15:50 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-10-2016

O que ten que facer o BNG é o aprobado na Asemblea da Coruña: ampliar a base do nacionalismo

Sopran bos ventos para que o BNG amplíe a súa base social

Valorar (38)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Alguén dixo que, se se xuntan dous trotskistas, automaticamente xa temos formada unha corrente interna. É a maldición das esquerdas, o que nunca aconteceu nin acontecerá nas dereitas, xa que os debates só florecen no eido dos ideais, non no dos intereses. Facendo unha simplificación, podo dicir que o capitalismo pon a énfase no capital, infravalorando o traballo; ten como fin crear riqueza para concentrala nas mans duns poucos. Tamén o socialismo pretende crear riqueza, mais coa intención de transformala en benestar para todos. Por iso aquí hai debates, mentres nas dereitas é mellor estar caladiño e participar no reparto.

Asistimos estes días a unha desfeita no PSOE tan estrepitosa como cantada. Tiña que ser e xa duraba moito a larvada tranquilidade; pero, ben mirado, ese partido, andaluz desde 1974 ata hoxe, tiña que rematar así polas propias contradicións internas. Se en Suresnes o ata entón chamado Isidoro se impuxo cunhas teses que case sobordaban a Marx e que se situaban moi á esquerda do PC de Santiago Carrillo, o pragmatismo fixo que o xa Felipe González renunciase ao marxismo, en 1979, nos metese na OTAN, non dese un paso importante sen se aconsellar cos poderes fácticos (Igrexa, banca, exército), presenciase a condena do seu partido polo caso FILESA de financiamento ilegal e iniciase un rosario de privatizacións (Repsol, Endesa, Telefónica, Tabacalera, Argentaria...) que tan bo resultado lle deron para ter agora unha regalada vellez. Tampouco faltaron os vetos nos medios públicos, como moi ben souberon Krahe, polo delito de cantar aquilo de “Tu decir que si te votan, tu quitarnos de la OTAN...” ou Balbín a quen lle quixeron impedir levar a Alonso Puerta a La Clave por denunciar que Espelosín e Aymerich estaban dispostos a se deixar subornar. Puerta, expulsado do partido e, ilegalmente, do seu posto de concelleiro en Madrid, mesmo acusou que o “felipismo” chegara ao poder “a costa case de perder a identidade socialista”. Posteriores corrupcións, terrorismo de estado (GAL), etc. abondan aínda máis nesta marabillosa carreira do PSOE, da que algúns tanto se gaban e que a min me fai pensar que Isidoro, cando foi empoleirado naquel congreso preto de Paris, era xa un home sen ideoloxía nin escrúpulos, pois, doutro xeito, son incapaz de entender e aceptar mudanzas (por suposto, por razóns de estado que os estúpidos mortais ignoramos) tan radicais e diametralmente opostas en tan poucos anos. 

O que a min máis me interesa subliñar agora é o feito de que nas conclusións de Suresnes figura o “pleno recoñecemento do dereito de autodeterminación” das distintas nacionalidades que conforman España. Engádese que cada unha delas poida “determinar libremente as relacións que vai manter co resto dos pobos que integran o Estado español”. Que pasou para que agora a todos, tirios e troianos, desde Pedro ata Susana, a só mención do dereito de autodeterminación, do dereito a decidir, lles produza erisipela? Gustaríame que alguén que realmente o saiba mo explicase. Do que non dubido é de que a excesiva, case teatral, énfase nesta xenreira antidemocrática foi a escusa para non ter que se facer coas rendas do Estado nesta situación crítica.

Dixen que a esquerda ten a virtude de discutir continuamente por cuestións ideolóxicas. O PCE todos sabemos como rematou, diluído en IU, que, á súa vez, está, ou mellor dito, nin tan sequera está. Que se entramos en Podemos, que se nos mantemos independentes, que se o noso líder conseguiu escano, mais falará no Congreso sempre e cando lle deixen. Total: desaparecido do mapa político. De Podemos teño escrito dabondo noutras ocasións e, hoxe, tan só vou engadir que viñeron para quedar, mais o seu futuro, con problemas en distintos territorios (a nosa nación entre eles) e liortas mediáticas entre os máximos dirixentes, é tan inseguro e incerto que eu non lles arrendo a ganancia, aínda que me lembran moi moito os pasos do PSOE para chegar desde o populismo previo ao poder, pasando pola socialdemocracia, ata o neoliberalismo actual. Practicamente deixouno ben claro Pablo Iglesias no proceso da, supoño que pactada, discrepancia con Errejón: temos que ser populistas ata que teñamos o poder. Mais acheguémonos a Galicia, que é o que que a min me preocupa, por máis que, tamén aquí, a situación principia xa a cansar por repetitiva.

Fixo en xullo sete anos, vendo a situación que levaba un tempo a se fraguar no BNG, escribín no desaparecido Xornal de Galicia un artigo sobre malinchismos e relativismos. Aproveitei algunha das ideas alí expostas para a colaboración de Nadal de 2011 en Terra e Tempo, na que dixen que algúns militantes non aceptaban a derrota, mentres que outros querían rebaixar ou ceder a carga ideolóxica. Dous meses despois volvín sobre o asunto, facendo unhas referencias a Plejanov, cando este propuxera a Lenin que conviña darlles aos membros perdedores, como consolación, o Iskra, o órgano do partido, ao que este se opuxo, mantendo que os perdedores nos congresos o que teñen que facer é aceptar democraticamente os resultados e tentar gañar na seguinte ocasión.

Non cedeu nin rebaixou o BNG a carga ideolóxica, o que si perdeu foi moito lastre que levaba trazas de afundilo e, o mesmo que un bo barco, recuperou o adrizamento e a flotabilidade. Case ninguén daba un peso por el, principiando por Villares, que nin un só deputado nos concedía, e rematando por significados membros que aínda permanecen, polo de agora, dentro das filas do BNG. Os que estivemos, no pasado febreiro, na XV Asemblea Nacional do BNG escoitamos as súas alegación e comprobamos o escaso eco que tiveron na militancia. A diferencia doutros, non presentaron a baixa inmediata na organización, mais semella que quedaron expectantes e, en canto se produciu o desastre das eleccións ao Congreso, os xa cualificados ao estilo PSOE como críticos fixeron público o “Chamamento de Vidán”. Insisten nel, o mesmo que na Asemblea, na necesidade de se xuntar coas Mareas, é dicir, cos non nacionalistas, seica para conseguir “o desaloxo do PP nas eleccións galegas” e consideran “diferenzas menores” que un nacionalista se alíe con xentes que non senten Galicia como unha nación con dereito a soberanía. O pasado día 5, en La Voz de Galicia, Villares, portavoz de En Marea, dixo textualmente: “Non somos nacionalistas, pero temos vocación de construción dun proxecto nacional”. Fantástico, mais eu non o entendo! E os críticos, encabezados por ex-deputadas ás que se lles acabou o choio e mesmo un ex-portavoz nacional, cunha preocupante falta de lóxica ou intelixencia, convocan unha reunión para o vindeiro día 22 xusto cando o BNG vén de conseguir seis deputados nacionalistas no parlamento de Galicia. Se os de Mareas, segundo Villares, non son nacionalistas, non teñen ningún e, como moito, se Anova e Cerne disenten del, terían 2 (el dixo que non era) de 14, é dicir, un terzo dos conseguidos polo BNG. De boa se librou o nacionalismo non se mesturando con forzas alleas. E van tres das ex-deputadas que o pediron e asinaron o “Manifesto” e din que se desmarcan e, aínda que asistirán á xuntanza, o que cómpre neste intre seica é apoiar o grupo parlamentar. A fortuna sempre tivo moitos amigos.

Agora que o BNG envorcou o lastre por riba da regala e, baixo a dirección de Ana Pontón, comeza a navegar de novo cunha certa alegría, xorden novos disidentes que non queren aceptar o que dixo Lenin dos perdedores. Eu, unha vez máis, penso que o que debe de facer a organización é invitar aos incomodados a procurar un novo acomodo baixo outras siglas, se alí os aceptan. Os expedientes inventáronse para algo e a amputación pode resultar dolorosa, mais ás veces é imprescindible para salvar o organismo. Xa se demostrou suficientemente que quen fai un cesto fai un cento, se lle dan varas e tempo. Un militante de base, sen aspiracións persoais no organigrama, pode ser desculpable, mais non ex-deputadas e ex-portavoces, pois non é o mesmo un ataque á Igrexa por parte dun acólito ou dun sancristán que por parte dun arcipreste ou dun bispo.

O que ten que facer o BNG é o aprobado na Asemblea da Coruña: ampliar a base do nacionalismo. É igualmente lícito que outros conformen partidos políticos que teñan España no corazón, máis é absurdo declarar que nacionalistas galegos camiñen xuntos con nacionalistas españois só polo feito de que uns e outros se auto-proclamen de esquerdas. Sempre dixen que o número maior de nacionalistas galegos, aínda que non o saiban e mesmo non queiran recoñecelo e digan que son tan galegos como españois, está entre os votantes do PP. Aí é onde temos que traballar; aí está o caladoiro para ampliar a base de militantes, simpatizantes e, conseguintemente, votantes, porque algunha razón tiña Herder cando dicía que nas camadas populares (expresión en desuso entre as filas nacionalistas) habita o Volksgeist, o espírito do pobo. O pobo garda as esencias e o BNG atópase nun intre e cunha portavoz magnificamente axeitada para botar a semente neste enorme eido no que estamos inmersos. Non fan falla teorías políticas nin demagoxias, senón mostrarse como realmente somos, con naturalidade, facendo ver que partillamos os seus problemas, os seus medos, as súas preocupacións e as súas esperanzas e alegrías, porque é certo, porque formamos parte dun mesmo nicho ecolóxico e cultural, dunha mesma terra, dun mesmo pobo milenario e todo nos é común.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[11-10-2016 23:28] xosé comentou:

Encomiábel a laboura de máis de medio século de desespañolización da UPG. O c... é que unha boa morea de rapazaxe empéñase en falar castelán, mesmo en Carballo de Bergantiños, con acento pailaroco estilo curuñés, pero castelán. X'o insinuaba Vladimir Ilich Ulianovich: ou tomas o poder ou tomas polo c...

[10-10-2016 14:49] Loli Olveira comentou:

Completamente dacordo coa analise e opinion de Francisco Calo

[10-10-2016 09:23] Papo Rubio comentou:

GALIZA CEIBE!
Que c... de franquista ou complutense!
As cabeciñas están cheas de españolismo; incapaces de pensar o mundo con parámetros próprios!

[09-10-2016 13:15] Xosé comentou:

Pois si. Galiza mellor franquista que complutense.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña