18:53 Mércores, 01 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-05-2010

O problema está en determinar en que idioma se normaliza o galego, se prestixia e se populariza a súa extensión social: en galego, ou en español ou en “bilingüe”

Lingua galega: Evidencias, verdades, mistificacións (e II)

Valorar (19)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


"Cigarróns", disfrace típico do Entroido de Verín


No artigo anterior con este mesmo título, os trasnos mecánicos quixeron que, no canto de "necesidades", figurase o substantivo "verdades", mudanza que, ben mirado, non supuña redundancia a respeito do primeiro, das evidencias, senón confirmación destas, quer dicer, a verdade descritiva ou valorativa que quixermos comunicar nunca deberá sobreporse artificialmente ás evidencias, negalas ou desfiguralas intereseiramente. Elas, as evidencias, serán a materia prima de que derivarmos obrigadamente as necesidades a cobrir nunha política lingüística favorábel ao galego, que é do que estamos a falar.

No final dese artigo, publicado hai agora un mes, facía referencia a unha ampla entrevista, publicada no xornal El País, cos profesores Mauro Fernández (UDC) e Henrique Monteagudo (USC), entrevista que é un auténtico modelo de adaptación á autoridade reinante e de nadar entre dúas augas, na procura dun "centro" que, de por parte, é moi oportuno para se situar equidistante dos "extremos" perniciosos. Nun cabo estaría o negacionismo tipo Galicia Bilingüe e no outro os "radicais" nacionalistas. No medio e medio a seráfica bondade dos "moderados" e "ponderados" técnicos a quen non agradan totalmente, por exemplo, as previsións do anunciado novo decreto para o ensino, mais que, moi "sensatamente", avisan sobre os erros do nacionalismo e sobre as feblezas da sociedade galega, tan pouco enérxica á hora de reivindicar o idioma de seu. A tradución político-partidaria é transparente, a por de descarada: non valen nen PP nen BNG, senón esa "banda ancha" do PSOE-psoeísmo, con rama-modalidade máis españolista e pactista (aquí como na política española) co PP, se se der o caso, e rama-modalidade máis "galeguista", que non porá obstáculos a coincidir nominalmente co nacionalismo cando se tratar de denunciar a falta de "consenso" sobre a lingua, de cuxa ruptura se culpa ao partido ocupante no presente do goberno na Xunta de Galiza.

A partir de aquí, cómpre casar todas as pezas e as que non se dan encaixado botalas polo río abaixo, isto é, desfiguralas convenientemente para facer críbel o argumento. Vaiamos con algunha delas:

1º. Primeira falsía. A dicotomía non se produce entre realidades nominais, decretais, diferentes, porque a normativa actual para o ensino, como nengunha das que a precedeu, se cumpriu. Prodúcese entre unha tentativa de fixar no papel legal medidas emanadas dun Plano de Normalización aprobado por unanimidade (2004) e a destrución ilegal desas medidas, antes de que se aplicasen de forma xeral e consistente en todos os centros do ensino.

2º. O problema non está en que o nacionalismo galego se deba "descabalgar" do monolingüísmo que tería nado miticamente nos iniciais anos setenta do pasado século e que, agora, sería un atavismo ou unha rotina reiterativa. O problema está en determinar en que idioma se normaliza o galego, se prestixia e se populariza a súa extensión social: en galego, ou en español ou en "bilingüe". ¿En que cabeza cabe que para elevar a condición do galego, como lingua, do par existente na Galiza, que o precisa, se bote man da arma (bilingüísmo) utilizada contra o proprio galego? ¿Cando, en que ocasións, con que  frecuencia, os "bilingüístas" utilizaron ese seu "bilingüísmo" para defenderen o galego, reclamaren que o sufixo "bi-" se cumprise a favor do galego ou denunciaren a clamorosa EXCLUSIÓN social e pública do galego en tantos e tantos lugares e funcións, exclusión que arruína calquer pretensión de igualitarismo dual?

3º. Cando se fala de resistencias e / ou inercias sociais, negativas para co galego, é perverso omitir que elas, con toda a carga correspondente de preconceitos, xenoestima, idolatría do español, temores reverenciais a "perder" (!) o español e cantas máis excrecencias do autoodio quixermos citar, non son unha planta ventureira ou unha propriedade psicosocial dos xens galegos, senón unha consecuencia, ben lamentábel, da doma a que se nos submeteu. Consecuencia, non causa, como se quer facer crer, confundindo a febre (síntoma) co virus (causa da infección). Todo goberno galego merecente de tal nome, tal e como a cativa lexislación vixente recoñece, debería disporse a que as súas políticas curasen estes prexuízos e axudasen a disolvelos como paso previo a unha efectiva reparación do uso do galego, que xa de seu foi e ha ser lenta, gradual e paulatina, por mor de anos abondos de presión españolizadora e de punición directa do uso do galego.

4º. A utilización por parte de ambos entrevistados de elementos consoladores para ben xustificar a situación actual do galego, ben distraír a atención dos seus problemas resolúbeis chega a extremos cómicos, se o asunto non fose serio dabondo... Infórmasenos de que a "garantía de supervivencia dos dialectos alemánicos de Suíza foi o valor doméstico", como se tal non existise a todopoderosa lingua alemá ao lado e por riba da Confederación Helvética ou como se nesta, demograficamente, o alemán non fose a lingua amplamente maioritaria, moi por riba do francés, do italiano ou do minúsculo romanche, omitindo, claro está, a pergunta de cómo o galego, sendo "doméstico" ("hiperdoméstico", diriamos) durante anos e anos, décadas e séculos, non deu conseguido sobreviver e prosperar. Dísenos que o "tagalo ten 40 millóns de falantes nativos e 200 como lingua de comunicación, e non pinta nada na ciencia", obviando que esta lingua nativa de Filipinas é claramente lingua B face ao omnipotente inglés e, aínda, o español, e ocultando que se mantén diglosicamente grazas a un altísimo volume de analfabetos. Cítase a definición de diglosia de Ferguson, como dogma inamovíbel, esquecendo que, moito antes, Psichari, Roïdis, Pernot ou Marçais xa a  tiñan definido e aplicado a contextos como o grego ou o árabe ou ignorando olimpicamente como a definición de diglosia estrutural de Rafael Ninyoles é perfeitamente aplicábel ao caso galego (vid. O galego e as leis. Aproximación sociolingüística, dunha servidora, onde  -páxinas 72-92- se recorda a orixe, evolución e aplicabilidade do tal conceito). Desestímase reclamar o galego para a "aeronáutica" ou para ser utilizado en Bruxelas, como se eses fosen os problemas, as necesidades e as reclamacións reais para o galego hoxe, como se o que estivese en xogo non fose, a rentes do chao, que as pequenas e os pequenos de Vigo e os escasos do Courel teñan a mesma oferta educativa con INCLUSIÓN do galego non submetida á eleición dos pais. Na delirante xustificación (feitos consumados) das pretensións do novo decreto, chégase a proclamar que as matemáticas realmente non son decisivas, xa que non crean "unha relación efectiva coa lingua", como si o fan os "contos, televisión, música, a tradición", rompendo así a baralla "bilingüe", ao destinar a porcentaxe de español a nada afectivas asociacións con adustas e foscas materias como a citada (que "maltrato" para o español!) e identificando o galego como máis adecuado para labores "riquiños" como os citados, que, por outro lado, tampouco se garanten nesta lingua nas pretensións do decreto destrutor. Óbviase a vulgar e non vulgar ecuación matemáticas = ciencia = prestixio = futuras carreiras de mellores saídas laborais...

En fin: manipulación e torsión da realidade de groso calibre, todo para negar as evidencias e mistificar as solucións. Mais a realidade é infinitamente máis clara e contundente do que a súa camuflaxe, para ben e para mal, e obstínase en abrirse paso. Os miles e miles de persoas que, máis unha vez, encheron o Obradoiro compostelano, abofé que non o fixeron por capricho ou por rotina, senón por proclamaren ben alto e forte todos os direitos esmagados que cómpre poder exercer en lingua galega. A case douscentos quilómetros de distancia, no Courel, o Presidente da Xunta da Galiza oferecía simultaneamente un "pacto pola lingua", coas seguintes esplendorosas medidas: cooficialidade; o galego, "lingua propia"; medidas para el de "acción positiva" e mais o principio de non discriminación por razón de lingua. Delirante, señores, espectacular!: unha detrás de outra, todas as bases, todos os presupostos en que se funda a lexislación actual: Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, Constitución española, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística... E, agora, tantos anos despois, proponse un "pacto" baseado no que xa está escrito, como letra legal vixente, non derrogada nen anulada, mais, desde logo, non cumprida. Estas si que son as dúas liñas reais do devir lingüístico galego. Real como a vida mesma: axudar a elevar a lingua galega ou a sepultala. Tanto os partidarios de unha e de outra solucións sábeno ben.


[23-05-2010 22:53] Eu comentou:

Efectivamente, e todos eses que desde o centro nos aconsellan non sermos "radicais", non só no tema da lingua senón en tantos outros, seguro que o fan desinteresadamente, pensando no noso ben. Recórdame aos analistas que logo de perdermos o goberno dixeron que unha das causas é que o BNG marcara perfil propio, que se tiña que subordinar máis ao PSOE.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña