22:07 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-05-2010

que o obxectivo non é, en si, rematar co estado autonómico senón cuestionar as propias e reais nacións históricas

Os tempos non van ao noso favor

Valorar (5)

ELADINO CABANELAS FERNÁNDEZ



"É necesario para a completa nacionalización de Francia que a lingua de Provenza morra? É indispensábel para a prosperidade de Bélxica que a lingua flamenga desapareza? Debe Gran Bretaña desterrar aos galeses á Patagonia se os escoita falar a lingua dos seus pais? Non; mil veces, non. É ruín e covarde terlle medo a unha lingua. Máis ben, é o deber obrigado da Civilización facer todo no seu poder para preservar todas as linguas que produciron unha literatura."

Con estas reflexións definiu Annette Meakin a situación da lingua galega no seu libro "Galicia, the Switzerland of Spain" tras a  viaxe que fixo por estas terras a comezos do pasado século.  Ben poderían ser escritas un século despois posto que a situación da nosa lingua, lonxe, moi lonxe de mudar para ben, semella que vai entrar -por o capricho consciente e estudado da "ruín e covarde" dereita española, xunto coa complicidade e consentimento submiso dos paifocos e renegados que din dirixir a nosa nación- no camiño irreversíbel da súa desaparición. Tan só o esforzo tenaz e o espírito combativo das galegas e dos galegos de ben por conservar a súa lingua e, por tanto, a súa cultura e a súa razón de ser, pode e, estou seguro, vai ser quen de corrixir a escora nesta nave á que chamamos Galiza e que nas mans do patrón e dos mariñeiros que hoxe a gobernan colleu rumbo a un naufraxio consentido. Probas deste esforzo pola supervivencia do idioma xa as estamos a ver nas mobilizacións masivas a prol do galego que encheron en catro ocasións e no curto período dun ano as rúas da capital da Galiza, mais debemos ficar á garda porque os tempos non corren ao noso favor.

Moitos son os factores que, case de sempre, agrediron e agreden a nosa integridade idiomática. O abandono do medio natural onde a lingua foi quen de conservarse por riba de ditaduras, notarios e prelados, e nomeadamente nas aldeas tanto da nosa costa como do interior, que até hai pouco supuñan a maior porcentaxe da poboación; a expansión masiva e sen barreiras dos medios de comunicación estatais, nomeadamente a televisión e, en menor medida, a radio e a prensa escrita, eficaces vehículos colonizadores sen parangón na historia; séculos de asoballamento e menosprezo polo noso capaces de crear un sentimento de inferioridade ou de odio polo propio que, aínda hoxe, produce certa "timidez verbal" a moitos e a moitas ao expresárense en español fóra da Galiza (que no se me note el acento). Xunto a estes factores e moitos que deixo de nomear entre os que hai unha gran compoñente de tópicos ou "sentidos pexorativos" como diría unha "gran estadista española" de todos coñecida, podemos e debemos analizar outros, non menos importantes e, igual ou máis lesivos para o galego (no senso de lingua e de pobo) hoxe en día.

As crises non só afectan á economía senón que xunto aos factores económicos entran, case sempre, en escena outros, entre os que, sobresaen decote as crises de valores. No noso caso, unha crise de valores incentivada dende o poder e que intenta dende todas as frontes crear opinión sobre cuestións que, de non dárense as circunstancias negativas, non se atreverían a expoñer. O rexeite cara a todo o que ameaza o tan manido "estado do benestar", exemplificado na volta a un certo racismo coa inmigración "acaparadora de postos de traballo" é tan só un exemplo disto. Outra das frontes que se están a abrir é o da duplicidade ou multiplicidade de gastos que supón o estado das autonomías para España. Cun discurso aparentemente doado que calla con facilidade nos sectores máis desideoloxizados da sociedade van reintroducindo cuestións que semellaban soterradas trala morte do ditador, é dicir, "España una, España grande, España libre". Por suposto, o seu discurso non vai ser tan directo, mais tertulianos e políticos xa se encargarán do adobío mediático mesturando imposicións idiomáticas por unha banda, viaxes institucionais de presidentes de comunidades que non representan á súa España por outra, duplicidade de cargos e representacións en comunidades uniprovinciais e para máis lea lexislacións distintas para os mesmos conceptos segundo a comunidade, etc., etc. Total, un totum revolutum ou a teoría do caos que tan só dende un estado central e centralista se poderá ordenar.

Mais sabemos que o obxectivo non é, en si, rematar co estado autonómico -estado autonómico cuxo nacemento se produciu para contrarrestar e diluír as demandas de autogoberno que, tras o fin da ditadura, agromaban dende Catalunya, Euskadi ou Galiza - senón que ao cuestionar este estado cuestionan, ao tempo, as propias e reais nacións históricas, verdadeiro problema para quen é incapaz de concibir riqueza na variedade.

No noso país, tras a derrota do goberno PSOE-BNG polas causas que foren -mais innegabelmente cunha boa dose de mentiras ben dirixidas dende os aspirantes a gobernar, e outra dose de prepotencia ou menosprezo cara ao inimigo dos gobernantes daquela que, agardo, servise de lección- o campo ficou franco para a experimentación. A volta do PP na Galiza, xunto coa perda do goberno por parte dos nacionalistas nas outras dúas comunidades históricas, nomeadamente, a de Euskadi están facendo rexurdir o semi-agochado "sentimento nacional español".

Cinxíndonos a Galiza os intentos de eliminar calquera sentimento polo propio son tan evidentes como significativos. A desfeita ou ocultación de todo o creado polo goberno anterior (Galescolas, Consorcio de Igualdade, Uxfor, Banco de Terras...) xunto cos ataques directos á lingua son claros exemplos disto. Nada se fai por facer, ao azar, hai que demostrar a toda costa que este país segue a ser un país con dependencia do exterior, un país ("rexión" prefiren eles) subsidiado e condenado a subsistir da esmola de Madrid.

No caso dos ataques á lingua a estratexia obrígaos a usar todas as armas dispoñíbeis levando a demagoxia ao nivel máis alto do discurso. Son perfectamente conscientes de que, nun país como a Galiza, onde o nacionalismo non acadou aínda o status que merece, este xorde case sempre da asimilación da lingua como elemento indispensábel, fedatario e demostrativo da nosa singularidade, da nosa cultura e da nosa nacionalidade. A ideoloxía pode vir despois mais antes de que esta agrome nace o amor pola lingua. Logo, a estratexia é tan sinxela como: elimina a lingua e eliminarás o nacionalismo.

Operacións ou manobras estudadas como a provocación reiterada de falaren algúns deputados do PP en castelán no parlamento galego, a invención de plataformas como Galicia Bilingüe, a mentira da imposición lingüística, a eliminación da proba do galego nos exames para a administración, a falsidade das multas a establecementos por rotulárense en español, a diminución da programación infantil na primeira canle da televisión galega e, como culmen da súa política de autoodio, a progresiva desaparición do galego nos cativos que significaría, de facto, a posta en marcha do decretazo do ensino, non son nin simples casualidades nin, por suposto, a volta á liberdade idiomática ou ao bilingüismo harmónico. Son manobras estudadas e demandadas dende os sectores máis reaccionarios da dereita de Madrid. Feixóo e a patética conrobla do actual goberno tan só son títeres, monecos de trapo en mans alleas incapaces de ver o que esta sociedade lles está a demandar.

A estas alturas do conto, coido que algo si deberiamos ter aprendido todos e todas. Nós, o pobo, que a uns gobernantes sen escrúpulos nin interese polo propio xamais se lles debería dar a confianza do goberno e, eles, os do goberno, que boten ao caldeiro da reciclaxe o ameazante decreto do ensino, que se deixen de teimosías, propias de cativos encabuxados e que escoiten dunha vez a voz dos galegos e galegas que máis unha vez o pasado 17 de maio renunciaron ao seo lecer para berrar ao unísono o seu amor pola lingua da Galiza.

No remate volvo á viaxeira británica que citei ao comezo deste artigo cando, ao final do seu diario de viaxe di: "Adeus Galiza!... es unha terra na que os labregos están oprimidos por un mal goberno, a usura, e a súa propia e crasa ignorancia..."

[31-05-2010 21:47] Manuel I. Nanín comentou:

Ao final... posiblemente... e despois de tanto disparo cruzado que, por desgracia, algún acaba pasando moi perto, cando non acertando, posiblemente... insisto... a opción que ficará será a individual... e aí será... posiblemente... onde un lle atope sentido a tanta e tanta rabia!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña