05:47 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-05-2016

Os nacionalistas galegos temos unha nova oportunidade para, renegando das bochornosas manobras de negociar coalicións preelectorais e mesmo de renunciar ás siglas, tentar recuperar a nosa voz, a voz da nosa Terra, en Madrid

A confección das listas electorais é clave.

Valorar (24)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Envío este artigo, talvez obsoleto nalgún punto por levar uns días en Baden-Württemberg, Land no que se vén de chegar a un acordo de goberno perfectamente natural entre CDU e Grüne (Verdes), ambos os dous evidentemente de dereitas.

A impericia duns, a mediocridade doutros, o ínfimo nivel político e, aparentemente, intelectual de moitos máis aos que as urnas de Nadal transformaron en efémeras señorías lévannos a ter que repetir eleccións ao parlamento español. Xa que non hai mal que por ben non veña, como disque comentou Franco cando a morte de Carrero Blanco, os nacionalistas galegos temos unha nova oportunidade para, renegando das bochornosas manobras de negociar coalicións preelectorais e mesmo de renunciar ás siglas, tentar recuperar a nosa voz, a voz da nosa Terra, en Madrid.

Aínda estes días estamos a sufrir que algúns, por suposto con cargos, continúen a tentar minar os alicerces do BNG, lembrando aquilo de “ela está que voume e voume, e de marchar nunca acaba”. Xa correu auga baixo a Ponte do Burgo desde que en Nadal de 2011 escribín neste xornal un artigo titulado A casa do BNG anda revolta, no que defendía a expulsión de todos os díscolos, pois, dicía: “Aquí non vale recorrer ao disimulo da magnanimidade do poderoso, porque ninguén ignora que o momento é de nidia debilidade, e o débil precisa combater os axentes patóxenos con decisión e prácticas agresivas”. Catro meses despois insistín, tamén en Terra e Tempo, na sangría que xa se estaba a producir e fixen referencia aos que tiñan intención de liscar, mais, como ocupaban un carguiño, consideraban mellor agardar, porque “fóra vai moito frío”. Por si en Amio non quedara suficientemente claro, coido que, despois da última asemblea na Coruña, ninguén debería adiar a súa defección coa esperanza de que as súas teses soborden as da actual maioría. O PP ten que asumir que cada día se vai erguer cun novo caso de corrupción, pero o BNG non debe seguir desangrándose cada pouco, previa publicidade –pola que os medios galegos devecen- encamiñada á recolocación no mercado, e por iso, unha vez máis, insisto na conveniente purga dos últimos e, afortunadamente, xa escasos encordios. Non entendo máis funcionamento dos partidos políticos -o PP e Podemos tampouco o conciben- que o leninista.

Labor e mérito dun partido é conseguir que todos os que o conforman, desde o presidente ou secretario xeral ata o derradeiro afiliado do máis afastado recuncho do territorio se sintan intensamente involucrados na marcha e no triunfo do mesmo. A executiva, os cargos orgánicos ou institucionais, así como os “covachuelistas” (actuais asesores, burócratas puros necesarios en todos os partidos, así chamados porque traballaban nas “covachas”, nos sotos do Palacio Real de Madrid)  nunca recoñecerán e mesmo se verán na obriga de criticar o que vou escribir agora, mais é notorio que as cousas funcionan así. Os seareiros dun equipo de fútbol celebran os seus triunfos cunha paixón que, aos que non sentimos nada polos deportes de masas, nos resulta inconcibible. Gastan os cartiños, discuten, chegan ás mans, botan foguetes, arman escándalos coas bucinas dos coches e, no fondo, pensan que son parte do club. Un vello mariñeiro, pai duns meus amigos, repetía moitos domingos á noite: “este cabrón de seltiña que tal nos dá disghustos”, frase que encerra moi encontrados sentimentos. El pensaba realmente que formaba parte dunha grande familia celeste. Sen recorrer ao “panem et circenses” de Roma, non entendo as paixóns de cidadáns anónimos por defender os intereses  dun Cristiano ou dun Messi. A Igrexa leva moitos séculos tentando convencernos de que todos formamos parte dela. Non serei eu quen o negue, mais tamén non esquezo que uns son curia, gobernan e viven moi ben á conta de Deus e outros non pasan de acólitos, de grei que se utiliza e se fai calar e obedecer, porque “doutores ten a Santa Nai Igrexa”. Cando eu era un rapaz, había no Porto do Son un concelleiro chamado Romualdo. Cada vez que o alcalde e os seus máis próximos –por suposto do Movemento, Falanxe e demais- precisaban da súa sinatura para pechar algún negocio lucrativo, levábano a unha taberna e, poñéndolle o documento diante, enchíano de alcohol e insistíanlle unha e outra vez: “firma, Romualdo”. Aínda hoxe, na miña vila, dicimos dun político ignorante, pero necesario, que é un “firmarromualdo”.  A política está chea de “firmarromualdos”, hoxe “apretabotóns”, palmeiros, gardas pretorianos, sorrisos paspáns, gargalladas mercenarias... Todos son necesarios para a boa marcha do partido.

Dicía Rousseau que “O home nace espido, analfabeto e solteiro”. A sociedade fai o resto, por aquilo de que o que non é natura e cultura. Deducimos do apotegma do filósofo francés que os galegos non nacen sendo do Partido Popular. Por que este partido, en tantas cousas tan alleo aos intereses de Galicia, logrou incrustarse no seu tecido social cunha trama que o leva a dominar o panorama electoral comicio tras comicio? Aceptando que as causas son múltiples e mesmo que non só se xoga cos propios méritos, senón tamén cos deméritos alleos, eu, tal vez por formación -ou deformación- profesional, pouso os ollos na Historia. Nin o lugar nin o espazo permiten desenvolver isto, mais non estaría de máis deterse nunha análise comparativa da historia dos distintos territorios peninsulares para comprender diferenzas actuais, por exemplo entre o caso catalán e o galego. Poño uns exemplos. Nos libros de texto de bacharelato fálase de que unha das causas da desgaleguización foi o feito de pasar os mosteiros bieitos a depender da Congregación de Valladolid. Certo, e agora, abades, priores e demais virán de Castela e a nosa lingua seguirá a sufrir. O que non din os textos escolares é que os mosteiros cataláns nunca soportaron esa situación e tanto na “Guerra dels Segadors” de 1640, como na de 1700 contra Felipe V, reclamaron do papado que os desvinculase de Castela. Entrementres, en Galicia, como moito, temos as queixas de Sarmiento, ao tempo que as monxas ricas de San Paio de Santiago seguían moi a gusto gozando de cociña privada e criadas ao seu servizo e despreocupándose das linguas. A historia agrícola desembocou nunha propiedade da terra distribuída nun minifundio suficiente para amarrar as xentes como servos da gleba, mais incapaz de manter as familias. A propiedade de dornas e xeiteiras fixo outro tanto no mundo mariñeiro.

Unha guerra cruel seguida dunha ditadura sanguenta, corrupta e castradora eliminou e silenciou toda contestación, mentres os vencedores ocupaban todos os postos do organigrama gobernativo. En todos os chanzos de poder hai camisas azuis e chaquetas brancas. A nosa xente, maioritariamente labrega e mariñeira dependía para todo tipo de papeis da FE y de las JONS instalada nas Irmandades de Labradores e Pósitos ou Confrarías de Pescadores. E así corenta anos. De neno escoitei que no “Muelle do Marqués” de Noia estaban dúas mozas lavando caixas de peixe. Pasou por alí unha señorita da vila con tacóns e unha das rapazas dixo: “Mira para aí, xa bo é que hai un ceo e...”. “E nada, cortoulle a outra. Alá ela seguirá andando con tacóns e nós lavando caixas de peixe que é o que sabemos facer”. Na primeira aflora o “opio do pobo” do que falaba don Carlos Marx, mentres na segunda se constata a resignación, o fatalismo, a mansedume do boi, o “mentres o pao sobe e baixa, descansa o lombo”. Dáse por feito que as clases e os roles están perfectamente establecidos e, conseguintemente, teñen que gobernar os de sempre. Por iso, en canto morre Franco, todos se apuntan masivamente á democracia e, como son os que saben andar entre papeis, continúan nos seus postos e, se estes se amortizan, caso do “Frente de Juventudes” son enchufados nas Delegacións, aínda ignorando todo sobre a nova ocupación. Podo dar boa fe disto de cando fun encargado polo Ministerio das escavacións de urxencia da provincia de Pontevedra entre o 78 e o 80. O xefe deles, Adolfo Suárez, fai a UCD e todos se incorporan en masa. Logo pasarán á AP de Fraga e rematarán no PP e aí seguirán, pois mentres hai tallada para repartir non se desfán as manadas.

Naquela altura, o nacionalismo galego non resultaba atractivo. Salvando as distancias, era para o pobo, algo así como os froitos actuais do 15M. Rapaces novos facendo partido e sindicato, cando a sociedade galega non estaba preparada para aceptalos, quedando cos de sempre, cos que ocuparon e seguían a ocupar os postos administrativos en contacto directo con eles. Pódese argüír que en toda España houbo guerra e ditadura e sen embargo en Andalucía, por exemplo, sempre gaña o PSOE e non os francamente franquistas. Certo, mais por iso fixen unhas referencias históricas, pois contra o que moitos pensan, os pobos non os fai a xenética, senón a Historia. Se en Galicia temos unha maioría de propietarios minifundistas, o seu comportamento político ten que ser moi distinto do da grande maioría de xornaleiros, de braceiros andaluces que viven de facer “peonás” nas terras dos señoritos. Os galegos sempre tiveron que relacionarse coa administración, os do Sur só cos capataces. Como dixo un de Bilbao: “En el Sur se fríe, en Castilla se asa y en el Norte se guisa”. Ata niso nos diferenciamos.

Nos procesos electorais é máis doado rebaixar expectativas que aumentalas. O PP segue a xogar coa vantaxe acumulada, de aí a importancia que ten para nós a escolla dos candidatos. A Boa Vila segue a votar unha e outra vez por Lores, porque están a gusto coas súas obras; mais alguén pode pensar que sería elixido a primeira vez, se non fose un médico do ambulatorio con moi boa sona profesional e humana entre os seus pacientes?


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña