15:05 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-04-2016

Temos ocasión de achegarnos a un libro que nos serve para comprendernos mellor

Galiza, herdo e tarefa

Valorar (18)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Vén de publicarse o ensaio “Galicia, Raíces e compromiso” de Manuel Cabada Castro. Nesta obra o autor trata de atopar aqueles elementos que nos definen como pobo e explicar o noso xeito de ser propio, as súas orixes e o seu sentido. É un libro a contracorrente nun momento onde a ditadura do que Angeles Díez chama o “presente perpetuo” nos impón o desprezo polo pasado e tamén polo futuro, máis no fondo, paradoxalmente, o que representa esta actitude triunfante é un absoluto menosprezo do presente. Un intre provisional, con obsolescencia programada, que simplemente se xulga en función da pertinencia para saír do paso. Mais, ao fin, que é realmente vivir o momento senón o consciente encontro do pasado co futuro?. Mais esta outra concepción de moda entendendeo como desconexión, como paréntese, como desarraigo, polo que ten máis que ver coa evasión e coa alucinación. Non hai un presente no que poidamos vivir que non se apoie sobre un pasado. Novoneyra dicía contundentemente “somos pasado”. Mais o certo é que só abrir a boca para expresar o que sentimos esixe que previamente houbese un idioma no que facelo e unha sociedade que o comparta para entendelo, etc... somos pasado, pero non só pasado individual, e tal como se entende o presente como nu, é tanto como conformarse coa vida vexetativa. E iso non é vida, por isto Manuel María escribía no 1958 no seu chamado:

“Sin metafísica poética digo o meu mensaxe:
vivide.
Sin berros que cheguen as entranas:
vivide. Vivir sempre.
Vivir agora, denantes e despois”.

E que outra cousa quere dicir vivir sempre?, vivir denantes?, vivir despois?. Lembremos a coñecida cita de Goethe:  "O que non sabe levar a contabilidade por espazo de tres mil anos queda como un ignorante na escuridade e só vive ao día”.

Dáme a sensación que o “amor fati” e Nietzsche foron tremendamente mal interpretados. O seu apego a Terra, o seu aprecio polo que hai, a súa teoría do eterno retorno do mesmo, as súas xenealoxías para comprender o sentido da existencia, nada teñen que ver con esa adoración polo novo, polo “sen pasado”, e en definitiva, polo brillo da aparencia, pola luz da estrela fugaz, por non afondar no que hai detrás da imaxe do plasma que nos amosan. Sabemos da mentira que se esconde tras da defensa de todas as creacións ex-nihilo: sabemos que da nada, nada sae. Mais sobre todo, sabemos para que serve esa mentira: non ter que dar explicacións, non ter que xustificarse, non ter que render contas e, sobre todo, non facerse cargo das consecuencias do feito.

Cabada pensou en titular o seu libro “Galicia, herdo e tarefa”. Quizais fose máis axeitado para desmontar os ataques dos antiesencialistas. Pero hai algo máis esencialista que un antiesencialista?. Nesta obra vemos proceso, historia, loita, cambio e debate. O antiesencialista sostense nun baleiro que lle impide calquera destas análises dinámicas, séntese cómodo coa teoría de xogos e para el como nada hai firme sobre o que asentarse tampouco o compromete ningunha lealdade que vaia máis aló da súa conveniencia para o trunfo.
Lendo este texto non imos solucionar definitivamente o enigma co que dar por pechado este tema. Nalgunhas cuestións parece que isto non ten fin. Por exemplo, mais que considerar a saudade esencia do ser galego, un queda coa impresión de que debater sobre a saudade é a esencia dos que estudan o ser dos galegos. Agora ben, se partimos da fobia as esencias e de que non existe o ser dos galegos e galegas xa cancelamos calquera debate, suprimimos calquera investigación e repregámonos no desinterese sobre o que Galiza é. En resume esa é a estratexia dos que pretenden persuadir a xente de que non busquen mais alá do dado. Foi Cabada quen de atopar este substrato que nos define?. En ningún parágrafo atopamos esta afirmación definitiva por moito que se molle en soster teses arriscadas a este respecto. Con todo, o que si atopamos é camiño, pegadas, pistas de cara achegármonos máis a ese obxectivo de coñecérmonos, ou cando menos argumentos a favor da existencia dun ser diferenciado que nos é propio como é os exemplos que nos pon polos esforzos foráneos por destruílo. 

O certo, como ten confesado, é que este libro, como todos os seus, son un intento por aclararse o propio autor, e nese sentido teríamos que falar de que trata de descubrir a súa propia esencia. Agora ben, ao comprobar que esta transcende ao seu ser particular e se eleva cara esculcar no propio ser colectivo en referencia ao que un se constitúe, decátase de que lonxe de ser Galiza unha lousa que nos esmaga e fronte á que só cabe disolverse é precisamente no xeito de xestionar conscientemente a nosa maneira de prescindir do país, de negalo, de renegalo, de ocultalo ou asumilo en que nos conformamos a nosa propia identidade como persoa.

Estamos quizais diante dun dos escasos intelectuais lúcidos e honestos que a este país lle quedan. Quizais o seu afastamento dos cenáculos oficiais, cunha traxectoria académica labrada fóra do país, lle fagan inmune a moitos dos males que erradicaron a este colectivo da nosa terra en particular pero de xeito xeral en todo o mundo, males entre os que a “cultura do selfie” acabou por significar en moitos casos o seu derradeiro tiro de graza. Os intelectuais, como grupo social, tocoulles no seu momento ter que substituír ou compensar as carencias que padecía o noso pobo como consecuencia da súa colonización, dominación, explotación ou como se lle queira chamar, que o facía inconsciente de quen era, sen confianza nas súas capacidades e fragmentado na súa identidade. Claro que isto tivo ou alto prezo que ninguén lles reembolsou a eles individualmente, nin se viron recoñecidos e recompensados sequera como colectivo. Escribir para un pobo que non lles le?, sacrificarse por un pobo que non llelo agradece?, etc... isto pasou pola cabeza de moitos cando acordaron progresivamente desertar de Galiza, poñer a súa pluma ao servizo das súas carreiras profesionais, dos intereses imperantes ou daqueles que lle deran “cancha” para darse a ver. Non se decataban de con iso demitían da súa condición de intelectuais xa que por enriba do “servizo público”, desde que Sócrates mallou nos sofistas, sabemos que os define sobre todo a paixón insubornábel pola verdade. O compromiso, a acción, a militancia -coa que durante un tempo se asociaron- sería a consecuencia desa paixón: unha vez que un sabe o que sabe non pode quedar cos brazos cruzados. E o problema non é que se descalificaran como intelectuais pola falla de "engage" coa sociedade, senón polo desinterese por saber. Ao se proclamar que a verdade non existe entón xa non ten sentido buscala. Iso explica que moitos se limitamen a defender aquelas teses mellor remuneradas. E quizais esa é a esencia do antiesencialismo imperante. 

Mais nos textos de Cabada palpamos paixón pola verdade. Latexa unha busca por entender o que vai alén do conxuntural. Non quere dicir isto que non haxa intereses alleos que guíen esta pescuda. Compre lembrar que verdades hai moitas, e o apetito de verdade pode saciarse en calquera outro lado, e Manuel Cabada ten unha obra filosófica ampla nas que demostrou a súa competencia para adicarse a calquera outra cuestión. Claro que alén do amor a verdade hai un amor por Galiza que o leva a ocuparse por todo o que lle é propio ao noso país. Mais hai unha ausencia de preconceitos e ataduras nas súas investigacións que -independentemente de que estiveramos de acordo ou non coas súas conclusións- temos que recoñecer a non subordinación dos seus resultados a conveniencia da satisfacción buscada de algún auditorio determinado.

Hai unha figura moi presente neste libro e que polas análises que mesmo puideran semellar psicolóxicas parece unha especie de persoeiro co que se sinte identificado o autor. Falamos do inmenso Sarmiento. Despachado a miúdo como ilustrado non se aprecia abondo o que o distingue deste as veces "despótico" movemento intelectual. Sarmiento, como Cabada, non se achega ao seu pobo de xeito paternalista e con intención de “iluminalo” senón co interese de coñecemelo co fin de iluminarse a si mesmo. Isto non quer dicir que se renuncie a cambiar aos outros, a transformar o mundo, a limitarse a ser un mero espectador. Ao contrario. Así, por exemplo, esa preocupación por saber máis de si e do propio país que o levou a tomar conciencia do que se perde coa desaparición do galego é o que leva a este escritor a saír na prensa (mesmo nas cartas ao director) ou en calquera ámbito na defensa da lingua mais, sobre todo, a negarse a volver falar en español nunca máis na súa vida cotiá ao volver a Terra, logo de máis de 40 anos fóra, o que xa apreciou que repercutía postiviamente nos demais. Aínda que só fora por predicar co exemplo.

En definitiva, temos ocasión de achegarnos a un libro que nos serve para comprendernos mellor. Pode que haxa quen diga que nas zonas urbanas do noso país xa non existe galeguidade algunha, que xa morreu iso que neste libro se nos amosa como o noso ser eterno. Pois ben, mesmo así, este estudo serve para que tomar conciencia do que carecemos. Da necesidade de resucitar a inmortalidade. En calquera caso, ao fin, a través desta busca da nosa esencia pode que descubramos que esta consiste precisamente no noso peculiar xeito de procurala, teima que nos define como humanos e que supón unha actitude que serve para responsabilizarnos do noso propio ser reflectido nas nosas accións.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña