesmo home tivese casas por os diferentes lugares do País.

Á vista das explicacións “oficiais”, temos que deixar o filoloxismo puro e adentrarnos nos métodos do materialismo histórico e entender o porqué dise nome en moitos lugares galegos.

Nos forais e “cartas proba” galegos e portugueses sempre hai un apartado adicado ao “GADO DO VENTO”
Nun foral portugués do ano 1514 lese:

“ E o GADO DO VENTO será do senhorio das ditas remdas segumdo nossas ordenaçooes com decraraçam que a pesoa a cujo poder foi teer  ho venha escpriver a dez días primeiros seguintes sob pena de lhe seer demandado de furto”.

E noutro:

“ O gado do vento e direito real,...”
E ainda:

“O gado do vento será do comendador,…

Na versión latina destes forais utilizan a expresión “GANATUS QUI INVENIT”, que xa nos esclarece o que entenden por “gando do vento”, ao usar usar  o verbo “INVENIRE”, que quer dicer, “atopar casualmente”.

Están falando do que os casteláns chaman “ganado mostrenco”, ou sexa “mixturénico”, que non ten casa nen fogar.

Sería moito máis razoábel, a luz dos forais medievais, interpretar tais lugares como os curros onde se gardaba o gando perdido e atopado casualmente, pois xeneraría un importante imposto que habería que pagar ao rei.

Nós preferimos entendelos como lugares onde se construían casebres lixeiros ou alpendres para “ameixoar animais”, se cadra coas oficinas do arrecadador real anexas, o que explicaría ise nome en vilas habitadas como a CASA DO VENTO de Sárria.

A mesma orixe deben ter os lugares de nome CRUCEIRO DO VENTO en Marin, o MESÓN DO VENTO en Ordes ou o MONTE DO VENTO.

E ainda os sete lugares chamados simplesmente: O VENTO.

Que dicer dos 15 lugares de nome VENTOSA,o lugar de VENTOXO,  ou os diferente VENTOSELOS  e VENTOSELAS que inzan no País?

Revisemos  o significado das palabras latinas como:

ADVENIO, ADVENTUM: Achegarse, que está por chegar.
ADVENTICIO: Riqueza que ven de fóra e coa que non se contaba
ADVENTORIO: O que se refire á chegada de algo de fóra.

Dá para pensar que os significados de INVENIO (atopar casualmente) e ADVENIO (que se achega, que ven) teñen certa relación.

Nós, aventuramos, pois non dispomos de documentos en que basearnos, que se trataba de curros ou pascigos ADVENTICIOS, ou sexa: provisórios ou temporais.

Tamén poderían ser unha especie de ADVENTOS, ou sexa “achegados” ou alpendres engadidos depois nun sentido semellante aos  AXEITOS ou anexos dunha finca ou construcción principal.

Viría todo de unha cabana ADVENTOSA, no sentido de agregada ou arrimada  posteriormente, ou sexa, aposentos ADVENTICIOS  ou engadidos , é dicer,como o noso AXEITOS de … de “adjectus”, ou sexa, ”anexionado”.

En definitiva estamos falando dos costumes pastorís e o vocabulario que eles usaban para designar os seus pastos, curros e alpendres, moi semellantes aos que comentamos nun traballo anterior ao referirnos aos MEIXÓNS FRÍVOLOS.

Seica non estarán istes ADVENTOS na raiceira dos nomes de lugares comoBENDOIRO, en Lalín, ou BENTRACES, en Celanova?

Ben poderíamos derivalos de un ADVENTORIO e duns ADVENTARACIS latinos, mallando na mesma idea das arribanas pegureiras.

Para remate, no VENTOSELO  do San Amaro, facendo honra ao seu antigo significado de “adventicio”, “ que aparece fortuitamente”, acaba de instalarse unha catedral budista; de budistas do Tibet, que  traídos polo vento… viñeron a parar  aquí,facendo  do lugar un peago de serenidade e meditación.

Desde logo nada a ver co fenómeno atmosférico que vai e ven.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña