10:46 Domingo, 07 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-05-2010

Non é tan difícil de entender que o Plan de Zapatero, aparte de inxusto e antisocial, vai dificultar, aínda máis, a recuperación económica

As medidas de Zapatero non reactivarán a economía

Valorar (12)

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS



Mércores 12.  Zapatero comparece no Congreso de Deputados e anuncia un drástico "plan de axuste" que entre outras medidas contempla a reducción do salario dos empregados públicos, a conxelación das pensións, o recorte nas axudas á dependencia e unha diminución do investimento público.

Xoves 13. As medidas anunciadas por Zapatero reciben os parabéns  do FMI, da UE, e na orde interna de persoaxes tan insignes como  Emilio Botín (Presidente do Banco Santander),  César Alierta (Presidente Executivo de Telefónica) ou Gererdo Diaz Ferrán (Presidente da CEOE e empresario de éxito, que levou á quebra a Air Comet e Viajes Marsans).

Venres 14. Titulares de prensa "Las dudas sobre la recuperación hunden las bolsas. El IBEX sufre su mayor caída desde 2008."

Pero en que quedamos? as medidas non se tomaban para "tranquilizar aos mercados financeiros"? Unha xornalista de TVE resumía o desconcerto cunha sesuda análise: "es que a las bolsas, a veces, no hay quien las entienda".

Desde logo non vou ser eu quen use a evolución da bolsa para avaliar o acertado ou non dunhas políticas. Pero non é  tan dificil de entender que o Plan de Zapatero, á parte de inxusto e antisocial, vai dificultar, aínda máis,  a recuperación económica.

Pensemos no efecto que pode ter na actividade económica e na xeración de emprego o recurte para esta ano de máis de 3.200 millóns de euros de investimento público só en infraestructuras. Un recurte que se consolidará tamén nos vindeiros exercicios orzamentarios e que terá consecuencias moi negativas para Galiza.

Ou pensemos no efecto que terá no consumo (e por tanto, na evolución da demanda interna) a reducción de salarios dos empregados públicos, a conxelación das pensións e a suba do IVE.

Con estas medidas, Zapatero incumpre o seu compromiso de non comprometer as políticas sociais. Un xiro xa anticipado en xaneiro ao propór o Goberno español unha reforma regresiva do sistema de pensións ou unha reforma do mercado laboral con medidas conducentes a abaratar o despido.

Zapatero con estas medidas opta por transferir integramente o custe da crise ás clases populares. Ulo unha reforma impositiva que esixa un maior esforzo ás rendas altas, ulo un imposto que grave as grandes fortunas, ulo un imposto sobre os beneficios dos bancos, ulo as medidas para combater a fraude fiscal?

Pero ademais, Zapatero con estas medidas renuncia incluso a facer da recuperación económica a prioridade das súas políticas.

Entón, por que o fai? A resposta está en Europa:  protexer o Euro e cumprir ao milímetro os ditados do Plan de Estabilidade, no que se fundamenta a converxencia de políticas económicas da Unión Europea desde Mästricht, por riba de calquer consideración.

O nacionalismo galego sempre advertiu de que unha converxencia europea en políticas monetarias e orzamentarias, sen que haxa  unha converxencia real non índices de desenvolvemento humano dos distintos territorios, só serve para acentuar os desequilibrios e abocar ás sociedades menos desenvolvidas a severos axustes.

Os feitos dannos a razón.  A Unión  Europea e FMI impoñen en Grecia e  no Estado Español, coa compracencia do seu Goberno, as mesmas políticas de axuste duro que o FMI ditou para Latinoamerica nos anos 80 e 90 do século pasado.

Poucas veces ficou tan claro, que a transferencia de soberanía dos Estados cara a Unión Europea non constitúe un espazo de oportunidade para Galiza, como algúns inxenuamente pensan. Ao contrario, a consecuencia é a acumulación de poder por instancias moito máis alonxadas dos cidadáns e dun control democrático efectivo. A consecuencia é que as economías máis fortes e os grandes lobbies económicos dictan as políticas a seguir.

O pasado 15 de Maio,  Alfredo Suárez Canal publicaba nestas mesmas páxinas un brilante artigo sobre as medidas de Zapatero. Un artigo que,  parafrasendo a Clinton, titulábase "É o neoliberalismo, estúpido". Eu, parafraseando a Alfredo, permítome engadir: "É a Unión Europea, estúpido".


[25-05-2010 07:23] abelardo x del caño comentou:

Tes razón, o único fin das medidas é a converxencia e unificación económica, por riba das persoas! Finalmente of FMI e a UE obterán o que levan anos pregoando: o despido libre; interésalnle ter un número enorme de mán de obra lista para traballar por nada e sin dereito algún! Sorprende cun partido con pretensiós sociais como o PSOE non opoña mais resistencia... ou e que o ven ben?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña