07:38 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-12-2016

Agardan co seu traballo político e informativo facer ver ao pobo portugués os límites existentes no actual marco

XX Congreso do Partido Comunista Português

Valorar (17)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



O Partido Comunista Português vén e celebrar na cidade de Almada o seu XX Congreso, baixo o lema “PCP-COM OS TRABALHADORES E O POVO. DEMOCRACIA E SOCIALISMO”, congreso celebrado nun momento político especial no país veciño ao cumprirse oito días antes da súa celebración o primeiro aniversario do goberno en minoría de António Costa do Partido Socialista; goberno posíbel despois da derrota electoral do PSD/CDS-PP o 4 de outubro de 2015 e dos acordos asinados polo PS e os partidos á súa esquerda, un deles a “Posição conjunta do PS e do PCP sobre solução política”.

O PCP considera na Resolución Política aprobada neste congreso que as eleccións do 4 de outubro permitiron abrir unha “nova fase da vida política nacional”, nova fase que permitindo mellorar as condicións de vida da clase traballadora e do pobo portugués ao recuperar algúns dos dereitos cortados polo goberno da dereita, non deixa de ter as súas contradicións e perigos para unha forza como o PCP que ten como obxectivo superar o actual marco político e económico.

O PCP consciente da grave situación social, que se degradaba a pasos axigantados co goberno PSD/CDS-PP, considerou hai un ano que debía actuar para evitar que recuncara a dereita no goberno e para evitar novos recortes de dereitos e un agravamento aínda maior nas condicións de vida do pobo portugués. Foi unha decisión complexa ao facilitar un goberno en minoría dun Partido Socialista que nos aspectos centrais da súa política en pouco se diferenza da dereita, dada a súa postura submisa cara a Unión Europea e o grande capital. O PCP ao respecto da decisión adoptada di “...dando expressão política à luta dos trabalhadores e do povo, não desperdiçar a oportunidade de, com a sua intervenção, concretizar avanços, ainda que limitados, e corresponder, assim, ao seu compromisso de lutar em todos os planos na defesa dos seus direitos e interesses.”

Neste ano téñense conseguido melloras na administración pública, no aumento do salario mínimo, na recuperación de festivos, na gratuidade de libros de texto, reversión do proceso privatizador nos transportes, eliminación de condicionantes para o aceso ao aborto, apoio a desempregados e persoas maiores, redución dos repagos, redución do IVA en restauración …. O PCP non deixa de advertir que estas medidas positivas, e outras que se poidan conseguir, permiten interromper a obra destrutora da dereita pero non supoñen concretar a política patriótica e de esquerda defendida no seu programa, dado que o gobenro é do PS e en aspectos centrais do seu ideario ese partido non se diferenza da dereita ao ser totalmente submiso á Unión Europea e aos intereses do grande capital.

Non habendo acordo de goberno nin parlamentar senón apoios concretos, o PCP considera que están diante de “Uma solução política cuja durabilidade depende da adopção de uma política que assegure a inversão do rumo de declínio e retrocesso imposto pelo governo anterior e corresponda aos interesses e aspirações dos trabalhadores e do povo.”

Consciente de que neste tipo de situacións é doado para quen goberna levar a maioría dos réditos das medidas que favorecen ao pobo, o PCP ten definido realizar intensas campañas informativas sobre cada unha das medidas adoptadas informando do contido das mesmas e do papel fundamental do partido na súa consecución.

Ademais agardan co seu traballo político e informativo facer ver ao pobo portugués os límites existentes no actual marco pois, podendo recuperar dereitos de xeito puntual, non será posíbel poñer en marcha unha política que permita mudar de rumbo o declinio económico e social do país sen proceder á “Libertação do País da submissão ao Euro e das imposições e constrangimentos da União Europeia que, com outras expressões de uma política externa soberana, de paz e cooperação, afirme um Portugal livre e soberano.”

Como é habitual nos congresos do PCP a Resolución Política aprobada abarca ademais da situación política e social portuguesa e mundial outros apartados, entre os que, ao meu ver compre destacar o necesario reforzamento da loita ideolóxica que sendo sempre necesaria debe intensificarse no actual contexto. Loita ideolóxica que debe levarse adiante empregando todas as ferramentas posíbeis, sendo conscientes da importancia que teñen na sociedade actual os medios de comunicación e a propaganda á hora de transmitir ideoloxía.

En momentos como o actual, de grande confusión e moito despiste, en que reaparecen posicionamentos reformistas ou ideoloxistas coincidentes en falar de receitas universais e infalíbeis que deben ser aplicadas polos partidos comunistas e outras organizacións revolucionarias, e que non  asumen que cada pobo, en función da súa historia e da súa realidade, será quen defina o camiño a seguir, considero moi interesante ler as aportacións feitas neste congreso no referente ás relacións internacionais e ao proxecto de socialismo para Portugal

En canto á nova dirección foron poucos os cambios, mantendo a liña iniciada hai xa un tempo de rexuvenecer os organismos favorecendo a entrada de novos cadros que, compartindo traballo con outros máis experimentados, permitan dar continuidade ao Partido.

Jerónimo de Sousa, reelixido secretario xeral lembrou no seu discurso de apertura que  “ ...ao contrário dos que, fazendo o jogo das multinacionais e do grande capital sem pátria, propagandearam os falsos benefícios da «globalização» capitalista, o espaço nacional continua a ser o marco fundamental da luta pela transformação da sociedade e a defesa da soberania nacional uma componente capital da luta anti-imperialista.”

E no discurso de clausura manifestou que o XX Congreso do PCP “Confirmou e reafirmou que este Partido não regateará nenhum esforço, nenhuma tarefa, que visem defender e conquistar direitos e melhorar as condições de vida dos trabalhadores e do povo, sempre com os olhos postos na linha do horizonte, no objectivo supremo que anima e justifica a nossa razão de ser e de lutar: uma sociedade liberta da exploração do homem pelo homem.”


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña