07:49 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-05-2016

A pregunta que moitos se fan, é porque Marrocos intensifica a súa ofensiva contra o Sahara e non pasa nada?

Marrocos segue saíndose coa súa

Valorar (15)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



A alegría que manifesta a comunidade internacional diante da decisión, adoptada o pasado venres polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas, de aprobar unha resolución que prorroga un ano máis a presenza da MINURSO no Sahara Occidental non deixa de ser unha alegría hipócrita, pois estes cascos azuis despregados no Sahara Occidental seguirán sendo os únicos que non teñen competencias sobre defensa dos dereitos humanos. Ademais a resolución do Consello de Seguridade o único que fai é prolongar un ano máis unha situación enquistada desde 1991 e da que o único que quita beneficio é Marrocos, ao manter a súa ocupación sobre un territorio que non é seu do que explota os seus importantes recursos.

No 1991 coa intercesión das Nacións Unidas asinouse un acordo entre o Sahara e Marrocos, acordo que poñía fin ao enfrontamento armado entre os dous países e establecía 1992 como data para a celebración dun referendo de autodeterminación no cal o pobo saharauí decidiría sobre o seu futuro.

O venres só Venezuela e Uruguai votaron en contra desta resolución, argumentando ambos que nela non había unha condena firme a Marrocos pola vulneración dos dereitos humanos e pola escalada de tensión que provocou nos últimos meses.

Este acordo pon fin a semanas de tensión diplomática despois de que no mes de marzo, nunha visita aos campamentos, o Secretario Xeral de Nacións Unidas Ban Ki-moon cometera o “erro grave” de denominar “ocupación” a presenza de Marrocos no Sahara Occidental; denominación que levou á ditadura marroquí a expulsar ao persoal civil que formaba parte da MINURSO deixando só no Sahara ao continxente militar; unha decisión que pode semellar pouco importante pero que demostra a autoridade e a chulería de Marrocos enfrontándose á ONU e trasladando a imaxe simbólica de que só hai un conflito militar e non unha inaceptábel situación de colonialismo pendente da convocatoria do referendo.

Autoridade e chulería demostradas tamén meses antes con dous feitos que da boa proba da capacidade de Marrocos para que Europa mude decisións que considera lesivas para os seus intereses. No mes de decembro o Tribunal de Xustiza Europeo paralizou un convenio con Marrocos porque os tomates que etiquetaba como de orixe marroquí eran do Sahara pero pouco despois o Consello Europeo recorreu esta decisión por afectar a un socio preferente da UE.

E no pasado mes de xaneiro Suecia deu marcha atrás na súa intención de recoñecer ao Sahara diante das presións da empresa Ikea que vía como esa decisión suporía que Marrocos lle impedise instalarse no seu territorio.

A pregunta que moitos se fan, é porque Marrocos intensifica a súa ofensiva contra o Sahara e non pasa nada?

Pois non hai dúbida de que Marrocos aumenta a súa represión nos territorios ocupados e a súa presión internacional sabedora de que posúe un arma moi efectiva que fai aos gobernos occidentais cumprir os seus desexos; esa arma é ser a porta de entrada de centos de milleiros de desprazados, sexa por razóns económicas ou por fuxir de conflitos armados. Marrocos sabe que se permite que todas estas persoas crucen cara Europa pode producirse unha crise humanitaria e política que agravaría a situación actual.

Hai poucas semanas asistimos estupefactos á decisión da Unión Europea de expulsar aos refuxiados que entran por Grecia asinando un acordo polo que lle pagan a Turquía para que faga de muro de contención, e Marrocos tamén quere cobrar por exercer unha función equivalente.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña