03:21 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-12-2016

Máis de medio século despois de terse escrito, este “clásico” do anticolonialismo é agora reeditado por Laiovento e traducido ao galego polo experimentado político Claudio López Garrido

Un “Retrato do colonizado” que non prescribe

Valorar (16)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



“Asoballar
”, verbo galego agora reducido aos arcaísmos,  socorrido nos rebeldes anos setenta, cando mudaban tantas cousas, mesmo as sofisticadas formas de explotación. E detrás sempre fins económicos e polo tanto políticos. Os mozos  de entón, os que deixabamos atrás unha educación  de “Florido pensil”, nacionalcatolicista, comezábamos a ter criterio, a buscar a identidade individual e colectiva e a escudriñar no que se nos acochaba politicamente. En voz baixa  buscábamos na trastenda das librarías  o “Sempre en Galiza” de Castelao, liamos, axeitadas á contemporaneidade, as teorías de Marx, algún mesmo entoleirou  cos tomos do “Capital”. Os máis sintetizábamos tanta teoría a través do manual de Marta Harnecker, “Os conceptos elementais do materialismo histórico” . Sen faltar a preceptiva lectura, recomendada entre as células do nacionalismo, do“Retrato do Colonizado”... e do colonizador , da autoría Albert Memmi .  Nova santísima trindade bibliográfica para a formación “progre” de entón.  Como banda musical de fondo  Allan Stivell, o Zeca Afonso,  Voces Ceibes,  poemas de Celso Emilio e de Manuel María. Receitario teórico,  ao menos así foi, para un grupiño de carballiñeses que facíamos praxe e patria dende a agrupación Cultural Avantar, entre outras iniciativas de máis fondura “galega”,  ás que nos sumamos e nos entregamos coa paixón moza e inexperiencia tamén, como  a recuperación da cabeceira histórica do xornal “A Nosa Terra”, finalmente engulida polo capital. Lecturas de formación, armas de combate intelectual,  abrindo á nova filosofía do século XX,  sempre arredor do ser humano, do humanismo. O Instinto irracional das bandas prehistóricas compre desbravalo coa formación e a conversa. Tres libros  que abriron a outras lecturas  e comportamentos, interiorización do conflito, dos estigmas .

A colonización é ante todo explotación económica e política e conseguintemente cultural, pero hai máis, a degradación do ser humano e da súa sociedade. Isto é humillar, empobrecer en todos os termos ao colonizado e  mesmo cebar a suposta superioridade do colonizador. Conseguintemente autoodio, sentimento de incapacidade e mesmo o reverente amor polo “superior” colonizador. Entre tantos efectos ensarillados arredor da crise de identidade, da anomía estudada por Durkhein, a degradación cultural dun pobo, manifesta de todos os xeitos. E velaí que os recursos propios, a auga, a electricidade, o leite, a pesca, a madeira, as minas.... a man de obra,  a banca cos aforros... pasarán a ser administrados polo grupo dominante, os colonizadores, coa conseguinte degradación física e psíquica, abríndolle fronteiras de incerteza ao asaoballado.

Cavilar non prescriben e sempre se volve á filosofía. Pois velaí o referido “Retrato do Colonizado”, libro con prólogo de Jean-Paul Sastre, editado en España  no 1971 por “Cuadernos para el Diálogo”. Necesario, máis aínda, cando tantas cousas se acentúan no vivir entre culturas, a uniformización global, o consumo, entre outros fermentos. Así que, máis de medio século despois de terse escrito, este “clásico” do anticolonialismo é agora reeditado por Laiovento e traducido ao galego polo experimentado político Claudio López Garrido.

O autor, Albert Memmi é tunecino que vive entre tres culturas:  xudeo, de lingua árabe, formado na súa terra cando aínda era colonia francesa, despois na metrópole, na Sorbonne. Os seus comportamentos, canto lle tocou vivir, forma parte dunha investigación psicosociolóxica que desexa compartir. Obra escrita no contexto espacial e temporal da revolución arxelina, fronte a unha Francia paternalista que repensa sobre a súa “misión civilizadora” . Pese as sempre debatidas diferenzas políticas, non nos son alleos os presupostos de Memmi aos dos galegos de noutrora atufados pola  grandilocuencia de pandeireta da ditadura da “reserva espiritual de Europa” que enxalzaba aos Reis Católicos  e  a unha “lengua compañera del imperio”, pero tamén por un hoxe de tantos sofisticados xeitos de explotación “democrática” . Ser ou non ser. Trátase de informar para formar, para conducir á liberación persoal e do pobo  explotado, co que se negocia coa súa carne humana, como dicía Castelao.  Colonizados  multiplicadamente explotados , tamén como traballadores, proletariado mudo, sen identidade, sen idioma, sen criterio, reducido a novos guetos nas cidades industriais, si acaso cun “Centro Gallego” pro desafogo das festividades. A ridiculización, a distorsión e destrución das tradicións, asociadas co atraso  e que se reducen a ambientes envellecidos, esperpentizados. Aculturación, conseguintemente crise de identidade, o debate das contradicións, autodestrución, sempre fora de xogo ou metidos de cheo na mesma cerna da opresión.... O colonizado, sumido na alienación, carga co desarraigo, cun permanente exilio de pertencer a ningures e non ser aceptado.

Asuntos de identidade e cultura, de nacionalismo,  das que “pasaba” o internacionalismo da esquerda , acentuándose as súas contradicións imperialistas, na China de Mao, na URSS.... Enguedellábase o debate sobre o qué era ou non era unha colonia. Non se trata de aplicar a Galiza o esquema clásico  do colonialismo en bruto do “si bwana”,  secuencia desa longa historia  de conquistas e “descubrimentos” sobre os “bárbaros” indíxenas,  mesmo abusando sacrilegamente dos santos ao outorgarlle milagres de matarifes. Historia feita a medida dos que vencen.  Hoxe o neocolonialismo disfrázase de sofisticados e “democráticos” xeitos de explotación  económica , política e cultural. Entenderámolo mellor se enxergamos o noso acontecer, cando se perderon, zugaron e expatriaron tantas iniciativas galegas e se distorsionaron  e propiciaron tantos monstros e esperpentos. Aínda así resulta difícil ao colonizado retirar as orelleiras,  enxergar o seu papel de bailanacriba  bicultural, bombardeado ademais mediaticamente por canta metralla comercial e enganos sen fronteiras hai.

Xa non compren exércitos invasores, cando estes xa están conformados por rapaces das nacións máis empobrecidas.  Non se trata do vello  escravismo en galeras, da  trata de negros , nin do racismo de cultos e privilexiados usurpadores. Aínda que algo queda dos peores capataces, mercenarios, que rematan sendo os propios colonizados pra  pasar no escalofón de pequeno a gran colonizador. Farao de xeitos máis sutís, paternais  na tele, na universidade, nos parlamentos... pra quen queira e saiba enxergalo, especialmente co idioma, por canto supón nas relacións e no que se mostran as feridas e as cicatrices,  maltratado, dialectalizado, agresivo, escatolóxico cando non endomingado ou reducido a regalo de beneficencia,como invento de aluados  reunidos dunha pléiade de  intelectuais de ego niquelado. Velaí a forza da educación e da cultura, o papel da política que rega no rego, o o esforzo de Castelao, do Seminario de Estudos Galegos, do Laboratorio de Formas de Seoane e Díaz Pardo para afianzar a identidade e conseguintemente  a independencia individual e colectiva. Contra a deshumanización da persoa e do  grupo,  non cabe máis que o humanismo. Asumir, enxergar o tempo e a terra na que nos tocou vivir, con todas as súas circunstancias internas e externas, é o feito mínimo de revolución, de liberdade e ser. O que si é certo é que todos os colonizados parécense entre si, mostrouno Castelao nos “Debuxos de negros”.  E por algo reaparece  novamente  “ O retrato do Colonizado” e outra vez, con il,  sacamos á rúa o verbo “asoballar”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña