07:41 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-05-2010

Un dos tópicos máis reiterados para combater ao nacionalismo é aquel que pretende establecer unha asociación biunívoca entre o nacionalismo e a xenofobia e o racismo

“Nacionalismo escrébese con z”

Valorar (6)

XESÚS RAMÓN GONZÁLEZ BOÁN



Na efervescencia social que impregnou os primeiros anos do post-franquismo, a batalla ideolóxica co españolismo de esquerdas dábase en todas as frontes: política, cultural, sindical, labrega, estudantil; nación, estado, dependencia, autoorganización, clase, lingua... todo estaba no debate. E respondíannos, algúns, desde as paredes de moitos lugares do País cunha mensaxe en español, nidia, contundente e descualificadora coa que se pretendía dar por concluído a disputa: "nacionalismo se escribe con z".

É evidente que a intencionalidade da pintada era establecer unha asociación inmediata coa Alemaña nazi e coa súa organización política, o NSDAP -Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán. Máis aló da causa inmediata da frase naquel contexto histórico -a loita ideolóxica e política- e da intencionalidade dos autores  -anatematizar á ANPG e a todo o tecido organizativo do nacionalismo galego -o certo é que con anteporlle a palabra "algún", a pintada faríase eco dunha verdade histórica. O erro da aseveración está no carácter de verdade absoluta que proclama, elevando ao nivel de categoría o que non pasa de ser unha casuística limitada.

Un dos tópicos máis reiterados para combater ao nacionalismo é aquel que pretende establecer unha asociación biunívoca entre o nacionalismo e a xenofobia e o racismo. Tamén non faltan aqueles que recorren a nefastas experiencias históricas para demostrar a certeza desa imputación, non dubidando en asociar nacionalismo con fascismo e nazismo. Ben expresivo desta identificación eran aquelas pintadas nas rúas galegas na segunda metade da década dos 70.

Evidentemente o "nacionalismo" (ou, para ser fiel á historia, o imperialismo) da Alemaña hitleriana escribiuse con Z. E non só, senón que pretendeu asolagar nun mar de zetas a toda organización política ou social que lle puidese ser útil na Europa, incluíndo a varios movementos nacionalistas nos Estados ocupados.

O deseño político do III Reich incluía a creación do Lebensraum ou Espazo Vital, área xeográfica imprescindíbel para a garantir viabilidade económica do novo imperio alemán. O Lebensraum abarcaría a práctica totalidade do continente europeo,  considerando imprescindíbel a ocupación rápida do territorio pola vía militar. Este era o obxectivo do que se planificou como guerra lóstrego de conquista circunscrita a Europa, que acabou por converténdose na segunda guerra mundial -1939/1945- na que se dirimiu o conflicto e choque de intereses entre os tres deseños imperiais existentes naquel momento: o alemán, o xaponés e o estadounidense.

O Lebensraum clasificaba os territorios europeos conquistados en catro grupos, atendendo á súa estrutura produtiva, ao seu nivel de desenvolvemento e aos intereses alemáns. O primeiro dos grupos, integrado polos países da Europa Occidental, estaba destinado, especialmente Bélxica e Franza,  a converterse en centro adicional de investimentos do capital alemán. Escandinavia e o "Protectorado de Bohemia e Moravia" deberían especializarse na produción de aluminio e automóbiles e na xeración enerxética. O destino da "Gobernación Xeral de Polonia" e da URSS consistía en manterse como países agrarios subdesenvolvidos que ofrecerían man de obra abundante e barata e certas materias primas como petróleo. O Sueste europeo, o cuarto grupo, estaba destinado para a agricultura extensiva, para producir materias primas e, de modo limitado, produtos baratos de consumo masivo.

É ben sabido que no interior dos países ocupados houbo individuos e grupos que, por moi diversos motivos, apoiaron activamente a ocupación, e gozaron do favor do ocupante. Nesta lóxica do "beneficio mutuo" hai que situar a alianza entre o nazismo e algúns movementos nacionalistas, e moi particularmente en Bretaña, Croacia, Eslovaquia e Flandres. Alemaña beneficiábase do apoio político activo dun sector da poboación do territorio ocupado ao tempo que ía deseñando un novo mapa político dependente e receptivo ás súas pretensións imperiais; os movementos nacionalistas vían nesta redefinición, no caso de concretarse as promesas nazis, unha posibilidade real de constituíren Estados propios nos seus territorios.

Nalgunhas destas alianzas pesaron tamén as ideoloxías pan-xermanistas, con predicamento relativamente importante entre austríacos, eslovacos, eslovenos, flamengos, holandeses e xermano-suizos. Este pan-xermanismo xa tiña levado aos nacionalistas flamengos a apoiar aos alemáns na primeira guerra mundial.

A derrota alemana foi o final do seu soño imperial e o último intento de construír imperios utilizando exclusivamente a vía clásica da invasión militar. Os verdadeiros gañadores da guerra, os estadounidenses, impuxeron o seu propio proxecto imperial pero para iso, sen descoidar o aparello militar, crearon novas ferramentas en Bretton Woods (BM, FMI, patrón dólar), n'A Habana (GATT) e Nova Iorque  (ONU).

Mais foi tamén unha oportunidade de ouro que os nacionalistas (imperialistas) dos estados constituídos aproveitaron para demonizar ao nacionalismo das nacións sen estado cunha liña argumental ben coñecida, e aínda viva: o nacionalismo (dos sometidos) é intrinsecamente deleznábel, perverso, totalitario, excluínte... O nazismo foi o trunfo da barbarie e todos os seus aliados ideolóxicos ou políticos, oportunistas ou convencidos, conxunturais ou permanentes, non son menos culpábeis dos horrores desa experiencia. Mais converter en categoría xenérica algunhas casuísticas históricas, nin é dialéctico nin é honesto, aínda que poida ser útil para prolongar temporalmente as relacións de dominio e opresión.

Sesenta anos despois, Croacia, Eslovaquia,... son estados europeos plenamente normalizados. Bretaña e Flandes continúan a "ser"  francesa e belga; xa se sabe que a xeopolítica é tan volúbel como a Bolsa e por veces actúa cos mesmos mecanismos e obedece ás mesmas lóxicas.


[31-05-2010 11:41] Eu comentou:

É que se desacreditan sos. Os que teñen tanta afección a chamar nazis e fascistas aos demais son precisamente os herdeiros ideolóxicos de quen apoiou a Hitler na II Guerra Mundial e que seguen sen condenar o franquismo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal