14:18 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-07-2016

A LOMCE deixou a filosofía no ensino do Estado Español en estado de coma

Na defensa de Aristóteles: A esencia do antiesencialismo

Valorar (14)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Seguramente é a primeira vez na historia do ensino secundario deste Estado que será posíbel superar esta etapa sen saber quen foi Aristóteles, e haberá quen se alegre porque considera que nada se perde xa que non achega cousa útil para pensar a realidade actual ou só resta tempo de actividades máis produtivas. A verdade é que resulta lóxico crer que non ten sentido repasar a historia do pensamento desde o seu inicio xa que os tempos mudaron, os autores foron superados polos seus sucesores e quizais abonde con estudar aos últimos. É de supoñer que se estes tiveron éxito é porque refutaron aos que había no sitio. Xa postos, teríamos que agardar sentados polos que veñan no futuro pois os que hoxe hai non vale a pena pasar traballo en lelos. Para o que lles vai durar a vixencia do que din. E, en definitiva, en vista disto é mellor xa non estudar a ningún, renunciar ao esforzo de comprender o mundo, abandonar a intención de soster ningunha tese, inhibirse do debate teórico.

Efectivamente a LOMCE deixou a filosofía no ensino do Estado Español en estado de coma. Mais na sociedade occidental xa se leva anos mallando neste outrora relevante ámbito de saber. E, sobre todo, non hai que esquecer que a filosofía tamén foi dinamitada desde dentro. Seguramente a quinta columna fixo máis mal que os adversarios cos que había que combater nas diferentes frontes. Refírome ao gran relato do fin dos grandes relatos. Non critico ás críticas, sexa seu androcentrismo ou eurocentrismo, as cales pola contra serviron para derrubar os límites autoimpostos á fame de totalidade que ten este saber. Que é a filosofía sen a crítica e autocrítica? Refírome ao neoracismo imperante que sostén a existencia dunha rotura antropolóxica evolutiva tal que o ser humano actual, presente e eurooccidental, é esencialmente diferente ao de hai 2.500 anos. E en que se basean para fundar dita esencia diferenciada? Pois precisamente na superioridade do home de hoxe por tomar conciencia da carencia de calquera tipo de esencia. E niso reside, en resume, a esencia do antiesencialismo. En definitiva, do que se trata é de considerar a inutilidade do dito até agora polos filósofos anteriores porque estes eran esencialistas e a esencia non existe.

Quéixanse os filósofos da interculturalidade que é unha mágoa que lles pille este antiesencialismo triunfante agora que eles empezan a definirse a si mesmos e a facer patente as comunidades invisíbeis ás que pertencen. Falan da necesidade de soster un esencialismo estratéxico para enfrontar a enxurrada que lles ben enriba. De pouco lles vale que os consolen dicindo que os pensadores de moda lograron demostrar que a esencia colombiana ou boliviana non existe pois resulta que ao mesmo tempo se cargan a esencia da súa comunidade indíxena e, ao final, quedan como colombianos e bolivianos inesenciais. Aquí tamén nos din que hai que abrazar a bandeira da xente, que a súa patria é a xente, que o que importa é a xente e non se esta é galega ou non o é, pois efectivamente baleirando de contido nacional aos seres humanos só queda a adhesión administrativa a un Estado. Mais o problema é que ese Estado non está baleiro de contido e que non é indiferente en que lugar deste residas nin ten o mesmo rango os trazos comunitarios que se crearon de xeito diferenciado ao longo do seu territorio. Porque a igualdade de todos os cidadáns diante dese Estado contrasta coa desigualdade do Estado a hora de situar o poder de decisión e os recursos nun lugar determinado e ao fixar unha xerarquía lingüístico cultural que impón subordinacións duns grupos a outros. Hai anos, no comezo deste milenio, que Antonio Negri e Michael Hardt predicaban a boa nova de que o Imperio xa non tiña centro. Hoxe é máis difícil soster esta tese de que tanto ten onde un estea situado nun espazo ou noutro do Imperio. Mais tamén é certo que na actualidade non é preciso soster ningunha tese.

O proceso de demolición da filosofía está moi avanzado e quizais a mediocridade e superficialidade na que estamos instalados na actualidade será reversíbel e, desde logo, non debe caerse no erro de considerala como unha novidade absoluta. Sempre houbo quen sostivo que a súa época e o seu pensamento eran completamente diferentes ao que tiña acontecido até o momento. Normalmente apoian esta concepción na súa ignorancia a respecto do que pasou e se pensou antes que eles e adoita tamén de ser soportes de ideas programadas para ser sostidas como continuación lóxica, froito inercial ou inoculación. Se as ideas dominantes nun momento dado son as da clase dominante, tamén é certo, que a falla de ideas ten que ver cos intereses da devandita clase. O baleirado, a desideoloxización, o considerar as conviccións como un estorbo, o pretender que o individuo é máis libre se non se organiza ou carece de conciencia colectiva, etc... non son ideas casuais. Poderíamos dicir que son a esencia dos tempos que nos tocou vivir, como o son as teses que se lle antepoñen con maior ou peor fortuna segundo a correlación de forzas. E cales son as características destes tempos que explican as ideas que están en liza? Pois certamente son uns tempos fillos dos anteriores e pais dos que van vir mais que teñen en común o ser protagonizados por unha especie, a humana, que fundamentalmente non variou no esencial no xeito en que ten de relacionarse entre si, quer en termos de alianza, quer en termos de dominación, e tampouco mudou no principal no xeito de xustificar ese tipo de relacións.

Isto non quer dicir que non haxa nada novo baixo o sol. Todo o contrario, hai devir constante, hai movemento, hai procesos en marcha, e estamos inmersos neles. A filosofía pode que non substitúa a actividade práctica de intervir na sociedade pero si que debera servir para que autocomprendamos a nosa praxe e midamos as consecuencias da nosa intervención. É absurdo apoiarse en Marx e na súa tese 11 sobre Feuerbach para avalar o abandono do estudo da filosofía porque se esa fose a intención do autor como se explica a súa produción filosófica?, ou a de Engels e Lenin? Por certo, todos eles grandes coñecedores e admiradores da obra de Aristóteles.

Podemos prescindir de Aristóteles para pensar o mundo? No 1930 Ricardo Carvalho Calero publicou “Como vía a Aristóteles o Pae Feijóo”. Hoxe ten sentido falar de como vía Carvalho a como vía Feixoo a Aristóteles?. Pois a verdade é que o exercicio da crítica desta obra, a súa vez crítica dunha crítica, é algo máis que unha ximnasia mental. A través dos ollos destes autores que foron quen de elaborar un pensamento que lles permitiu reconciliarse co mundo que lles tocou vivir é para nós unha oportunidade para relativizar o presente no que sexa efectivamente relativo, mais tamén esencializar o esencializábel, aínda que sexa como din os latinoamericanos como unha estratexia de defensa.

Sabemos que o esencialismo fixo moito dano en canto fixa unha identidade prestablecida de xeito xerárquico que serviu históricamente para lexitimar a dominación. Agora ben, tamén houbo esencialismos de corte aristotélico que a través de Tomé de Aquino chegaron aos frades dominicos que tiveron que pensar o encontro cos outros durante o chamado “descubrimento”, e que lles permitiu cuestionar o trato “inhumano” que recibían uns indíxenas que o “dereito natural” demandaba que fosen respectados naqueles aspectos esenciais que nos definen como especie. Lembremos o traballo de Enrique Dussel no que se apoia nas teses tomistas para desmontar a lexitimación da tortura nos réximes totalitarios de América Latina.

Simone de Beauvoir co seu “non se nace muller, chega unha a selo” non desterrou o esencialismo, simplemente lle dou a volta desde a perspectiva de que primeiro é a existencia e logo a esencia. Grazas a iso foi quen de destapar o xeito no que se constrúe a identidade de muller en función dos intereses do home. O seu traballo foi fundamental para o feminismo e para a emancipación das mulleres. Agora o debate parece que está en dinamitar calquera tipo de esencialismo. Xa veremos que resultados ten isto da teoría de xogos, dos referentes neutros, da transversalidade entendida como destrución do pluralismo... Ou quizais poidamos prever eses resultados se somos quen de atopar no pasado ao xeito de Walter Benjamin as sinais que nos permitan descifrar o presente. Cando se nos priva de estudar a Aristóteles seguramente do que se trata é que queren impedir que saibamos que houbo un tempo no que tamén se combateu o seu pensamento para dar paso a renuncia a conciliar ética con política, a apoloxía do hedonismo individualista fronte ao sacrificio pola comunidade, ao cosmopolitismo que xustifique a traizón á propia colectividade derrotada, a ataraxia e insensibilidade fronte á dor dos demais, a dimitir de ofrecer un pensamento totalizador e conformarse coa resposta fragmentada ao servizo do interese particular... e moitas máis cousas que agora se venden como novidade. E agora temos perspectiva temporal suficiente para ver que función cumprían esas ideas, ao servizo de quen estaban e que pouco inocentes eran quen as sostiñan.

Para todo iso serve Aristóteles, e precisamente por iso hai tanto interese en que se descoñeza todo isto tanto no ensino como na sociedade. Mais tamén é certo que non é novo ese afán en ocultar a este grande filósofo como tan magnificamente reflicte Umberto Eco no seu “O nome da Rosa”. E agardemos salvar da queima moito máis do que nos contan nesta novela tan fielmente levada ao cine por Jean-Jacques Annaud. De nós depende, o incendio xa comezou.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña