05:52 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-11-2016

Unidos-Podemos defende agora o dereito á autodeterminación ou, en moderno, dereito a decidir. Ignoro se se trata de estratexia ou de táctica, xa que non semella que o fagan por convicción

Á república, o mesmo que ao PP e ao PSOE, estorbábanlle as nacións periféricas

Valorar (24)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Xa case ía alá un mes fóra de contas, cando os que realmente deciden e mandan, por moito que algúns inxenuos aínda pensen que “o pobo é quen máis ordena”,  acordaron que había que poñer fin á tan excesivamente longa xestación e que, rematada a diversión, non quedaba outra que parir por cesárea. Os poderes fácticos, as xentes que, como Cebrián, viven no mundo paralelo da “montaña máxica” (Der Zauberberg de Thomas Mann) de Davos, e que, desde hai moi ben anos, son os compañeiros preferidos do exsocialista Felipe González, decidiron que a incisión había que practicala nas entrañas do PSOE, por seren as que lle cadraban máis a man e as máis submisas. Toda a vella garda, máis postulantes e trepas e, sen dúbida, tamén militantes de boa fe montaron tal “sarao” andaluz no partido que a incisión está a se transformar en excisión e non van atopar prebendas e coenxías suficientes para suturar, ou coser, como prefire dicir Susana en pose obreira, semellante desfeita. Xa que todos os días presumen da idade do partido, que pensen que non é doado nin firme coser un racho en roupa vella. Sendo eu rapaz, moitas décadas antes das ecografías, cando se dicía que unha veciña estaba de parto, o desexo das mulleres era que saíse algo que se puidese ver. Nesta ocasión saíu Mariano; xulguen vostedes.

No breve e ensoberbecido parlamento que o aínda aspirante pronunciou o día da súa elección, amais de pregoar que a súa obra dos case cinco anos anteriores segue a ter vocación de permanencia, insistiu na xa tediosa teima das dereitas españolas desde a perda de Cuba: España é unha única e indivisible nación. Antes tamén o era o que eles chamaban Imperio Español. O PSOE non sei que pensa ao respecto. Ata hai pouco mantiña, igualmente, que España é unha nación, mais que sería bo darlle un toquiño á constitución para acougar aos habitantes do que nela se chaman nacionalidades. A día de hoxe, non sei se seguen a pensar o mesmo ou se xa mudaron, pois non é de fiar un partido que se comunica nunha lingua estraña, na que o “no  es no” e “que parte del no no entendió?” quere dicir “abstención”. Vai haber que estudar pesoés para entendelos.

Unidos-Podemos defende agora o dereito á autodeterminación ou, en moderno, dereito a decidir. Ignoro se se trata de estratexia ou de táctica, xa que non semella que o fagan por convicción, se valoramos as verbas que o coordinador xeral de Izquierda Unida, Alberto Garzón, dedicou á intervención de Rufián, representante de Esquerra Republicana, atacando ao PSOE. Recoñece aquel que en todo canto dixo non había nin unha soa falsidade, mais aínda así acusouno de hipócrita por apoiar un partido burgués, de dereitas, en Cataluña. Non se decataron aínda de algo esencial: uns (de esquerdas) e outros (de dereitas) son nacionalistas cataláns que loitan por liberar a súa patria. Sei moi ben por experiencia que isto non o dan asimilado os que teñen a España por única nación. Pero vai agora e reaparece Pedro Sánchez, trala defenestración -non sei se chamarlle madrileña ou xa directamente sevillana- quen, reconvertido cal Saulo de Tarso camiño de Damasco, proclama que España é unha nación de nacións. Abraiante. Confeso que me costa menos aproximarme ao concepto de transubstanciación, que tampouco vou negar que ten o seu aquel.

Cando eu escavaba o castro de Baroña, raro era o día que algún dos moitos que ata el se achegaban non me preguntaba se alí viviran os celtas. A miña resposta era indefectiblemente outra pregunta: Que entende vostede por celta? A polisemia desa verba  é tal que, sen saber que significa para o interlocutor, eu non sei que responder. Coa verba nación, que, o mesmo que a anterior, é diáfana para min, sucede o mesmo. Desde o século XVIII, hai tal cantidade de definicións e longos comentarios con pretensións aclaratorias sobre o concepto de nación, así como ensaios e libros gordos, que entrar agora e aquí no tema non sería máis ca un exercicio de simplificación. Vicente Risco e os restantes membros da Xeración Nós aceptaron a idea alemá de nación, emanada do idealismo que arranca dos Discursos á nación alemá de Fichte, idea asumida polos románticos e formulada por Herder. Partindo deles, así como do bretón Renan, algo teño escrito sobre isto neste mesmo xornal e presumo que a meirande parte dos seus lectores teñen unha idea de nación máis ou menos coincidente coa miña. Conmemoramos este ano o centenario do nacemento das Irmandades da Fala. Dous anos despois,  en 1918, celebran en Lugo a I Asemblea das Irmandades, na que aproban que, “Tendo Galicia tódalas características esenciais da nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos”. Villar Ponte, Losada, Risco, Otero ou Noguerol, entre moitos irmáns, fan profesión de nacionalismo galego. Virá a Xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista e a II República, e son moitos os que pensan que eses ilusionantes pouco máis de cinco anos de esforzo modernizador foron igualmente marabillosos para os nacionalismos periféricos. A realidade foi moi distinta.

Cando vexo a bandeira republicana, sinto unha reacción encontrada, pois o morado da súa franxa inferior lémbrame que fai referencia (real ou confusa) ao pendón de Castela e que é froito dun réxime que concibía España como unha única nación á que había que engrandecer e enaltecer partindo dos valores casteláns. Na cuestión territorial, a República defendía o mesmo que a monarquía anterior, o franquismo subseguinte ou o PP e o PSOE actuais. No libro República de Ciudadanos. Cultura e identidad nacional en la España republicana, tese doutoral de Sandie Holguín, faise fincapé continuamente nesta cuestión. En todo el se está a insistir no esforzo da República por “definir  y construír una visión unitaria de la cultura que conformara la interpretación que los españoles hicieran de su pasado y de su futuro, como intentaron atajar los ataques de los que pretendían ofrecer una visión alternativa de la identidad, y como fue utilizada su hegemonía cultural con la pretensión de construír un estado coherente”. O da visión alternativa da identidade ía sobre todo polos cataláns. Máis adiante lemos: “La coalición republicano-socialista buscó la unificación cultural con el fin de cimentar la unificación política”. Fálase repetidamente da creación de bibliotecas, mais con textos exclusivamente de autores casteláns. Velaí unha mostra referida a Galicia: Américo Castro, na altura embaixador en Alemaña, escribe un memorando ao ministro de Instrución Pública no que propón a “creación de una biblioteca popular en el pueblo gallego de Justás. Solicitaba urgentemente el establecimiento de dicha biblioteca como ‘el medio más seguro de extender la cultura y de afianzar la unidad nacional” (o subliñado é meu). A República quere forxar un sentimento de nación española e sabe que o camiño para logralo radica na cultura. Outros non nos cansamos de propor o mesmo para facer nacionalistas galegos.

Nas Memoria de un diputado republicano en la Guerra Civil española de Emilio González López, lemos que o “Estatuto Gallego” fora presentado ao presidente do congreso dous días antes do Alzamento. Os comisionados que regresaron a Galicia, como Anxo Casal, foron asasinados. Cando o goberno se traslada a Valencia, vai tamén Castelao, cuxa “principal preocupación  era que se debatiera en el Parlamento el Estatuto Gallego”, o que semellaba naquela situación unha “discusión bizantina”. Os socialistas, capitaneados “por Manuel Cordero, diputado socialista por Madrid, panadero que era natural de Castroverde en la provincia de Lugo” trataron de impedir que o noso estatuto, gardado nun caixón en Madrid, tomase estado parlamentario. Martínez Barrio, presidente das Cortes, xa en Barcelona, envía por el o oficial maior, quen regresa dicindo que está extraviado. Foi o propio González López o que se tivo que desprazar a Madrid, volvendo, el si, co texto estatutario. Martínez Barrio mandou constituír a Comisión de Estatutos á que enviaron representación todos os grupos agás o socialista, pois este, como nos lembra Castelao en Sempre en Galiza, dixeron, en nota de prensa, que iso non corría presa, que o que había que facer era gañar a guerra. Pola teimosía de Castelao, a quen pertencen as seguintes verbas, por fin “O Estatuto Galego tomou estado parlamentario na memorable sesión de Cortes celebrada o día 1º de febreiro de 1938 en Montserrat, ante o asombro dos asistentes (Montero Ríos aconsellárame que non dixese nada a ninguén)”. Quedou o camiño expedito para a súa aprobación definitiva en México en 1945. Castelao confesa que se ten encomendado máis dunha noite á alma de Montero Ríos (“o cuco de Lourizán”, finado en 1914) para que o iluminase; é por iso polo que, cando Portela Valladares, que se decatou da súa discreción nos trámites previos á aprobación do Estatuto, lle dixo “con agarimo: ‘Saíulle ben a xogada, eh?”, el respondeu “con cara de risa: ‘Non fun eu; foi Montero Ríos”.

Na Eneida (I, 33), deixou escrito Virxilio o seguinte verso aplicable á nosa Galicia: “Tantae molis erat Romanam condere gentem” que podemos traducir por “Tan traballosa era fundar a nación romana”. Cantos traballiños para estar aínda onde estamos! Canto lle debemos a Castelao e a todos os que aplicaron o seu esforzo e mesmo entregaron a súa vida para que Galicia fose recoñecida como o que é: unha nación, por máis que PP e PSOE, coma sempre, sigan coa rancia e acientífica teima dunha España eterna e indivisible.

Agás coa oportunidade, coa ocasión escollida, concordo en todo co discurso “interruptus” do deputado Rufián (ERC) na sesión de investidura, e quero rematar este artigo coa súa última frase: “Viva Galiza ceibe, Viva Andalucía libre, Viva Castilla libre, Gora Euskalerria Askatuta, Visca Catalunya lliure, Visca els Països Catalans. Vivan todas las naciones sin estado”. Amén.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña