20:34 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-05-2010

A supervivencia dos montes veciñais en mán común, de esta titularidade comunitaria está en perigo; só queda presentar batalla

Consigna da nova Consellaría de Medio Rural: A privatización dos montes comunais

Valorar (9)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ


"Vive en Defensa do Monte Galego", programa de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude do anterior goberno da Xunta de Galiza


Só a unidade das comunidades de montes, xunto coa alianza da sociedade que vive e traballa no medio rural, especialmente a sociedade labrega e xunto coa complicidade do resto do País, poderá impedir a consigna que xa ten trazada a Conselleira de Medio Rural da actual Xunta de Galiza. Consigna que non é outra, que levar adiante a privatización dos montes veciñais.

Os pasados días 22 e 23 de maio, no concello de O Carballiño, tivo lugar o IV Congreso Galego de Comunidades de Montes. No acto de apertura do mesmo intervíu o Sr Director Xeral de Montes. Coas palabras que alí dixo, e sobre todo, co silencio que alí "dixo", ficou claro que a politica de montes do Goberno Galego do Partido Popular, só ten un obxetivo. E este obxetivo, non é outro, que o de entregarlle os montes veciñais en mán común ás grandes empresas do sector, é dicir, entregarllos aos intereses alleos das comunidades de montes e do noso País. Para que nos entendamos todos, a consigna do Partido Popular é a de privatizar estas titularidades comunitarias .

No acto de apertura do IV Congreso, o Sr Director Xeral de montes dixo:

-Que os montes veciñais en mán común non se poden privatizar xa que son bens de caracter privado. Isto é unha grande mentira, xa que é unha media verdade. Os montes veciñais en mán común, nin son titularidades públicas, nin titularidades privadas. Son titularidades colectivas e abertas, son titularidades comunitarias. Se o Sr Director Xeral de montes quixera defender os montes veciñais, tíñao fácil. Só tiña que dicir, que na presente lexislatura política se ía a recoller a titularidade veciñal como unha máis e distinta das outras dúas titularidades, a pública e a privada.

-Que o futuro do monte veciñal é un monte forestal. Iso de lograr un monte multifuncional e sustentable, é unha utopía de algunhas comunidades de montes .

Mais, se clarificador foi o que dixo, moito máis clarificador, se cabe, foi o que non dixo. O Sr Director Xeral de Montes, non dixo:

-Que xa está a punto de promulgarse un decreto polo que se vai a crear a nova figura societaria de explotación forestal. Nova figura que significa ir a explotacions forestais de máis de 3.000 has. Nova figura de explotación no que vai a incluír á brava,  é dicir, usurpando, aos montes veciñais en man común e as unidades de xestión forestal. Nova figura societaria xestionada polas empresas, mediante a entrada de capital privado a través de instrumentos financeiros como van a ser os fondos de investimento e os plans de pensións. Cales son os obxetivos deste novo modelo de explotacion forestal? . Pois, nen máis, nen menos que a forestación dos montes en réxime de monocultivo, con especies de crecemento rápido e a plantación de cultivos enerxéticos para suministro de biomasa forestal para as centrais de produción enerxética para beneficio dos monopolios.

-Que na próxima lei de montes veciñais, que se vai a aprobar na presente lexislatura política, vai dotar ás comunidades de montes de personalidade xurídica co fin de que os montes veciñais entren no tráfico do comercio para que se poidan mercar e vender. Nesta proposta, a Consellería de Medio Rural xoga á trampa, alegando que se se dota ás comunidades de montes de personalidade xurídica, estas poderán levar adiante actos e negocios xurídicos que hoxe non poden. Mentira, se se dotan as comunidades de montes de personalidade xurídica o que se está a facer é desnaturalizar este tipo de titularidade e xa que logo, deixará de ser unha titularidade de carácter xermánico (indivisible, inalienable, imprescriptibe e inembargable). O que se está facer é achanzar o camiño para a súa privatización. Ademais, tamén é mentira que se se mantén a capacidade xurídica das comunidades de montes, estas, non poderán levar adiante certo tipo de actos e negocios xurídicos. Para que poidan facer eses actos e negocios xurídicos só hai que definir a capacidade xurìdica tal e como quedaba refrexada no anteproxecto da Lei de Montes de Galiza, da anterior Consellería de Medio Rural, dirixida polo BNG. " As comunidades de montes terán plena capacidade

para a realización  de todos aqueles actos e negocios xurídicos que teñan por obxeto obras e servizos comunitarios e, en xeral, todos aqueles actos ou negocios xurídicos que redundan en beneficio da comunidade, de acordo co que decida en cada momento a súa asemblea xeral.

Hai que ter en en conta que, sen privatizar os montes veciñais, a nova figura societaria é inviable.

A supervivencia dos montes veciñais en mán comun, de esta titularidade comunitaria está e perigo. Hai que presentar batalla. De seguro que na vangarda de esta batalla teñen que estar as comunidades de montes. Mais a veciñanza comuneira non pode estar soa nesta loita. Ten que estar arroupada polo resto do País. Se os montes veciñais en mán común se privatizan, non só se está eliminando unha das pezas para o logro dun medio rural vivo. Estase eliminando tamén un  dos sinais de identidade do noso Pais.


[14-06-2010 11:42] Antonio comentou:

Creo que vou poñer no comenzo da ruta de sendeirismo e nos carteis do parque forestal o seguinte.:
Cidadán, a actual Xunta quere privatizar este Monte Veciñal, xa nunca máis poderás pasealo nin disfrutalo como ate agora.
P.D.: Xuntos podemos impedilo.

[13-06-2010 11:30] Mª do Pilar Barros Barco comentou:

Penso que unha das maneiras, que se vexa o monte como seu, é intentando difundir o concepto da lei Germana que o 90% da povoación non é capaz de entender, e antes de que a actual xunta, leve a cabo estas modificacións, presentar recursos perante a xusticia revindicando, o reconocemento da lei que rixe os montes.Este acto tería como finalidade, revindicar e dar publicidade. Presentalo nos meios de comunicación e talvez en programas de tertulias, España en directo etc. Outra forma sería facer unha interpretación da lei de montes, como por exemplo onde di: "para ser comuneiro hai que fecer fume". Hoxe en día eso que obsoleto, pois facer fume significaba que vivias, que utilizabas o lume par cociñar, para quentarte, etc. Na actualidade ese "Fume" foi substituído por auga corrente, luz eléctrica ou gás. Ben eu propoño que se diga "é comuneiro o que con casa aberta consume luz e auga corrente regularmente, durante como mínino..."

[26-05-2010 10:53] eu comentou:

Claro como a auga Pepe. Agora só falta ver se de verdade, os que queremos o monte comunal, tal e como o coñecemos hoxe, vamos contar co apoio do resto do País, porque eu vexo moito "urbanita" paseando polo monte, pero poucos que realmente aposten por el.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña