19:36 Luns, 06 de Decembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-12-2016

Unha obra tan proteica, pide ser lida tendo en conta a diacronía da súa elaboración

Adeus ao ano, non ao autor

Valorar (17)

MARICA CAMPO



Finaliza en apenas un mes o ano dedicado ao benquerido Manuel María. Acontece a miúdo que, o escritor ou escritora obxecto da homenaxe decidida pola Academia, fica despois desa especie de exhumación  soterrado para sempre. Non vai ser este o caso. Primeiro porque, aínda que se afondase máis na obra do autor, en ningún momento houbo que exhumalo  xa que estaba vivo na memoria do pobo galego máis consciente do propio ser. E segundo –segundamente, diría el- porque ese afondar no seu legado literario e biográfico, fixo medrar, se couber, a súa persoa e a súa escrita.

Unha obra tan proteica, pide ser lida tendo en conta a diacronía da súa elaboración. Así, veremos como estivo ao pé de todas as correntes literarias e dos momentos históricos que demandaron intervencións desde a sátira política. Son este último tipo de poemas, con ripios conscientemente utilizados, os que ás veces lle valeron críticas negativas, cualificándoos sotto voce de prescindíbeis. Manuel María sabíao, mais como era un verdadeiro poeta de garda, como xa teño escrito a miúdo empregando un título de Gloria Fuertes, entendía que o importante era a función militante da escrita, o feito de acudir á necesidade imperiosa de enviar a mensaxe.

Son moitos os libros de Manuel María que merecen un lugar de honra entre os mellores do momento en  que foron escritos e, ademais, resisten invernos e calores porque son poesía verdadeira e quérollo dicir, alén do tempo e a morte, a el, que declaraba non saber se tocara algunha vez a poesía na súa escrita.

Sucede que moitas veces se confunde a sinxeleza coa simpleza e abofé que son cousas ben distintas. Manuel María non é un poeta hermético, pero é un poeta profundo. Dos que escribían con claridade dicía Albert Camus que tiñan lectores. E que, pola contra, os escuros, tiñan comentaristas.

Manuel María é claro e por iso tivo menos comentaristas dos que merecía. Supoño que non é esta a única razón pola que a crítica oficial silenciou, por omisión flagrante, moita da obra manuelmariana. Tamén a que Roland Barthes chama “crítica da mala uva”, a que oculta a propia ideoloxía e quere aparentar imparcialidade, non dixería o compromiso nacionalista do poeta.

Mais eu quixera, sobre todas as cousas, salientar a ética insubornábel do home. Feramente humano, como titulara Blas de Otero un seu libro (Ángel fieramente humano), podo dar fe de cómo devolvía ben por mal, poñéndose sempre no lugar dos outros e buscándolles xustificación aos erros alleos.Certamente, se tivese utilizado as novas tecnoloxías, non o podo imaxinar escribindo maldades e descualificando a ninguén, oculto baixo pseudónimos. Imaxino, por contraste, a catadura humana de persoas que, sen coñecer a quen fan albo das súas críticas, botan a lingua a pacer sen pensar que poden facer dano.

E desculpen esta miña última consideración. Quen fai público calquera escrito ou obra, queda aberto ás críticas, faltaría máis. O que non me parece xusto é falar ad hominem (ou ad mulierem), é dicir, contra a persoa á que seguramente nin coñecen. Coñecer é algo máis que facerse eco de rumores e ter visto ou oído a alguén unhas cantas veces.

Manuel María, polo que eu vin, non se preocupaba de  infundios e, moito menos, de se facer propaganda. Buscaba a beleza e, como ensinou John Keats, solo a verdade é beleza e a beleza verdade.

Que unha e outra nos acompañen sempre e, cando a súa ausencia nos doa, procurémolas na obra do que sentiu a pulsión de ficar na paisaxe e abofé que o conseguiu. No Miño, nas árbores, na Terra Chá, nos camiños percorridos e na arte gozada. Na lingua. Na Galiza e na nosa lembranza, Manuel María sempre.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña