09:05 Xoves, 20 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-05-2010

A súa elección partiu dunha consulta aberta coa marca do Partido Verde -unha estrutura sen ideoloxía utilizada de forma tanxencial para os torneos electorais-

Colombia e Mockus

Valorar (6)

ANDRÉ ABAL MAURICIO


O candidato do Partido Verde, Antanas Mockus


A derradeira semana antes da primeira volta das eleccións en Colombia mostra -nas sondaxes- unhas porcentaxes moi axustadas entre Juan Manuel Santos e Antanas Mockus, con ventaxa para o segundo nunha eventual segunda volta.

O ascenso do filósofo e matemático de orixe lituano pensábase imposíbel só un mes atrás, cando as enquisas situábano cun 5 por cento de intención de voto, nunhas eleccións determinadas pola resolución da Corte Suprema de Colombia de non permitir a segunda reelección do presidente Uribe.

Poucas dúbidas quedaban da victoria do aínda presidente no caso de terse presentado, a pesares da situación na que se atopa Colombia -con índices sociais en constante retroceso- a súa política de "seguridade democrática", coa que gañou terreo con respecto ás FARC e conseguiu limitar a súa capacidade de acción, deulle cotas de popularidade moi altas.

Gracias, iso si, ao apoio decidido dos medios de comunicación, que adicaron o mesmo tempo a falaren da acción militar -con símbolos da cruz vermelha, en clara violación a Convención de Xenebra- que trouxo a Ingrid Betancurt, que dos miles de falsos positivos que se detectaron nestes 8 anos de goberno, e dicir, indixentes, marxinados ou indíxenas asasinados polas forzas do "orde" e vestidos de guerrilleiros para poder cobrar a recompensa por abatelos que outorga o estado até o de agora presidido por Álvaro Uribe, ademais da súa relación co caso da "parapolítica", no que seu irmán está sendo procesado.

Cando a corte deu o veredicto final desatouse no seo do goberno, dirixido polo Partido Social de Unidad Nacional (Partido da U) pero no que se atopan tamén parte das forzas tradicionais colombianas, coma o Partido Conservador, unha loita para conseguir a bendición do presidente, entre Juan Manuel Santos, ministro de defensa e Andrés Felipe Arias, ministro de agricultura; o primeiro era en teoría o maís próximo o suposto "ideario" do presidente, e o máis comprometido co modelo de "seguridade democrática". Santos presentouse coma candidato a suceder a Uribe -se este non se podía reelixir- e non tería ningún problema para conseguir a nominación do Partido da U, a pesares de ter un proceso xudicial aberto en Ecuador polo bombardeo dun campamentos das FARC -na morte de Raul Reyes- en territorio dese país; pola outra banda, Arias, que finalmente foi o sinalado como a mellor versión súa polo presidente, enfrontaba a carreira no seo dos conservadores contra Noemí Sanín, embaixadora en España entre 2002 e 2007; un con intención de facer unha fronte con Santos e a outra coa esperanza de ser presidenta, o triunfo de Sanín así coma dividíu as forzas conservadoras, tamén deixou a Santos coma o único expoñente claro do uribismo.

A esquerda, representada no Polo Democrático, que lanza á presidencia a Gustavo Petro,  perde votantes en relación ás anteriores eleccións e sitúase nun magro 5 por cento, levados por unha banda, pola asimilación histórica da esquerda nas FARC, que permite a criminalización como terrorista de canto se recoñeza como esquerda; prexuízos que non se aplicaron os "paras" que co induvidábel aporte dos medios de comunicación - non todos claro, si a maioría- só eran uns bandidiños que protexían aos narcos das agresión da guerrilha, a outra explicación de este retroceso e unha característica básica das elección colombianas, a abstención masiva, que nas eleccións de 2006, unhas das máis participativas, só chegou ao 45 por cento do padrón, que deixa virtualmente nas mans do 20 por cento de poboación, que controla o 62 por cento da economía, a elección dos seus representantes.

Nas votación que se han rexistrar este 30 de maio, o nome de Antanas Mockus gañou posicións por un factor determinante, credibilidade, a súa elección partiu dunha consulta aberta coa marca do Partido Verde -unha estructura sen ideoloxía utilizada de forma tanxencial para os torneos electorais- entre os coñecidos coma os tres tenores, "Lucho" Garzón, Enrique Penhalosa e o propio Mockus; após sumarse Sergio Fajardo, que completa a fórmula como vicepresidente, a impronta democrática e a boa imaxe política e transparente que estes catro ex-alcaldes de Medellín e Bogotá deixaron na súa xestión arroupou ao Partido Verde ao lugar máis alto nas enquisas.

O que pode ser o 57º Presidente de Colombia, está formado nas institucións máis importantes do país, e foi a primeiros dos 90 rector da Universidade Nacional de Colombia, foi elixido dúas veces coma alcalde de Bogotá, aplicando políticas, que se ben nom tiñan unha liña ideolóxica definida -nos estándares usados de común- eran aplicadas cunha metodoloxía pedagóxica, educando mais non impoñendo, deixando ás costas os exemplo máis excéntricos, comas os pallasos contratados polo axuntamento para ensinar os conductores coma comportarse na rúa o conducires, tivo grandes éxitos na súa xestión como o aforro voluntario de auga en toda a cidade, e a redución dos índices de homicidios un 40 por cento coa introducción da "hora cenoria", unha serie de medidas que abranguían desde o peche ás 2 da mañá das discotecas até a promoción da participación popular convertindo a maioría da cidade en peatonal tódos os domingos.

A comezos da campanha eleitoral Mockus anunciou aos medios de comunicación que os seus doutores lle diagnosticaran parquinson e que lhe deran 12 anos de esperanza de vida, estas revelacións fíxonas, según él, para evitar lo xogo electoral cun tema que afecta tamén a súa familia, isto acabou de labrar a confianza do electorado máis novo, o rachar coas prácticas políticas comúns.

Se ben non forma parte da esquerda tradicional colombiana, a súa afinidade cun novo xeito de entender as relacións entre o poder e os cidadáns e coas improntas progresistas que se están a impor na maioría da América Latina, sen dúbida e a mellor, por non decir a única opción real de rachar co modelo imposto por Álvaro Uribe, e se cadra aínda son umha incógnita as transformacións económicas que poderá asumir, cando menos será un respiro á rexión, e unha oportunidade para xerar políticas que permitan a Colombia un desenrolo endóxeno sen a aprobación previa do gran veciño do norte.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña