03:58 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-07-2016

Como os da Complutense descoñecían os mares de Galicia, buscaron un piloto nativo, experto e mancornado coa anterior tripulación

Pensamentos ao fío das eleccións de xuño

Valorar (29)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Hai tempo que, por estes lares, todo ten un ar de déjà vu e, abondando, un déjà vu tan paifoco, tan cutre, tan de palleiro que a tentación de se auto-conceder un longo período sabático en lecto-escritura política golpea, cada vez con máis insistencia, os miolos de quen ten outras máis gratificantes inquedanzas intelectuais. Escribo con sete días de antelación este artigo, por ter mentes de viaxar a Bilbao a vindeira semana coa intención de ver no Guggenheim a exposición “Panoramas de la ciudad: La escuela de París, 1900-1945”. Ao regreso, continuarei deleitándome con formas e cromatismos bastante máis antigos nas covas cántabras de El Pendo e El Castillo, coa mente no grande Marcelino de Sautuola, pai de todo ese universo, e no mecenas Alberto I de Mónaco, dunha época en que algúns príncipes eran xentes cultas; e xa no Navia, hoxe asturiano, agardo revisitar o fermoso castro de Coaña, mentres o meu pensamento procurará ao sabio García y Bellido e vagará entre saudades da moita Galicia Irredenta.

Con independencia de quen ocupase o segundo e o terceiro posto, estaban cantados os resultados das eleccións de xuño. A táctica marianista de deixar que as cousas se vaian facendo soas, mentres el, con ese ritmo trepidante e ridículo, se encarga de ir deixando polas gabias cadáveres políticos, deulle, unha vez máis, resultado. A este home todos os cortesáns lle aplauden grazas, anacolutos, trabalinguas e estupideces que xa dan para encher varios volumes. Sempre a adulación aos poderosos, aínda que falte a agudeza do poeta Boileau, cando o Rei-Sol, Luís XIV, lle leu uns versos propios e lle pediu a súa opinión de experto. “Señor –respondeu Boileau- para V. M. non hai nada imposible. Propuxéstesvos escribir malos versos e conseguístelo”. Seguro que a el ninguén lle sabe dicir iso, mais nin toda a estupidez nin a corrupción do mundo serían causa suficiente para afastar a Mariano do camiño á presidencia. O director de campaña demostrou saber moi ben que a un pobo, previamente debilitado e atemorizado, o que máis inquietude lle provoca é a posibilidade do caos, do desorde, da desintegración. E esa foi a baza que xogou, contra a que nada serviron nin recortes, nin copagos, nin privatizacións da sanidade, nin subidas insultantes aos pensionistas, nin roubos, nin desfalcos, nin moreas de dirixentes entrando nos xulgados, nin sombras sobre os soldos en B pagados por Bárcenas, nin a investigación xudicial ao partido mesmo, nin ministros que tiveron que deixar a carteira por asuntos relacionados co fisco ou coas tramas de corrupción, nin a soberbia e prepotencia coa que gobernaron e impuxeron unha nefasta lei de educación, premiando ao ínclito e namorado  ministro cunha embaixada en París, ou a “mordaza” do seu colega que o mesmo condecora a unha virxe, que confía no anxo Marcelo para que lle aparque o coche ou que resulta gravado no seu despacho, mentres trama unha conxura contra políticos independentistas.

Este ministro, con aspecto e formas de tempos idos, que presume de asistir diariamente a misa (tamén o facía Carrero) tráeme á cabeza dúas cousas. Unha que se dicía no bando republicano durante a Guerra Civil: que o animal máis perigoso da creación era un requeté recentemente comulgado. Exemplos desta situación hai na historia para aburrir e, cando un, no canto de almorzar café con leite, almorza café con Deus, crese en posesión da verdade e coitado do roxo separatista que lle cruce a proa. A outra lembranza que me suscita é aquilo que se contaba, cando eu era un rapaz, de que a parella da garda civil parou a tres nenos. “Ti, saca o que levas no peto”, dinlle a un. Levaba unha navalliña e apañou unha ensalada de sopapos; o segundo levaba un cortaúnllas e cobrou outra carga de leña por ser tamén arma perigosa. O terceiro só tiña unha peseta. O resultado foi o mesmo, mentres o garda lle dicía: “Así que xuntando para mercar unha pistola”. A “lei mordaza” retrotráeme a aqueles vellos tempos francamente franquistas.

Un gran historiador ruso, profesor Diakonoff, falando do código de Hammurabi, do que é habitual ler que se preocupou polos máis desfavorecidos, deixou dito (na Cambridge Ancient History) que as leis dun estado sempre están ao servizo da clase dominante. Esa é a razón das leis citadas do PP, educación incluída, así como a de amnistía fiscal. Xa Goethe, moi alemán, dicía: “Prefiro cometer unha inxustiza, antes que soportar o desorde”, e os xacobinos, con bos seguidores no PP e no PSOE, chegaron a dicir: Morra a lei para que a república se salve”, o que podemos agora aplicar á cuestión catalá, pois para que España siga a ser unha (grande e libre) rímonos da lei e facemos contubernios na propia sede ministerial. E o pobo pecha os ollos, validando o que Ruiz Domènec dixo (en La trama del pasado. Diecisiete momentos que cambiaron la historia del mundo) ao falar do xuízo e condena de Sócrates: “El voto de los ciudadanos refrenda incluso actos innobles”. Isto foi o que aconteceu aquí e o PP está satisfeito, dicindo que os votos do pobo borraron toda culpa. Chámase e é democracia, mais os que xustifican a corrupción votando corruptos son cidadáns innobres, de amplas tragadeiras ou que prefiren, con Goethe, a inxustiza ao (suposto) desorde. Concordo con que o pobo en democracia é soberano, máis a unha multitude de corruptos ou de ignorantes non lles concedo, polo feito de se agruparen nun obxectivo, a condición de benéficos ou de sabios. Outros si o fan, porque lles vai moi ben cos resultados ou, como políticos que van pedir o voto, temen predispor en contra os votantes.

Do PSOE non vou dicir nada, despois de escribir, hai tempo, que deberían ter retirado os retratos de don Pablo Iglesias das súas sedes, como mínimo desde que Felipe González decidiu seguir, xa sen careta, os ditames de Alemaña e da CIA... Un moi forte aparello, con moitos anos de goberno (e corrupción) en todas as institucións, resiste e tarda en desaparecer e, mentres tanto, uns auto-proclamados socialistas manteñen a denominación antigo-réxime de baróns. Lembro cando a repescada Margarita Robles contou que o ministro Corcuera invadiu o seu despacho, saltando polas secretarias e, despois de increpala por non apoiar a súa Lei, a da “patada na porta” (PSOE-PP...) lle berrou: “Si no fueras una mujer te daba una hostia”. Baróns, ministros, socialistas, machistas e malfalados. Que resolvan eles as súas liortas. Os apéndices só me preocupan se dexeneran en apendicite, polo que non vou perder o tempo con “Ciudadanos”.

Hai case un século, Ortega dixo que, daquela, os rapaces e as rapazas se esforzaban en prolongar a súa infancia e os mozos en reter e subliñar a súa xuventude, e concluía: “No hai duda: entra Europa en una etapa de puerilidad”. O que nunca imaxinou Ortega era ver iso nunha mesa directiva dun partido político con pretensións de gobernar España. Hoxe, a xuventude considérase un valor en si mesma, con independencia das calidades, pautas éticas e formación dos mozos e das mozas. É tan valioso ser novo que se estira esa situación ata a menopausa, escribíndose curiosidades como que nun accidente morreron un mozo de 45 anos e un vello de 60. Sendo Podemos unha creación de profesores novos que se decataron do valor da masa que estaba a vir a lévedo nas prazas de España, equipados con boas ferramentas intelectuais e dominio dos recursos oratorios e dos actuais medios de comunicación, puxéronse á fronte do enorme cabreo que se xestaba durante o goberno do PSOE e que iría in crescendo na xestión da grande estafa protagonizada polo PP. Cumpriron un moi bo papel, desentumecendo os restantes grupos políticos e, a partires de agora, xa nada será como antes; mais o experimento que entusiasmou a tantos colectivos de indignados deu sinais de perda de empuxe e inicio de retroceso. Andan a estudar as causas e xa teñen claro (Carolina Bescansa dixit) que os votos que perderon ficaron na abstención, o que quero pensar que o interpretarán como un sinal de desencanto pola traxectoria errática da campaña, iniciada en decembro, dando enguiñadas a babor e a estribor como se fosen un barco do cerco na procura dun mancho de peixe maior que os anteriores. Remataron largando o aparello e saltoulles moito xurelo pola cortizada.

Admirar a Zapatero, aquel que non os representaba o 15M, e asumir a socialdemocracia foi demasiado. O profesor de políticas (unha cousa é ser profesor de filosofía e outra ser filósofo) caeu no síndrome de Urukagina que Santo Mazzarino en El fin del mundo antiguo aplicou ao historiador do s. IV Amiano Marcelino: apropiouse de vellos valores como principio de lexitimación. A xogada saíulle furada.

Como os da Complutense descoñecían os mares de Galicia, buscaron un piloto nativo, experto e mancornado coa anterior tripulación, e contratárono coa súa chalana para que, o mesmo que nas tarrafas de antes, axudase na localización e captura dos cardumes. E este piloto, que por menos acusou de sipaios a outros, coas súas Mareas do trinque acepta o papel ancilar dun partido con sede en Madrid e rodéase de xente nova, esquecendo que Mateo (9, 16-17) e Marcos (2, 21-22) dixeron que ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, xa que o novo tiraría polo vello e a esgazadura agrandaríase, e abondaron dicindo que ninguén bota viño novo en odres vellos, xa que rebentarían estes, perdéndose o viño e o pelello. Os vellos temos dereito, igual que os nenos, a gozar co brillo e a luminosidade das pompas de xabón, mais, a diferenza deles, sendo conscientes da súa vacuidade. Os fogos de artificio ascenden, estoupan e engaiolan coas súas luces, mais son breves e axiña se reducen a unha variña e uns papeliños queimados. Desfago a beleza e a poesía, lembrando o que sucede ao que se deita con nenos.

Peter Brown falou da “ideoloxía do silencio”, consistente en reducir a un á insignificancia tan só deixando de falar del, ignorándoo. Xa falaremos nós de BNG.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña