13:11 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-05-2016

O bipartidismo non foi superado. Apenas mutou nunha estraña e inestábel entente a catro

Do 20D ao 26X e o statu quo español intacto

Valorar (10)

XABIER PÉREZ IGREXAS



A repetición de eleccións xerais só beneficia ás forzas do statu quo a nivel estatal. Especialmente a un Partido Popular que terá unha inmerecida segunda oportunidade para, modificando lixeiramente a correlación de forzas a nivel parlamentar, optar a un segundo mandato no Goberno español. Catro meses de negociacións, de tirapuxas, de declaracións e de moito teatro. A política reducida a escenificación, como visa a proposta no último minuto dun pretendido Acordo de El Pardo, que nin desde a máis absoluta inxenuidade podería terse materializado.

Durante estes catro meses constatamos como o antigo bipartidismo sistémico, PP e PSOE, teimou en tentar asegurar a súa supervivencia como pezas chaves da política española. O PP de Rajoy, sabedor de que a aritmética do 20D o único escenario que desbotaba era a súa continuidade na Moncloa, optou por deixar que o resto de actores se coceran na súa propia salsa. Abofé non llo puxeron demasiado difícil. O PSOE enfrontou a conformación dun posíbel goberno de cambio marcado pola febleza. A electoral, logo de obter os peores resultados da historia. E a interna, cun secretario xeral condenado á morte política pero que viu na súa posíbel investidura un indulto. Sánchez deu voltas sobre si propio, coma un reo desesperado na cela no corredor da morte. Non sabía a onde quería chegar, a única certeza era que o tempo convertérase no seu oxíxeno. E así, contemporizando e teatralizando chegou unha dobre investidura fallida, logo dun acordo inexplicábel con Cs, que na súa pose centrista o único que quixo gañar todas estas semanas era un oco na primeira plana informativa.

O bipartidismo non foi superado. Apenas mutou nunha estraña e inestábel entente a catro. Un conglomerado no que as liñas vermellas foron máis móbiles que nunca, os vetos escusas, e as idas e voltas no discurso acabaron por facer inperceptíbel a ollos do común cales eran as intencións e propósitos reais. Todo este espectáculo, que servirá como exemplo a estudar do que é en realidade o parlamentarismo nunha democracia formal/burguesa, deixou fóra do escenario a política. O contraste non foi de proxectos políticos, de modelos territoriais ou sociais. Foi apenas unha competición interpartidista, que sería na aplicación parlamentar o que as pugnas interimperialistas son na xeoestratexia capitalista. Hai disputa si, mais en chave de 'quen', non en chave de 'que'.

A conformación dun executivo ficou reducida, pompa a parte, a unha poxa de lonxa. Con gabinetes anunciados en rolda de prensa, renuncias de vicepresidencias que nunca se tiveron e unha retórica de matraca que evidenciaba o diálogo de xordos. Non se escoitou falar nin dos problemas reais da xente, nin das súas solucións concretas. Só se invocaron [os problemas e necesidades sociais] como unha masa amorfa, como ese conxunto de cousas que ían mudar, porque si, de maneira máxica en función de que a Moncloa fose ocupada por tal ou cual, ou se tal ou cual forza tivese o control sobre o CNI e RTVE. Ningunha das 4 forzas en liza formularon ningunha proposta de alcance transformador. O máximo que se ofreceu foi un reformismo de nova cociña.

Se a alguén tranquilizou o decorrido nos últimos catro meses é a oligarquía transnacional española, o grande empresariado e a banca, que saben que con uns ou con outros, a súa dominación vai ficar intacta e a súa conta de resultados poderá continuar a engordar a costa de se apropiar da riqueza xerada polo traballo explotado. O bipartidismo ampliado non supón ningunha ameaza para o statu quo. Ao contrario, é unha nova expresión ao servizo dese statu quo. A UE, o euro e a OTAN ficaron como elementos incuestionados e non por casualidade. As forzas emerxentes deixaron patente que a súa vocación é apenas esa, a de emerxeren, a de existiren, a de desprazaren a uns para se colocaren outras, prostituíndo o concepto de “mudanza” para o reducir a alternancia. Alternancia agora a 3 e medio, en troca de 2. Grande avance.

No que a nós nos atinxe como pobo, a axenda política española demostrouse máis estranxeira que nunca. Galiza ficou fóra dela. Non foi nin tema, nin parte. O país esvaeu do debate político, ao tempo que se desvelaba o espellismo do grupo parlamentar galego. Galiza foi subgrupo, addenda serodia a documentos e un breve acento a tempo parcial no discurso xeral de Podemos. Certo é que niso a formación morada, diferenciouse do resto. Para PSOE, PP, Ciudadanos ou Izquierda Unida, esta recuncho do noroeste peninsular non existiu nunca, nin a efectos aparenciais. Estes poucos meses permitiron a moita xente valorizar a importancia de que o nacionalismo galego contase cunha voz propia, e independente, no Congreso. Botouse moito en falla, pois ficou demostrado que as voces de dúas deputadas, Rosana e Olaia, tiñan sido moito máis efectivas na defensa do país e das clases populares galegas, que o triplo de escanos atinxidos por En Marea. A confluencia verificouse pura e dura dilución, ao servizo dun proxecto político lexítimo, a reforma de España, mais alleo para quen aspiramos a unha Galiza con capacidade de decisión propia.

O panorama rumo ao 26X é máis incerto que nunca. O último estudo do CIS, previo á convocatoria de novos comicios, revelaba que un terzo do electorado no Estado decidira o seu voto durante a campaña electoral anterior, do que un 9% o fixera só 24h antes de ir votar. A volatilidade electoral é máis un síntoma da crise do réxime político español. As prognoses son practicamente imposíbeis. Todo pode pasar, malia que se traslade a idea de que os resultados reproducirán un esquema semellante ao 20D. Imprevisíbel é tamén a participación, xa que non sabemos cal será a resposta social diante do feito, insólito, dunha segunda convocatoria electoral.

Xa que logo, fica un escenario tan complexo como o 20D pero inda máis aberto que este. Un escenario no que o nacionalismo galego conta con algunhas importantes fortalezas. Para alén da xa referida demostración da importancia da súa presenza en Madrid, o BNG acometeu con celeridade a súa redefinición a través dunha Asemblea Nacional da que saíu unha folla de rota clara, apostando en ofrecer unha alternativa propia, nacionalista e de esquerdas, unha nova equipa de dirección e un novo liderado. O BNG púxose a punto e estamos en condicións de disputar espazo político. Só é necesario que actuemos con determinación, con convicción nas nosas propostas e procurando sumar convencendo, explicando, escoitando e contrastando. De ti a ti. Coa xente. Cun discurso claro e directo, que pivote sobre as nosas alternativas, en positivo, certos e certas de que o voto nacionalista vai ser un voto en defensa das clases populares galegas, e tamén un voto a favor dun cambio real no Estado. Ninguén ofrece máis.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal