04:08 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-05-2016

Discurso de encerramento do XIV Congreso da Unión do Povo Galego (UPG)

Vimos de lonxe, imos para lonxe

Valorar (22)

NÉSTOR REGO CANDAMIL



Compañeira Portavoz Nacional do BNG,

Delegacións convidadas,

Camaradas, amigas e amigos:

  Coa vosa licenza, gostaría de comezar contando algo que aconteceu hai xa ben tempo. Un rapaz de 15 anos que na altura militaba en ERGA e na AN-PG e que facía parte mesmo da que ía ser a primeira célula da UMG na vila cando a organización xuvenil do Partido estaba para se constituír, deslocouse con outras compañeiras e compañeiros de Viveiro até Vigo para asistir a un mitin do Bloque Nacional-Popular Galego. Eran as primeiras eleccións tras a ditadura e nese mitin participaba, entre outros, un poeta e patriota militante, candidato do BN-PG ao Senado. De alí voltei cun libro seu dedicado. Permitídeme que vos lea a dedicatoria: “Para Néstor Rego, estes Poemas pra construír unha Patria galega, popular e ceibe. ¡Venceremos! Manuel María. Vigo, día do mitin do BN-PG. 1977”.

  Teño a certeza de que outras persoas das que estades hoxe aquí teredes tamén este poemario cunha cariñosa e/ou militante dedicatoria de Manuel. Eu, que non me considero en absoluto fetichista, gardei desde aquela o libro como un pequeno tesouro e, aínda que un bocadiño danado polo tempo, continúa acollendo a palabra comprometida, vibrante e apaixonada do noso poeta. Gostaría de partillar convosco un poema deste libro, precisamente o titulado Poema á Patria porque, para alén de fermoso, vén moito ao caso do que quero dicir:

A patria érguese no territorio

da nosa intimidade,

na nación

do noso sentimento colectivo

aséntase na lembranza das

nosas vitorias, esperanzas,

erros, ledicias e derrotas

mantense

co esforzo popular,

loita, traballo, entrega fiel

e xenerosa.

A Patria

faise día-a-día / intre-a-intre,

esforzo

a

es-for-zo luíndo

esta nosa fala que temos para

entendernos / com-prender-nos,

na que se ditarán as leis

e se contará a nosa propia

única-Historia-verdadeira,

o idioma común que usamos e

gastamos para escribir cartas,

panfletos, programas e cancións.

A nosa TERRA aínda non é nosa.

A nosa xente anda espallada

polo mundo

e nós

estamos vivindo asolagados nun

caos / anacrónico / suicida.

Mais

somos donos dun ideal

temos bandeira,

contamos

cun povo que non renunciou

ao dereito de vivir

e está

disposto a tirar todos os xugos,

rachar as infindas cadeas

que o teñen amarrado

ao subdesenrolo,

ao asoballamento

e a i-n-x-u-s-t-i-z-a.

Cómpre

comezar polo principio,

dinamitar o vello / vergoñoso

edificio colonial / imperialista

e construír, dende os cimentos

unha Patria nosa / nova / ceibe:

A GALIZA POPULAR / SOCIALISTA

QUE NÓS SOÑAMOS

E QUEREMOS.

  Pasaron desde entón case corenta anos e, ollando para os últimos resultados electorais, alguén pode preguntar se tanto traballo, tanto esforzo, tanto sacrificio persoal e colectivo ao longo de todo este tempo pagou realmente a pena. Acabamos de escoitar a Ana Pontón afirmar com vehemencia que si. Eu tamén digo rotundamente que si; nós sabemos con certeza que si, que pagou a pena.

  Tamén naquelas eleccións os resultados non foran satisfactorios e podemos considerar que tampouco xustos se os colocamos en relación ao traballo dunha forza política que, sendo aínda relativamente nova, tiña xa detrás de si unha intensa traxectoria de loita social e política, mesmo ao duro prezo de militantes represaliados, encarcerados e asasinados. Con todo, sobre aquela base continuamos construíndo e remontando, sumando forzas e gañando apoio político e electoral para facer avanzar o nacionalismo e a causa da Galiza.

  Non ocultamos que o nacionalismo está hoxe nun momento complexo e especialmente difícil. Diso vimos de debater e continuaremos a o facer cos compañeiros e compañeiras do BNG, co ánimo de achar entre todas as mellores fórmulas para relanzar o proxecto nacionalista, para -máis unha vez- remontar, sumar forzas e gañar apoio político e electoral. Mais sen esquecer que tamén hoxe temos unha base moi sólida sobre a que continuar a traballar.

  Se non nos deixarmos cegar polo brillo dos abelorios e buxigangas electorais, seremos capaces de apreciar todo o que levamos construído, con alicerces firmes, ao longo destes anos: estruturas políticas, organizacións sociais e sindicais, espazos de participación e de comunicación, mobilizacións, conciencia... Mesmo resortes legais que son conquista tamén do nacionalismo -quer por acción, quer por reacción- e que, con seren febles e insuficientes, actúan en moitos casos como baluarte frente aos ataques do españolismo á nación, a identidade, a cultura ou a lingua.

  Nunca ninguén de fóra nos regalou nada nin debemos tampouco esperar que o faga. O noso camiño non pasa por cifrar as nosas esperanzas como povo no que puideren decidir en Madrid ou no que acontecer na Puerta del Sol. Desde 1916 o nacionalismo galego entendeu que a liberdade da Galiza depende exclusivamente de nós e pasa por organizar o noso povo. Sabémolo pola nosa propia experiencia mais tamén pola allea. Só temos que ollar cun bocadiño de atención para comprobar como na longa experiencia histórica das nacións que alcanzaron a independencia, esta premisa sempre se cumpriu, sempre estivo detrás a autoorganización e a confianza nas propias forzas.

  Aliás, se o ollarmos desde a outra perspectiva non será dificil constatar que son comúns os casos de comportamentos social-chauvinistas das forzas da esquerda metropolitana nos procesos de liberación nacional contemporáneos, mesmo se estamos a falar de colonialismo clásico e transcontinental. Que non diremos do colonialismo interior! É verdade que tamén hai algunha honrosa excepción, como a da esquerda portuguesa desde os gobernos do PREC após a Revolución de Abril, concertando a independencia das colonias africanas. Mais mesmo aquí o que fixeron na realidade os governos revolucionarios portugueses foi recoñecer o que os povos guineense, angolano ou mozambicano tiñan xa conquistado por si propios nos campos de batalla.

  Así pois, valoricemos o que levamos feito. Porque, aliás, o máis significativo é que todo iso foi construído coas nosas mans, coas mans do pobo traballador galego, día a día, esforzo a esforzo, con entrega fiel e xenerosa, como dixo o poeta. Aquí non hai, non houbo nunca, unha burguesía galega, que asumise o seu papel de clase nacional, e -aínda que fose tan só no ámbito da lingua, da cultura, da identidade- usase os seus recursos económicos para facer País. Non, iso puido acontecer en Cataluña, mesmo en Euskadi. Aquí non.

  Aquí foron sempre os traballadores e traballadoras, as clases populares, foi o pobo quen asumiu a responsabilidade de construír, con enormes sacrificios persoais, os instrumentos de autodefensa nacional e de intervención colectiva. Por iso, por pouco que nos pareza que brille, neste momento, no escaparate en que se expón a mercadoría electoral, debemos e podemos, lexitimamente, sentir un orgullo inmenso de todo o que levamos realizado.

  Creo que é xusto afirmar que, con todos os problemas e dificultades que vemos e combatemos todos os días, a Galiza de hoxe sería ben peor sen o contributo imprescindíbel do nacionalismo. E tamén -dicímolo desde a modestia mais con lexítimo orgullo- o nacionalismo galego contemporáneo -que é construción colectiva de millares de persoas- non sería o mesmo e non se podería entender sen o contributo e o traballo, sempre esforzado e xeneroso da UPG, da militancia da UPG, de todos e de todas vós.

  Digo todo isto porque, metidos na voráxine da mercadotecnia do novo/novísimo, sempre pode haber quen teña a tentación de se deixar arrastar pola corrente e pretenda que tamén arrombemos os principios no armario das cousas vellas, porque están caducos ou -peor aínda- porque non están na moda. Mais nós sabemos que ese novo é apenas unha palabra vacua, unha etiqueta con que tentar pasar de matute a máis vella das políticas, a da subordinación e a dependencia, a de 'en Madrid decidimos e en Galiza acatades', da que tivemos por acaso elocuentes exemplos nas últimas semanas.

  Acontece que o nacionalismo naceu precisamente para non acatar máis que os intereses da nación e a vontade de liberdade do pobo galego. E, aliás, nós non temos ningún interese nas modas pasaxeiras nin moito menos en participar do festival das palabras ocas, por moi pintadas de cores brillantes que nolas presenten, por moito que o show sexa trasmitido todos os días en prime time na televisión. O nacionalismo é un proxecto serio, rigoroso, que asenta as súas propostas nunha análise certa da realidade galega, da dependencia e das súas consecuencias, que é consciente das enormes potencialidades do noso País e que confía plenamente na capacidade do povo galego para tomar conta por si do seu próprio destino.

  Nós concordamos moito co que acordou a XV Asemblea Nacional do BNG cando definiu o proceso de refundación -que ten por obxectivo recuperar o impulso e o apoio social para o nacionalismo- como un proceso que partía de certezas que cumpría manter: Galiza é unha nación e por tanto ten dereito á autodeterminación como maneira de romper a dependencia e conquistar a soberanía. Do que se trata é de ver que debemos mudar e que debemos mellorar para que a mensaxe do nacionalismo chegue mellor á sociedade e calle en forma de conciencia, de organización, de mobilización e tamén, é claro, de votos.

  Por iso cremos que é preciso reforzar un proxecto nacionalista actuante na sociedade que aposte, sen ideoloxismos estériles mais de maneira decidida, na conquista da soberanía; que se sustente, como sempre fixo, na práctica permanente da autoorganización do povo galego e que aspire a conquistar novos espazos sobre a base de sumar forzas e de reforzar o pluralismo e o activismo político.

  É verdade -salientámolo xa no debate da mañá- que non hai nada novo nesta posición, mais non é menos certo que hoxe por hoxe continúa sendo unha posición revolucionaria, que vai contra-corrente porque cuestiona no máis profundo a lóxica do poder e que, xustamente por iso, non goza nin de platós televisivos nin de altifalantes mediáticos. Conta, no entanto, con millares de persoas, de militantes, dispostas a traballar con estas bases para relanzar o proxecto nacionalista. Conta tamén, con certeza, co noso firme compromiso.

  O Bloque Nacionalista Galego ten en andamento un proceso de debate que visa relanzar o nacionalismo. Estamos a participar de maneira activa como militantes do BNG nese proceso, coa idea de afortalar o pluralismo e de alargar a base militante do nacionalismo. Entendemos que o pluralismo é un dos grandes valores positivos do nacionalismo e xustamente por iso o noso compromiso é contribuír para reforzalo.

  Esa é a nosa opinión, claro, e defenderémola democraticamente e con respecto a calquera outra, como militantes nacionalistas que somos. Porque, en todo o caso, -e convén lembralo- o BNG é unha organización de afiliación individual en que todas as opinións -individuais ou colectivas- son igual de lexítimas mais en que as decisións son adoptadas democraticamente pola militancia sobre a base de 'unha persoa, un voto'. Con todo, entendemos que sempre é posíbel perfeccionar os mecanismos de funcionamento asemblear e de participación e decisión democrática e temos a certeza de que deste proceso de debate colectivo sairán fórmulas para conseguilo.

  Sabemos que o momento político que vivimos é especialmente complexo e que o camiño que escollemos non é fácil. Mais tamén temos a certeza de que é o camiño certo, o único posíbel para nos conducir ao noso obxectivo. Nós vimos de lonxe. O nacionalismo galego é a versión actual daquel que arrancou coas Irmandades da Fala e que conformou o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda, adaptado, é claro, ás circunstancias do presente. O nacionalismo -hoxe representado colectivamente polo BNG- é a resposta de autoorganización do povo galego, expresión da necesidade de contarmos con instrumentos de intervención política e social para conquistar a liberación nacional e social de Galiza. Esa é a nosa fortaleza.

  Nós vimos de lonxe, mais tamén imos para lonxe. O noso obxectivo é a soberanía, a independencia da nosa nación, para podermos construír nesa Galiza soberana unha sociedade nova, realmente xusta, igualitaria, democrática e libre. Nese obxectivo, non nos vai deter un revés no camiño nin moito menos nos vai vencer o desánimo nin as frustracións que sabemos que corresponden a unha etapa que habemos superar como superamos outras anteriores. Estamos afeitos a nos levantar e a continuar marchando e eu podo asegurarvos que este que vos fala ten hoxe a mesma convicción, o mesmo entusiasmo e a mesma paixón que aquel rapaz de 15 anos que foi de Viveiro a Vigo por estradas eternas para asistir a un acto de afirmación patriótica nun pavillón das Travesas ateigado de xente naquelas primeiras eleccións a que, por acaso, o BN-PG tivo que se presentar como agrupación de electores porque tanto o noso Partido como a AN-PG eran aínda na altura organizacións políticas ilegais.

  Hoxe temos de enfrontar tamén unhas eleccións xerais. Somos moi conscientes da importancia que teñen para nós, porque o camiño é longo e hai que o ir facendo paso a paso. Traballaremos nelas con decisión, con entusiasmo, como se diso dependese todo. Enfrontarémolas como unha boa oportunidade para facer pedagoxía política nacionalista, para crear conciencia e para recuperar apoios políticos e electorais. Farémolo sen perder a perspectiva de que após esas veñen outras e de que ao día seguinte teremos de estar traballando para organizar o noso povo porque o obxectivo final é máis grande e profundo: conquistar a soberanía e a liberdade da Galiza.

  É esta unha tarefa colectiva, á que todas e todos estamos convocados. Por iso quero, antes de terminar, agradecer ás delegacións convidadas que se achan hoxe aquí que tivesen a ben compartillar con nós este momento e este acto e, ao mesmo tempo, expresarlles a nosa inteira disposición para colaborarmos en todo o posíbel e necesario nos obxectivos comúns de defensa dos intereses nacionais, sociais e populares.

  Agradecer especialmente á delegación do Bloque Nacionalista Galego, encabezada pola Portavoz Nacional, Ana Pontón, e á do Movimento Galego ao Socialismo. E aínda, ás delegacións das dúas forzas que conforman coalición co BNG nas próximas eleccións xerais, o Partido Comunista do Povo Galego e a Frente Obreira Galega. Compañeiras e compañeiros do PCPG e da FOG, camaradas, estamos encantados de que esteades hoxe aquí e agardamos que a colaboración iniciada se fortaleza para podermos continuar a traballar conxuntamente polo obxectivo común da liberación nacional e social da Galiza.

  Amigas e amigos, camaradas, quero acabar como comecei, tomando emprestadas palabras do noso poeta nacional, Manuel María. Somos fortes porque somos donos dun ideal e contamos cun povo que non renunciou ao dereito de vivir en liberdade, e que está decidido a romper as cadeas que o manteñen escravo. Somos fortes porque temos a certeza de representar un futuro diferente para o noso País, de liberdade, de xustiza, de igualdade, de prosperidade. Creamos en nós, Creamos nel e saiamos mañá á rúa, con decisión e con convicción a conquistalo.

  Esa é a mellor homenaxe que podemos facer a Manuel María. Ao poeta cunha obra descomunal, tanto que mesmo provocou que persoas e institucións que en vida se esforzaron en ignoralo e tentar ocultalo tivesen que se render á evidencia dunha achega esencial á nosa cultura e á nosa literatura, para agora lle dar o merecido recoñecemento. Ao activista, recoñecido sobre todo polo povo, que este 17 de maio o converteu no protagonista absoluto da grande mobilización en defensa da lingua, na que el tantas veces participara. Tamén ao Manuel María patriota, ao camarada, ao militante sempre disposto a colaborar e a se comprometer. Teño a certeza de que o mellor tributo que podemos renderlle é o noso firme compromiso de continuarmos, co mesmo entusiasmo, coa mesma paixón que el puxo nas súas palabras, a traballar sen descanso para construír desde os alicerces unha Patria nosa, nova, ceibe: A GALIZA POPULAR / SOCIALISTA QUE NÓS SOÑAMOS E QUEREMOS.

  Como Manuel María, dicimos: Venceremos!

  Viva Galiza libre e socialista!

  Viva a Unión do Povo Galego!

  Viva o Bloque Nacionalista Galego!


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[27-05-2016 09:54] abelardo xose del caño comentou:

Pódese deicr mais bonito? ao millor, pero mais claro non!! Galiza Ceibe Poder Popular!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña