19:12 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-05-2016

Manuel María forma parte xa da constelación dos nosos clásicos a pesar de non ter procurado nunca cos seus actos o trunfo luminoso e o recoñecemento vaidoso

Manuel María, alguén co que se podía contar

Valorar (15)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



En caso de necesidade sempre estaba aí. Non medía a oportunidade da súa colaboración para o éxito da súa carreira literaria. Non calculaba a importancia do seu tempo pola cantidade de audiencia que puidera estar a agardalo. Non estudaba a pertinencia dunha amizade pola súa utilidade para abrir portas. E atribuímos todo iso ao seu compromiso militante, si, mais compre lembrar tamén o seu amor  pola palabra, pola poesía, por crer no que facía, polo oficio de escritor, polo milagre da creación artística, pola cultura popular, pola beleza do pequeno, polo gosto de coñecer mundo e, en definitiva, o pracer de vivir unha vida auténtica. E quizais por iso é que Manuel María forma parte xa da constelación dos nosos clásicos a pesar de non ter procurado nunca cos seus actos o trunfo luminoso e o recoñecemento vaidoso.

No noso concello, nalgunha parroquia, tivemos a Manuel María acompañando as reivindicacións populares, no caso de Arca, fronte a unha minicentral. Non só presidía a intervención final da grande manifestación de Nunca Máis na Coruña senón que tamén estivo cos veciños da parroquia de Merza contra a rede de alta tensión. Axudounos aos máis novos a dinamización da nosa cultura en todas as súas dimensións, estivo cos de Galiza Nova sempre que o chamaron e coas asociacións culturais, centros de ensino e colectivos teatrais, musicais, etc... que demandaban a súa axuda. E iso claro que é militancia, mais é moito máis.

Tense criticado este frenético activismo. Tense acusado certo desvío cara a cantidade en detrimento da calidade da súa obra. Mesmo o explicito dalgunha das súas mensaxes tense argüído en contra da súa excelencia estética ao, segundo eles, sofrer de panfletismo. O que non se decatan os que enxergan o eterno debate entre “arte pola arte” e “compromiso” é que hai casos onde felizmente isto non supón ningún antagonismo. A xenialidade creadora non sei si é un atributo xenético ou produto dunha formación axeitada, mais o que é seguro é que cando o atopamos somos quen de identificar a un artista auténtico. “Arte pola arte”. Por suposto. E a non subordinación a intereses alleos é quizais o xeito máis lóxico de rematar poñendo a súa produción artística ao servizo das causas populares. Porque a beleza sen prezo ao final acaba por coincidir coa verdade non mercenaria, e isto leva, en definitiva, a que teña razón Uxío Novoneyra cando afirma “INDA a bágoa máis pura máis sin direución acusa ó poder”. E lembrando a recuperación que Castelao facía da fórmula escolástica de Ben, Verdade e Beleza, tamén temos que recoñecer que nestes casos atopamos cunha certa fermosura moral.

Así pois, que Manuel María, quen ademais nos serve de exemplo vital, non se despache coa conmemoración das letras galegas como se con iso se esgotase toda a enerxía e intelixencia que nos ten que transmitir. Logo do 17 debemos volver a súa obra, a súa vida, ao seu pensamento, e continuar o seu labor. Despois da celebración deste ano que ninguén pense que xa está todo dito e que xa se pode dar por arquivada a súa produción. De todas e todos nós depende que aquel co que o país sempre puido contar, non caiamos no erro de esquecer cando máis o precisamos.   Aínda podemos e debemos seguir a contar con el.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña