07:19 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-08-2016

En Galiza NINGUÉN é quen de organizar unha mobilización como a que fai o BNG o 25 de xullo e no estranxeiro poucas son as organizacións políticas que teñen esa capacidade

Parabéns

Valorar (35)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



O Día da Patria Galega 2016 tivo algo de especial, nel conmemoramos os 100 anos do nacionalismo actuante en Galiza desde a creación das Irmandades da Fala no 1916, e nel o BNG demostrou unha vez máis a forza da Galiza viva.

Como en anos anteriores a miña función foi a de acompañar ás delegacións internacionais que coa súa presenza nos distintos actos demostraron un ano máis a súa solidariedade co BNG, organizacións moi diversas con posicionamentos políticos nalgúns aspectos diverxentes dos nosos pero co elo común de defender o dereito de todos os pobos a decidir os seu futuro; algunhas delas con dificultades, ilegais ou perseguidas nas súas nacións, e outras con fortes niveis de implantación social e/ou apoio electoral.

Viñamos dunha convocatoria electoral cuns moi malos resultados o 26-X e non sabíamos até que punto eses resultados influirían na asistencia ao Día da Patria; a esa preocupación non eran alleas as organizacións estranxeiras presentes en Compostela, e diso falamos tamén nas conversas que mantivemos o 24, sobre todo con aquelas persoas que xa tiñan asistido anteriormente unha ou varias veces ao Día da Patria.

Na conversa, como era lóxico, non ocultamos que esa preocupación existía e que os malos resultados electorais podían facer que se resentira a asistencia. Pero ao tempo explicámoslles aos convidados e convidadas que o nacionalismo galego hai xa máis de trinta anos que ten definido que o camiño para a liberación nacional e social de Galiza pasa por dotarnos de ferramentas, ferramentas que só poden construír militantes e simpatizantes conscientes de que é o traballo diario o que permite avanzar cara o obxectivo, un traballo que se desenvolve en moitas frontes e no que hai moitos momentos malos. Con isto queríamos facerlles ver que sen deixar de recoñecer o duro golpe que supuxo a perda da voz propia de Galiza en Madrid estábamos confiados en que a nosa base social daría unha resposta contundente ao día seguinte cunha manifestación multitudinaria.

A Homenaxe a Rosalía e Castelao organizada por Galiza Nova na tarde do 24, coa presenza de moitos máis mozos e mozas que en anos anteriores, e os datos que nos proporcionaron de persoas voluntarias para traballar na montaxe e organización do Festigal facían pensar en que a manifestación do día seguinte sería multitudinaria, e demostraría unha vez máis a capacidade mobilizadora do BNG.

E así foi, saímos da Alameda arredor das 12:15h. e despois de facer o traxecto xa coñecido  ateigamos un ano máis a Praza da Quintana, cunha imaxe de forza e capacidade que as organizacións estranxeiras levaron consigo de volta aos seus países. Compañeiros e compañeiras cos que temos relación de vello déronnos os parabéns ao comprobar o compromiso de milleiros de persoas, militantes e simpatizantes que en circunstanciais delicadas estaban aí conscientes de que non podían fallar. Representantes estranxeiros que asistían por primeira vez ao Día da Patria dicíannos que nunha terían imaxinado o que estaban vivindo, o nivel de mobilización, a capacidade organizativa do BNG e o ambiente de fraternidade que se vivía tanto na manifestación como á tarde no Festigal.

Como escribiu Celso Emilio “nunca virá de fóra remedio ou esperanza”, pero entendo que si debemos recibir con orgullo os parabéns de compañeiros e compañeiras de outros pobos,  tanto persoas que miran a nosa realidade con outra perspectiva e comproban in situ a nosa forza e a nosa capacidade, algo que as veces nós non somos quen de valorar suficientemente dada a multitude de tarefas ás que debemos atender.

En Galiza NINGUÉN é quen de organizar unha mobilización como a que fai o BNG o 25 de xullo e no estranxeiro poucas son as organizacións políticas que teñen esa capacidade.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña