07:46 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-07-2016

A OTAN ten cada vez maior presenza tanto a nivel internacional como no continente europeo e actúa como o brazo armado ao que está totalmente subordinada a política de defensa da Unión Europea

A cimeira de Varsovia da OTAN un novo paso contra Rusia

Valorar (15)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Nos últimos tempos semellaba que a OTAN tiña desaparecido do primeiro plano informativo, e até poderíamos crer que desde a importante Cimeira celebrada en Lisboa en novembro de 2010 a chamada Alianza Atlántica só tiña actuado no ataque a Libia en 2011. Pero nada máis lonxe da realidade, a OTAN ten cada vez maior presenza tanto a nivel internacional como no continente europeo e actúa como o brazo armado ao que está totalmente subordinada a política de defensa da Unión Europea. Lembremos que a UE desde a Cimeira de Lisboa de 2010 é “... un socio único e esencial...” da OTAN.

Desde hai semanas todos os focos mediáticos europeos apuntan ao Reino Unido, nun principio para seguir a campaña do referendo do Brexit e agora atendendo aos movementos provocados polo sorprendente resultado do día 23 de xuño, un resultado que sen entrar agora nas verdadeiras motivacións de quen votaron a favor da saída do Reino Unido da UE, razóns que son moitas e variadas, supón un duro golpe para a Unión Europea. Esta situación de fai que apenas se fale nestes días da importante Cimeira da OTAN que se celebrará os días 8 e 9 de xullo en Varsovia, Cimeira que fai a número 25 das celebradas e que será a última á que asista o premio Nobel da Paz Barack Obama.

A reunión de Varsovia ten unha grande importancia tanto polo simbolismo, ao celebrarse na capital na que se asinou a creación do xa desaparecido Pacto de Varsovia, como porque as decisións que nela se van adoptar suporán un novo paso na política agresiva de occidente contra Rusia, unha política agresiva que os altos dirixentes desta alianza militar imperialista non agachan.

Hai dúas semanas o Secretario Xeral Adxunto da OTAN, Jens Stoltenberg, nunha conferencia pronunciada en Lisboa deixaba claro para quen o quixera escoitar que “...Cando se trata de defensa e disuasión, Rusia ocupa un lugar preponderante na axenda da OTAN...” mantendo así un discurso propio da Guerra Fría; un discurso paranoico que busca trasladar a sensación de que Europa occidental e o mundo corren un grave perigo debido ao militarismo e ao expansionismo da Rusia de Putin. Discurso complementado polo xefe das tropas dos EEUU en Europa Ben Hodges que hai poucos días advertía do “perigo” no que segundo el están os países bálticos diante dun posíbel ataque ruso, dado que as forzas da OTAN non teñen capacidade para salvalos pois non terían posibilidade de chegar a tempo e cando o deran feito xa as tropas rusas terían ocupado eses países.

Á creación dese ambiente de inseguridade e desconfianza cara Rusia contribúen tamén as importantes manobras militares como as que se celebraron na primeira quincena do mes pasado en Polonia, as manobras Anaconda-16 que foron as máis importantes manobras militares no leste de Europa desde a caída do muro de Berlín. Nelas tomaron parte máis de 30.000 soldados de 18 estados membros da OTAN e cinco da Asociación para a Paz que conforman estados non formalmente membros da Alianza Atlántica pero á hora da verdade subordinados á mesma.

Ademais o martes 14 de xuño os ministros de Defensa da OTAN decidiron despregar catro batallóns multinacionais nas tres repúblicas bálticas (Estonia, Letonia e Lituania) e Polonia, aumentar a súa presenza militar no mar Negro, e sumar un novo dominio operativo aos tradicionais aire, mar e terra, o chamado dominio da ciberdefensa.

Todas estas decisións e actuacións están interrelacionadas e a Cimeira de Varsovia o que fará será oficializalas ao máis alto nivel para trasladar así interna e externamente unha imaxe de unidade dos estados membros diante dos perigos existentes. En palabras do ministro polaco de asuntos exteriores de Varsovia debe saír a mensaxe de que fronte  ás ”...diferentes ameazas, diferentes solucións. Pero unidos...”

Esa demostración de forza e unidade é vital para a OTAN e para occidente nestes momentos dado que o outro instrumento do imperialismo en Europa pasa por momentos de incerteza desde o 23 de xuño, unha incerteza que xerará tensións internas e que aínda é moi cedo para albiscar o camiño que tomará.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña