20:56 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-05-2016

Os montes veciñais (como superficies onde debe darse unha multifuncionalidade de usos) deixan de existir para converterse en meros terreos forestais

Lei do solo de Galiza: os montes veciñais non existen

Valorar (6)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ


Dende finais do mes de Marzo do presente ano, está en vigor a Lei do Solo de Galiza. Nesta lei, os montes veciñais en man común están catalogados como solo rústico de protección forestal, xuntamente cos terreos de alta produtividade forestal que así sexan definidos polo órgano que teña competencia sectorial en materia forestal. Mediante esta lei do Solo, os montes veciñais (como superficies onde debe darse unha multifuncionalidade de usos) deixan de existir para converterse en meros  terreos forestais.

Nesta catalogación de solo rústico de protección forestal, chama a atención o casamento entre protección forestal e alta produtividade forestal,  dous termos que non son precisamente compatíbeis. Mais que amosan fielmente a ideoloxía forestalista dos dirixentes do Partido Popular. Ideoloxía forestalista que se reflexa en todas normativas que aproban; dende a lei de montes de Galiza, ate as directrices para a revisión do Plano Forestal de Galiza, pasando polo reinvestimento obrigado nos montes veciñais en man común na mellora e protección forestal ou as instrucións para a elaboración dos instrumentos de ordenación dos montes. Mais hai que recoñecerlle unha cuestión nesta imposición forestalista, os dirixentes do Partido Popular van de  fronte, non se cortan un pelo.

As distintas clasificación dos solos que veñen definidas na Lei do Solo de Galiza, teñen que ser trasladadas aos planos de ordenación municipal dos distintos concellos do Pais. Polo tanto, a clasificación dos montes veciñais tamén. Isto quer dicir que aquelas comunidades de montes que queiran levar adiante nos seus montes veciñais outros aproveitamentos que non sexan forestais, van a telo moi complicado. Pódese afirmar, sen risco de caer na esaxeración, que a Lei do Solo de Galiza impide o acadar un monte veciñal multifuncional e sustentabel, que por outra banda, é o futuro que ten o monte veciñal en man común. Ou é multifuncional  ou non será nada.

A Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común (ORGACCMM) plantexoulle aos grupos parlamentares da oposición no Parlamento Galego a presentación dunha achega á Lei do Solo de Galiza, na que se recollese unha nova clasificación do solo rústico denominada “de monte veciñal”, e que nestas terras se permitisen os diversos usos que xa se están levando adiante para acadar ese monte veciñal mulitifuncional e sustentábel. Esta achega chegou ao debate parlamentar, mais evidentemente, o Partido Popular rexeitouna.

No debate da Lei do Solo de Galiza volveu a aflorar a cuestión de se os termos forestal e monte son sinónimos. E de novo volveu a quedar claro que este debate non é semántico. É de fondo e de aproveitamentos. É un debate político e de isto temos exemplos claros. O ano pasado moitas comunidades de montes que teñen no aproveitamento gandeiro o seu uso principal, viron reducidas as súas superficies susceptíbeis de recibir axudas da PAC. Os argumentos esgrimidos para esta redución da superficie foron que no Sixpac estas terras figuran catalogadas como forestal. Non tendo en conta que na nosa nación o aproveitamento gandeiro nos montes veciñais dáse baixo as modalidades de :pasteiros, pasto arbustivo e pasto baixo arbores. Fica claro que o debate forestal versus monte non é un debate semántico. É un debate de supervivencia, de medio de vida. Estamos a falar de comunidades de montes onde a veciñanza vive do aproveitamento gandeiro e este, para que sexa viábel, precisa superficie.

O Partido Popular non pretende só que a único uso dos montes veciñais sexa o forestal. Tamén pretende que os montes veciñais desaparezan. Só así pode entenderse que a Consellaría do Medio Rural, nos Estatutos polos que se teñen que rexer os Grupos de Desenvolvemento Rural para levar adiante o Programa de Desenvolvemento Rural 2014/2020, non figure como obrigatorio a presenza das comunidades de montes, cando si figuran como obrigatorio outro tipo de entidades. Co agravante de que, dado a eliminación das cidades e das vilas de poboación importante do territorio a aplicar o Programa de Desenvolvemento Rural, máis do 75% da superficie dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural son territorio de monte veciñal en man común.

Dicía aquel científico do pasado cando o estaban a condenar por afirmar que a terra xiraba o redor do sol “mais a terra móvese”. Do mesmo xeito, a veciñanza comuneira de hoxe dicímoslle ao Partido Popular “mais o monte veciñal existe”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña