22:31 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-06-2016

O BNG non foi nunca complemento ou apéndice de ningunha organización da metrópole

De irmán a irmán

Valorar (47)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Meu vello amigo e admirado poeta:

Veño de ler con grande asombro algunhas das cousas que dixeches no mitin de Vilalba. Non alcanzo a comprender como unha persoa culta e intelixente coma ti e que tantos anos militou no BNG pode chegar a dicir que “Nunca Galiza en tan pouco tempo tivo tanta presenza e recoñecemento” nas Cortes do Estado como nos catro meses da pasada lexislatura. Talvez xa non te lembras do impacto que tivo sobre o conxunto da sociedade galega a chegada do BNG ao Congreso en 1996, que incluso estivo ás portas de pasar de 2 a 5 deputados/as nas seguintes eleccións. Mais non falo só do plano simbólico, da expresión política do país, dunha expresión soberana, que endexamais precisou pedir permiso a ningún líder estatal para falar nas Cortes, porque, como ben sabes, o BNG non foi nunca complemento ou apéndice de ningunha organización da metrópole. Chegou alí coas súa forza, coa que lle deu o propio pobo galego en cada momento, sen ataduras e sen outros límites que a defensa do país. Pero, repito, non falo só de ser a voz de Galiza nas Cortes. Falo tamén do volume e da importancia do traballo parlamentario que realizou o BNG en Madrid. Cando alguén de En Marea chegue a superar en número de iniciativas e en intervencións a calquera dos deputados e das deputadas que tivo o BNG, entón poderás dicir o que dixeches en Vilalba. Mentres tanto, Miguel Anxo, meu vello amigo Miguel Anxo, humildade, moita humildade, que moito tedes que traballar aínda para estar á altura de calquera das persoas que representaron ao BNG na Carreira de San Xerome. E se queres podes coller catro meses -os que ti queiras- do traballo parlamentario de Francisco Rodríguez, de Olaia Fernández Davila ou de Francisco Jorquera e comparalos cos catro meses de cada un e cada unha de vós. Nin punto de comparación. Só hai que ir á web do Congreso para comprobalo. A explicación, claro, tamén está en que o BNG desde o Grupo Mixto tivo sempre toda a liberdade para subir á tribuna do Parlamento cada vez que o precisou. Vós, xa o sei, tendes que pedir permiso a Pablo Iglesias, Íñigo Errejón ou Carolina Bescansa, e ademais, tamén hai que dicilo, non sempre se acordan de que estades alí. Nunha cámara parlamentaria hai que ter capacidade de intervir e liberdade plena para defender o programa. Recorda que precisamente para recuperar esa liberdade, Castelao e Otero Pedrayo mesmo chegaron a abandonar a minoría republicana galega nas Cortes Constituíntes. Seredes vós quen de facer iso -os de Anova, digo- se Podemos segue a marcarvos o discurso e a axenda parlamentaria como xa o fixo nos catro meses desta lexislatura?

A outra grande reflexión que fixeches nese mitin de Vilalba é que agora “En Marea é a forza das esquerdas galegas e o voto útil da xente común”. E eu pregúntoche, Miguel Anxo, e cando en 1977 o BN-PG obtiña 22.771 votos (o 1,98%), o PSG 27.197 (o 2,36%) e o PSOE 175.127 votos (o 15,20%), onde estaban as maiorías sociais de esquerda  e a xente do común? E cando en 1986 o BNG conseguía 27.049 votos (o 2,08%) e o PSOE 458.376 votos (o 35,27%), onde estaba o corpo social de esquerdas e a xente do común deste noso país, apoiando ao PSOE ou respaldando o nacionalismo galego? Si, Miguel Anxo, todas as razóns que vós atopades agora para confluír coa esquerda estatal, coa nova e mais coa vella esquerda española, puidémolas ter no 77, no 79, no 82, no 86…, porque a grande maioría social que se move simplemente en coordenadas de esquerda ou incluso dunha certa esquerda galeguista estivo sempre, agás nos anos noventa, arredor do PSOE, e non por iso deixamos de reafirmarnos, verdade, na construción do proxecto común nacionalista, na autoorganización política, na confianza en nós mesmos, na creación da conciencia nacional. Dá a impresión que agora hai quen pensa máis “no ideal da victoria que na vitoria do ideal”. E non me poderás negar que o resultado de toda esa vosa estratexia é un polo nacionalista galego máis débil e unha sociedade galega cada vez máis españolizada. Se hoxe Anova concorrese en solitario ás eleccións seguramente non obtería nin un só deputado, porque vós mesmos lle abristes as cancelas aos partidos estatais e lle destes unha lexitimidade diante da cidadanía galega que hai uns anos non tiñan en amplos sectores sociais. Voucho dicir con sinceridade: eu vexo na vosa práctica política unha deserción clamorosa no combate intelectual e político por crear conciencia nacional, por fortalecer unha dinámica política de país e por consolidar unhas  forzas políticas propias que acaben por liderar a alternativa política para Galiza. E non me digades que agora hai unha emerxencia social que xustifica esa estratexia de unidade electoral coa esquerda estatal, porque o noso país, Galiza, está nunha situación de emerxencia desde hai decenios. E tampouco me recordedes, por favor, o da Frente Popular, por decencia intelectual, porque non resiste a máis mínima comparación histórica. Desde o noso escaso saber xa o temos comentado noutras ocasións, pero moito mellor ca min xa o explicou o profesor Xavier Vence nun magnífico artigo hai varios anos, despois das eleccións galegas de 2012 (“Castelao, Bóveda e o nacionalismo esgazado”).

En fin, Miguel Anxo, que queres que che diga? Para min aínda seguen a ter plena vixencia estas palabras que escribiu quen ti ben sabes: “case nunca un país colonial precisado dun proceso revolucionario elixíu en votacións de democracia burguesa aos seus afervoados loitadores, aos seus máis lúcidos organizadores, aos seus auténticos líderes”.  Alexandre Bóveda é o mellor exemplo.

De irmán a irmán.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[26-06-2016 11:45] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

Parabéns, amigo Foxo, polo texto e pola confianza que transmites nel a respecto do país. O camiño sabémolo longo, demorado, arrítimico, bretemoso, mais chegará, sen dúbida, a un destino: o mesmo que as marés, as "recuxías" e as modernas (e vellas) ondulaxes españolas tencionan facer desaparecer.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña