22:34 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-07-2016

Hai debates e camiños que só conducen á claudicación do ideal e á nosa autodestrución como pobo en marcha

As dúas opcións do nacionalismo galego

Valorar (25)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Son dos que pensa que desde mediados dos setenta para acó o nacionalismo galego, no seu conxunto, non sempre soubo cooperar e aproveitar todas as posibilidades que o contexto político lle ofrecía. Estou convencido de que foi un grande erro político desfacer o Consello de Forzas Políticas Galegas, xusto cando se estaba a abrir o proceso da Transición e cando todo estaba aínda por facer. Estou convencido de que tras o fracaso electoral do nacionalismo galego nas eleccións de xuño do 77 tiñamos a obriga de darlle ao país unha candidatura unitaria nacionalista e galeguista. E non o fixemos. Estou igualmente convencido de que a xente do BNG e de Esquerda Galega tardamos moito tempo en camiñarmos xuntos e incluso desaproveitamos a opción de conformarmos unha coalición electoral para as Cortes, que tan positiva sería para Galiza. Recordemos que desde 1977 a 1996 o noso país non contou cunha forza política propia nas Cortes. E todo iso, claro está, non nos axudou a crear conciencia de país nin a actuarmos con máis éxito na defensa dos nosos sectores produtivos, tan ameazados de morte desde o Goberno central e desde a Unión Europea durante todos eses anos.  Faltounos talvez a humildade de recoñecermos a nosa debilidade como forza motora do cambio profundo que o país precisa e tampouco tivemos a xenerosidade necesaria para buscarmos a unidade electoral do BNG-EG nos anos oitenta, non só para as eleccións galegas e ao Congreso, senón tamén para as eleccións municipais. Aínda hoxe lembro a expresión que me puxo Xosé Manuel Beiras cando entrando nun restaurante de Espasante, tras un mitin en Ortigueira, se me ocorreu suxerirlle que talvez deberiamos buscar algún acordo entre o BNG e EG para as eleccións xerais.

O que si nunca fixeron o BNG e Esquerda Galega foi desfacerse como organizacións políticas para fortalecer a presenza institucional e a introdución social dos partidos políticos estatais no escenario político galego. Como tampouco fixo iso o Partido Galeguista de Castelao, que apenas sufriu baixas cando a excisión da Dereita Galeguista. O nacionalismo galego tivo sempre moi claro que o que máis precisa o país é a unidade das persoas que consideramos a Galiza a nosa única nación e que non temos outra bandeira máis que a súa defensa. Desa idea nacen as Irmandades da Fala, nace o Partido Galeguista, a AN-PG, o Consello de Forzas Políticas Galegas e algúns anos despois o Bloque Nacionalista Galego. Podemos discutir se o nacionalismo galego debe estar hoxe nunha única organización ou en diversas opcións partidarias. Podemos debater formas organizativas, métodos de traballo e discurso. Podemos facer un proxecto máis alcanzábel ou máis irrealizábel, partindo do que somos como movemento político e de onde estamos como nación. Pero hai debates e camiños que só conducen á claudicación do ideal e á nosa autodestrución como pobo en marcha.

Ao meu ver, sempre ao meu ver, o nacionalismo galego, nesta complexa e difícil encrucillada, ten fundamentalmente dúas opcións: queimar a súa longa traxectoria histórica ao servizo do país nunha efémera plataforma electoral con organizacións estatais, eliminando así a contradición principal forzas propias/partidos estatais, ou construír, desde a irmandade e a xenerosidade, un proxecto alcanzábel de país, plenamente noso, impulsado por forzas políticas propias, co seu centro de decisión en Galiza. Sabemos que esta última opción é a que presenta maiores dificultades e a que esixe máis esforzos, mais tamén temos a certeza de que é a única alternativa que abre un camiño máis seguro para conseguirmos un verdadeiro autogoberno, esa soberanía política pola que loitaron as irmás e os irmáns das Irmandades da Fala e do vello Partido Galeguista, centos de persoas que, como ben sabemos, acabaron  sendo vítimas da barbarie e do terror do 36. A súa memoria e o sufrimento e a coraxe de todos aqueles homes e todas aquelas mulleres non nos permite actuar con covardía na defensa firme do noso ideario nacionalista, por moi adverso que hoxe sexa o contexto político. Só temos que lembrar as palabras e a lección de Alexandre Bóveda diante do tribunal fascista que o condenou á morte.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña