14:29 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-12-2016

O paisano galego e o portugués desprézanse mutuamente

Portugal, tan pretiño e tan lonxe

Valorar (18)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Nunca escribín un texto, fose el científico, político ou literario, con ánimo de polemizar, ata tal punto que endexamais respondín a ningún dos discrepantes dos meus artigos en Terra e Tempo e son completamente alleo a toda caste de redes sociais. Contounos Bibiano Fernández Osorio-Tafall, na ocasión na que o nomeamos “Director Honorario dos Institutos de Pontevedra”, que lle gustaba repetir a frase que, moi ben anos antes, lle espetara un labrego das terras interiores de Pontevedra: “Eu sempre estou disposto a aceptar a controversia retroactiva”. Eu tamén, e demostreino en discusións científicas, tanto oralmente como por escrito. É máis, despois dunha última e pouco frutífera lectura na que me volven acusar de ser o máximo representante do anticeltismo en Galicia, insisto en retar aos que tal manifestan a que indiquen, na miña extensa produción sobre o tema, unha soa frase na que negue que en Galicia houbese celtas. Unha cousa é non detectar marcianos onde outros ven moreas deles e outra é ser antimarciano. Ler uns poucos libros e incluso facer e exercer unha carreira universitaria proporcionará un verniz ilustrado, mais non eleva o coeficiente intelectual e, como din os versos dun longo poema en galego escrito ironicamente contra os seus colegas por Xoán Torrado Mariño, natural do mar da Arousa e Catedrático de Artes en Santiago, poema co que gañou o “Certamen Olímpico de las Fiestas Minervales” organizado pola universidade, en 1677,  en honra de Alonso de Fonseca, “Moitos Letrados passados / Que ganaron gran moeda / Avían de andar coa liña / No mar pescando as fanecas”. Daquela eran letrados todos os titulados en letras, verba acaparada logo en exclusiva polos de dereito.

Co artigo de hoxe tampouco pretendo incitar ao debate, nin épater le bourgeois. Cada quen é libre de pensar e opinar o que queira, desde a negación das teorías evolucionistas ata a defensa, con Lightfoot, de que o mundo foi creado o 23 de outubro do ano 4004 a. C. ás 9 da mañá (día e hora de inicio das clases universitarias en Inglaterra). Pensando así, ata se pode chegar aos máis altos postos na política estadounidense. Decidín poñer a venda antes da ferida, porque co tema que vou tratar sempre me sucede o mesmo que cando me ocupo dos celtas, a saber: hai cantidade de persoas que semellan tomalo como algo persoal e indígnanse comigo; estes últimos porque queren ser celtas e os outros porque, sentíndose galegos e portugueses tan unidos e parte do mesmo tronco, o raro é que aínda non esteamos reunificados como as dúas Alemañas. E en ambos casos, español o que non bote.  

As Irmandades da Fala, constituídas hai agora un século, aprobaron dous anos despois o “Manifesto da Asambleia nazonalista de Lugo”. No seu punto II (“Problemas costituentes”), despois de citar a “Federación da Ybéria” no apartado 4º, continúa no 5º facendo referencia a Portugal: “Dentro d-esta federación, igoaldade de relaciós con Portugal”, e no 6º engade: “Crendo na accidentalidade das formas de goberno intrésanos acrarar que non apelamos por ninguha, mais simpatizaremos dende logo con aquela que se amostre mais doada para chegare â federación con Portugal”. Castelao, un dos asistentes e asinantes do “Manifesto”, retomará estas ideas repetidas veces no seu Sempre en Galiza, chegando a dicir que “a Unión Ibérica recuperaría para Hespaña e para Portugal a categoría que ambos Estados perderon ao separárense” e máis adiante engade: “Unha Galiza autónoma cultivaría os atributos, agora puramente rústicos, da súa persoalidade, e non tardaría en erguelos até o nivel portugués, n-unha inevitable coincidencia de xenios”. Máis citas ten o noso rianxeiro universal sobre a cuestión do necesario achegamento Galicia-Portugal e mesmo España-Portugal; mais agora coido interesante determe na precedente, porque nela indica Castelao algo certamente obxectivo: a desigualdade no cultivo dos atributos da personalidade a unha banda e outra do Miño e, conseguintemente, a superioridade do xenio portugués. Inicialmente, a relación, de se dar, sería asimétrica. Moitos anos máis tarde, en 1974, o meu mestre don Alberto Balil, investigador reputado no eido da arqueoloxía clásica, recoñeceu a grande distancia científica que, nesa materia, nos separaba de Portugal: “... donde este conocimiento alcanza un nivel muy superior al que nosotros poseemos y nos es constante acicate y estímulo así como permanente advertencia de lo mucho que nos queda por hacer”.

No simposio celebrado o mes pasado no Museo do Pobo Galego para profundar no papel das Irmandades da Fala, a doutora Teresa Soeiro da universidade do Porto e máis eu presentamos, por pedido da organización, un relatorio conxunto sobre a arqueoloxía en Galicia e Portugal na época das Irmandades. Na breve exposición oral que puidemos facer, tanto ela coma min manifestamos o desequilibrio existente en canto ao respectivo interese de achegamento entre os científicos dunha banda e doutra do Miño, sendo as relacións entre eles sempre persoais e escasas. No número da revista “Portugalia” da FLUP correspondente a este ano, publiquei eu, co gallo da “Semana Cultural Galega” de 1935 no Porto, un artigo no que fago un percorrido, necesariamente fugaz, desde o afastamento do Condado de Portugal e a súa transformación en Reino independente ata os nosos días. Como título, tomei prestado aquel pé de viñeta de Castelao: “E os da banda d’alá son mais estranxeiros que os de Madrí?”. Partín dunha Galicia esgazada que dá lugar ao nacemento de Portugal, cuns primeiros tempos nos que Afonso Henriques trata de reunificar a vella Gallaecia, seguín coa situación dos raianos, moitas veces descoñecedores do reino ao que pertencían, coas fortes loitas entre eles –por orde de Madrid e de Lisboa- desde 1640 ata 1668, seguidas do “Entremés famoso sobre a pesca no río Miño”, que remata cunha festa conxunta, animada por unha moza portuguesa con viola, pandeiro e ferreñas, mais sen gaita. As loitas non impiden o sentimento de veciñanza e mesmo, xa entrando no s. XIX, un viaxeiro alemán, Link, atopou no Porto algo que non escoitara en Lisboa: “diminutivos ridículos”, e exemplifica con “adeusinho”. No Porto seguían a ser galegos e falaban como aínda hoxe nós falamos.

Escribín alí da intensa emigración de Galicia a Portugal, cando se forxou unha imaxe negativa dos galegos, con ditos coma estes: “Três galegos não fazem um homem, não sendo para comer”, “Guarda-te de cão preso e de moço galego”, etc. Non todos os emigrantes foron como Manuel Cordo Boullosa, fundador de Galp e, daquela, o quinto home máis rico do mundo. A realidade diaria amosaba uns homes que traballaban nos oficios máis pesados e ruíns, como carrexadores de auga, de xentes e obxectos pesados, así como reconstrutores da Lisboa desfeita polo terremoto de 1755, gañando por iso unha sona ruín, tal como sucedía en Castela cos segadores, cando o berro nas estacións e apeadeiros era: “Señores viajeros al tren... y gallegos también”. Ao chegar á situación actual, falei das relacións culturais asimétricas, apoiándome sobre todo en autores portugueses para así dar forza ao que eu, despois de 40 anos de intensa confraternidade cos colegas de alén Miño, teño máis que constatado: O paisano galego e o portugués desprézanse mutuamente; o estudoso galego procura a relación con Portugal, mentres o colega portugués non sente ningunha necesidade de achegamento. Xa Mendes Corrêa, na inauguración da citada “Semana” de 1935, chegou a dicir que Galicia era unha descoñecida en Portugal e que o río do Esquecemento xa non era o Limia , senón o Miño. António Medeiros, no ano 2003, di que “Hoje é nítida a ausência de atenção às relações de Portugal com a Galiza por parte dos estudiosos portugueses, não tendo paralelos locais as preocupações que recentemente têm suscitado a atenção de tantos académicos galegos notáveis”, e a citada Soeiro escribiu en 2004, ano de Xocas, na revista da Real Academia Galega, que hai unha “relação desigual, mais desejada e bem acolhida na Galiza do que pensada e assumida em Portugal”. Podería traer aquí citas e citas abondando nisto, mesmo xa do propio Camões, cando, esquecendo a súa orixe, ou talvez por lembrala, nos obsequiou no Canto IV de Os Lusiadas con esta galanura: “O sórdidos galegos, duro bando”.

Despois da intervención de Soeiro e miña no Museo do Pobo Galego, houbo quen protestou dicindo que non concordaba con nós, xa que el tiña relacións de amizade e actividades comúns con colegas portugueses. Non respondemos, xa que non era diso do que se trataba, e proba evidente era o relatorio conxunto que viñamos de presentar e defender dous membros dun equipo de traballo e de amizade formado hai corenta anos baixo a dirección de Carlos Alberto Ferreira de Almeida e afirmado en moreas de escavacións, traballos, viaxes, degustacións de lampreas e, nos últimos tempos, enterros. Unha cousa son as relacións persoais e outra pensar que os investigadores portugueses, así en abstracto, desexan o achegamento a Galicia. Viale Moutinho chegou a dicir que o intelectual portugués ten moita máis fachenda que o galego e “mira máis para Madrid e para o propio embigo”. Os versos de Pondal, cantando “A nobre Lusitania / os brazos tende amigos”, non son máis que poesía. Xa o peregrino Nicola Albani, en 1743, se decatou da desconfianza portuguesa, vendo a diferenza enorme entre a desprotección de Tui e a fortaleza de Valença; mais, hoxe, ata o rei vai falar ao parlamento de Lisboa de irmandades ibéricas e resulta moito máis doado de suavizar o chamado perigo español, propio dun país que se sabe máis pequeno e débil, e por iso procurou sempre o amparo de Inglaterra, que saltar o Miño e mesmo chegar a apreciar a nosa literatura, que eles consideran escrita de campesiños (non sobra pensar na cita de Castelao sobre a rusticidade dos atributos da nosa personalidade). O seu desprezo ao galego, a unha lingua que permite que (máis ou menos) se lles entenda, fai que sexa habitual, cando imos alá, ter que aguantalos a mal falarnos español. Eu nos restaurantes falo directamente portugués e así libro do seu castrapo.

A min gústame imaxinar as relacións galaico-miñotas coa ollada de João Verde, poeta de Monção, cidade onde obran nun fermoso panel de azulexos estes sentidos versos:

Vêndo-os assim tão pertinho
A Galiza mailo Minho
São como dois namorados
Que o rio traz separados
Quasi desde o nascimento.
Deixalos, pois, namorar
Ja que os pais para casar
Lhes não dão consentimento”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña