21:01 Venres, 20 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-09-2016

Entre os mitos e as teorías contrapostas, están os nomes de:

A bandeira, a Lavandeira e Labacolla

Valorar (14)

CÉSAR VARELA GARCÍA



LAVANDEIRA  ademais de nome de moitos lugares da Terra e por tanto xeneradora dos apelidos homónimos tamén é o nome dun simpático e miudo paxariño do que ao igual que as anduriñas , enseñábannos na aldea que era pecado facerlle mal ou matalas.

Debía funcionar aí o feito de ser entendidos como animais benéficos  e axudadores para o labrego pois limpaban o campo de  insectos e vermes e non comían o gran das colleitas.

Hai quen asocia a explicación do seu nome ao feito de se lavar , xa que se ven moito  ao pé de regueiros e fontes.

Ben seguro que iso débese a que precisamente aí é onde abunda o seu alimento.

Outros entenden o seu nome como, LABRANDEIRAS, pois acompañan ao labrego cando está arando ou labrando a terra.

Os ingleses chámana de  WAGTAIL , ou sexa “a do rabo que abalea) en referencia ao constante meneo do seu rabiño ao camiñar.

Esta explicación deunos a idea de que a orixe do nome galego podería deberse á observación do mesmo fenómeno fisiolóxico; “abalear” ou “abalar” o seu rabo.

Sería pois a ABALANDEIRA  e daí A LAVANDEIRA de hoxe, se non procedese dunha LEVANDEIRA, por o mesmo sentido de elevar a sua cauda.

Levado por esta suposición houbo un tempo en que pensamos para os toponónimos  galegos a mesma orixe.

Que sería o que “abaleaba ” na nosa paisaxe?

A resposta é clara: Os penedos. Nosos montes están cheos de penedos cabaleiros  e pedras en difícil suspensión, semellantes á sonada PEDRA DE ABALAR de Muxía.

Nun libro que trata da TOPONIMIA DE MASIDE, explican o topónimo de LAVANDEIRA como da terra que hai ao redor dos ríos,e que cubren nas enchentes; como se dixéramos, lavada por eles.

Consultando o libro LINGUA GALEGA ( Historia e fenomenoloxia) do experimentado filólogo e toponimista Eligio Rivas Quintas, lemos, referíndose á LABACOLLA compostelán : “De lavar  ven tan pouco coma os regatos Lavandeira que hai por toda Galicia;….”

O lugar da LAVANDEIRA que coñezo desde a miña infancia son as beiras do Arenteiro, onde está a Piscifactoria, alí sempre se lavou  roupa no rio e secouse nas suas margens.

Investigando outros lugares do mesmo nome, acontece ás veces que, suspeitosamente nen siquer atopamos neles corrente fluvial algunha.

Recollendo a intuición do Sr. Rivas de que é posíbel que o topónimo LAVANDEIRA nada teña a ver con “lavar”, e poida que tampouco con rio ningún, arriscamos aquí unha hipótesis de que o nome ten mais a ver con “terra”ou “pedra” LAPANTARIA, ou sexa un terreo en forma de planicie ou unha peneda chán.

A LAVANDEIRA carballiñesa encaixaría con esa faciana pois presenta ao pé do rio un ambiente de penas cháns onde se tendía a roupa a secar.

Tamén aventuramos o proceder dunha TERRA GLABERANTARIA, como unha “chaira rapada ou rozada”; baseados no GLABER latino,no sentido de pelado ou limpo.

E que dicer da vila da BANDEIRA, nas terras de Trasdeza?

Lemos en Internet un documentado comentario onde se rexeita a teoría que ven na Enciclopedia Galega , de que a orixe sería unha LAVANDEIRA onde se perdeu o LA- orixinal por confundilo co artigo castelán.

Arguméntase alí que o nome se debe a unha casa sonada, chamada de “ O Fortín ”,que había no lugar da feira,e  que locía  un distintivo vermello semellante a unha bandeira , para anunciar a venda de viños.

Así pasou a chamarse “ a casa da BANDEIRA” e daí o nome do lugar para sempre.

A verdade é que a palabra “BANDEIRA” non era moi popular antigamente; usábanse mais ben “estandarte” ou “pendón”.

O feito aducido de erguer unha bandeira para anunciar viño non nos parece moi usual no noso Pais, sobor de todo se pensamos que erguer unha bandeira, diferente da oficial era unha pena moi castigada pola autoridade ,pois era armar unha BANDERÍA.

O primeiro que facia a xente rebelde era erguer unha bandeira ao redor da que se lle ia xuntando adeptos á causa.

Os BANDEIRANTES brasileiros, actuaban dese xeito para colonizar as terras do interior.

Erguían a bandeira nun campo raso, pero para evitar o delito de rebelión , colocaban no estandarte a imaxe dun santo e comezaba a xuntarse xente baixo o pendón do Patrón,do mesmo xeito que os novos enxames se arremuiñan ao redor dunha raiña nova; e  cando había xente suficiente iniciábase a expedición aos matos do interior do país.

Ese foi a orixe, por exemplo, da cidade de SAO PAULO.

Naqueles tempos o anuncio de comida e viño ao público facíase, como ainda se fai hoxe nos nosos furanchos, con unha pola de LOUREIRO ben destacada na porta do establecimento e contornar así o peligro de entrar en delito de “bandería”.

Nós pensamos mais ben, dacordo coa teoría da E. G. de que a orixe do nome da vila do Trasdeza  é unha LAVANDEIRA , en referencia á explanada onde se orixinou a feira; que era unha terra PALMANTARIA  ou LAPANTARIA, ou sexa, CHAN; e polo tanto ben axeitada para as transacións comerciais.

Aconteceu a confusión usual, nas linguas sen normalizar, que o LA- inicial confundiuse co artigo castelán e pasou a ser A BANDEIRA até o dia de hoxe.

Do mesmo xeito, vemos escritos nos mapas topográficos ,lugares chamados ,AS SEDAS, que non dubidamos que procedan dunhas LAXEDAS orixinais que, entendidas como LAS SEDAS ,sofrirían a mesma deturpación que a nosa BANDEIRA.

Entendemos que as LAVANDEIRAS  que inzan no País e apelidan a moita xente nosa son debidas á designación de planicies no terreo ou a pedras chairas, ás veces á beira dos ríos.

Algún regato chámase, DA LAVANDEIRA, non porque “lave ”nada en particular, senón porque é o regato que atravesa unha chaira que goza dese nome.

Sería ben útil que os leitores que teñan un lugar dise nome á sua beira, escribisen confirmando ou negando a nosa conxectura.

Deixamos para outro día a abordaxe ao mítico nome de LABACOLLA.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[05-07-2018 07:13] Xoan Lois Galego Torrado comentou:

Perto do lugar onde vivo no concello de Negueira de Munhiz hai unha Lavandeira, lindando xa co concello de Ibias en Asturies. E por aqui os lugares chans non son percisamente abondosos e o granito inexistente. O cal non concorda coa tua teoria, amigo Cesar.

[26-09-2016 10:28] Catuxa comentou:

Na miña aldea hai unha casa da Lavandeira que está situada ao lado dunha agra cha, podería ser a explicación do seu nome.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña