09:17 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2016

O que resulta escandaloso é que unha administración pública obrigue á asinatura dunhas condicións de cesión de dereitos absolutamente leoninas

Os contratos da Xunta

Valorar (32)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Decateime estes días do que levo repetido, en fala audíbel ou para min mesma, a frase: “Nos días da miña vida…” e decontado me apoño a etiqueta de inxenua, pois mesmamente están os tempos como para non sentir asombro. O que vou referir agora pertence ao ámbito da Administración galega, a que pagamos todas e todos os galegos en idade de mercer fiscal e cuxas accións ou omisións nos afectan a todos. Acabo de receber un contrato da Xunta, en concreto da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde se especifican as condicións da cesión de dereitos para a publicación dun artigo pedido que publicará un centro dependente desta consellaría. Por cariño e recoñecemento para o autor obxecto do artigo  -Manuel María-  e por amizade con quen mo solicitou, compuxen o traballo o mellor que souben e puiden, para alén de lles solicitar un texto semellante a outros compañeiros-as, como así me foi rogado.

Nas catro páxinas de que consta o tal contrato, a cláusula máis clara é a que indica: “O editor non pagará á autora ningún tipo de honorarios pola elaboración do texto”. Todo ben. Levamos anos e anos traballando non gratis senón pagando (en tempo, dedicación e diñeiro), por causas e cousas que voluntariamente aceitamos e ás que contribuímos. Esta non é a cuestión. O que resulta escandaloso é que unha administración pública obrigue á asinatura dunhas condicións de cesión de dereitos absolutamente leoninas: dereito de explotación no soporte orixinal e mais en caisquer outros formatos alternativos (“electrónicos, folletos, carteis ou semellantes”), entendendo por tais: dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública, transformación; cesión referida “tanto ao territorio español como ao estranxeiro en calquera soporte de edición”; “A autora faise responsable fronte ao editor de todas as cargas pecuniarias que poidan derivarse para o editor, a favor de terceiros con motivo de accións, reclamacións ou de conflitos derivados do incumprimento destas obrigas por parte do autor”. Todo isto por dez anos e declarándose imprescindíbel esta rendición de VASALAXE para que a revista poda aparecer.

Ocórreseme que falta unha cláusula complementar que rezaría así: “A asinante [ou o asinante, claro está] deste contrato de cesión de dereitos comprométese a varrer a sede do centro todos os primeiros fins de semana de cada mes, así como a servir cafés ou outras bebidas aos altos cargos da Consellaría de Educación na segunda semana de todos os meses laborábeis, en horario a determinar por aqueles”.

Este é o trato que se nos dispensa aos NATIVOS. Tal fachenda, tal desprezo absoluto do traballo de cabezas e mans galegas ¿é acaso síntoma dun comportamento xeneralizábel para con todos, dun DESPOTISMO ILETRADO que se practica con tutti quanti? En absoluto. Polas mesmas datas, enteirámonos da colaboración de mil amores que a mesma Consellaría vai ter coa Deputación de Guadalajara, para honrar a memoria de Camilo José Cela, autor de Viaje a la Alcarria, que, ao que se ve, tamén temos de pagar desde aquí (os galegos viñemos a este mundo para pagar eternamente o medro e a gloria dos españois). Isto, despois do escándalo que supuxo asumir como pública, por parte da Xunta,  a fundación do nome do escritor, implicada en millenta irregularidades e desvíos, como denunciamos hai ben anos e agora se dirimen en sede xudicial.

¿E que dicer doutros contratos? ¿Cal o comportamento político da Xunta a respeito dos contratos-lixo que deben asinar as gandeiras e os gandeiros para cobraren por litro de leite menos do que custa producilo? ¿E que acontece cos miríficos contratos de Pemex que ían resolver de por vida a idem da construción naval galega? ¿E que me din dos contratos-decretos asinados coa Unión Europea no atinente á pesca? ¿E coas eléctricas? ¿E o sector eólico? ¿E a compra de libros editados na Galiza para bibliotecas e centros escolares? E tantos máis…

No encontro recente co ministro español de Facenda, todos os representantes das comunidades autónomas portaron unha carteira ben chea de reclamacións-decisións. Todos? Non, abofellas… O representante galego, ben guiadiño e obediente, pon sobre a mesa o cumprimento do deficit por parte galega e, por isto, como neno-alumno cumpridor, pede un premio [sic], unha recompensa, por tan bon proceder, por ter sido tan leal e responsábel (¡!). Ás veces, de certo, chegamos a pensar que temos a submisión, o entreguismo máis colonizado e máis parvo metido nos xens, como se non houbese antídoto para aquela mortal inxección historicamente inoculada. Como cando, durante décadas e décadas (séculos), os rexedores galegos suplicaron e pedicharon reiteradamente o resgate do voto en Cortes, humillantemente exercido por Zamora, e cando o conseguiron, pagando centos de miles de maravedís, xa non valeu para nada, pois á monarquía absolut(ist)a  maldita a falta que lle facía consulta nengunha a nengún órgao ou asemblea lexislativa fóra dela mesma.

Eis o contrato que temos asinado, velis nolis, con esta Xunta, tan eficaz e premente cos nativos, tan reverencial e obediente cos poderes españois, Estado incluído. ¿Animarémonos a rachar, dunha vez por todas, tan ignominioso contrato?


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña