15:45 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-04-2016

O amor a Portugal non nos cega o entendemento

Moitos séculos de afastamento entre Galicia e Portugal

Valorar (20)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Leva tempo a política do país empantanada no medio do que os xeógrafos chaman calmas ecuatoriais, doldrums ou pot-au-noir e os nosos mariñeiros, moi atinadamente, calma podre. Este adxectivo faime lembrar os espléndidos, abafantes e angustiosos relatos de  Joseph Conrad, onde, un día tras doutro, homes trastornados pola febre ollan o pano morto e abatido e deliran envoltos nun ar sufocante saturado de auga, mentres devecen por un vento que os saque daqueles mares infectos. A esta situación de estancamento político interno sumei o feito de corresponder este meu artigo mensual ao mes de abril, no que un ano máis celebraremos a Revolução dos Cravos, polo que decidín escribir, lembrando a Chico Buarque, sobre a “metade afastada de nós”.

O transvase dun meu artigo entre dúas revistas da Universidade do Porto permitiume engadir esta semana varias ilustracións ao texto hai xa meses enviado. O título do artigo tomeino daquela viñeta de Castelao, na que un cativo pregunta a un vello se os da outra banda do Miño, que teñen de diante, son máis estranxeiros cos de Madrid. Desenrolei o tema dando unhas pinceladas sobre os inicios da creba do Reino de Galicia e o que isto supuxo para os habitantes da flutuante fronteira. Unhas xentes que convivían, que acudían ás mesmas feiras, festas e romarías, que tiñan leiras limítrofes, que discutían, pelexaban, namoraban e casaban, agora disque teñen que seren inimigos. Para que non houbese dúbidas, unha larga franxa principia a se inzar de torres e muros defensivos que mudan de man ao ritmo dos avances e retrocesos das mesnadas que soben e baixan ao longo do Támega, do Limia e atravesan o Miño e mesmo o Lérez para se apoderar do castelo de Cedofeita. Aínda que o ADN segue a ser o mesmo, que son máis os períodos de paz que os de loita e que a convivencia perdura necesariamente, aqueles veciños son conscientes de que, en algures, alguén ten interese en que se consideren inimigos.

Calmadas as augas iniciais, o progresivo afastamento político non é quen de pechar as portas ás relacións persoais, ao contrabando e aos contactos entre as xentes de mar e as comunidades piscatorias. No século XVI, fixeron morada en Viana do Castelo moitos pescadores chegados de Galicia e, aínda nos inicios do século XX, nas súas rúas Loureiro e Santa Catarina, a lingua de uso era o galego, xentilicio que figura repetidamente na documentación. A longa guerra que os portugueses chaman da Restauração (1640-1668) tivo durísima repercusión ao longo da fronteira, mais, aínda así, vemos como a cámara municipal do Porto mandou que se dese unha esmola aos prisioneiros galegos que penaban nun barco fondeado no Douro, do mesmo xeito que, anos antes, cando unha grande fame castigaba a nosa terra, enviaron a Pontevedra un cargamento de pan “por serem tão vizinhos do Porto”.

Un alemán, Link, percorreu Portugal nos anos finais do s. XVIII e, despois dunha longa estadía en Lisboa, ao chegar ao Porto, chocáronlle os “diminutivos ridículos” que nesta cidade se empregaban, exemplificando con “adeusinho”. El non o sabía, mais é evidente que isto era un sinal de galeguidade, mentres que de Coimbra para sur pertencían, como hai moitos anos me facía notar un sentido amigo miñoto, á “mourindade”. Por aquelas datas, moitos miles de galegos se desprazaban a Portugal, o mesmo que a Castela e ata Andalucía, para traballar nos oficios que os nativos menosprezaban. Alén Miño ergueron postes de viña, vendimaron e, xa en Lisboa, traballaron como carrexadores de auga e cruzando xente ao lombo, cando nas rúas había enxurradas, ou transportando, igualmente ás costas, enfermos aos hospitais, mais tamén portando correos amorosos. Non admira que, se os casteláns menosprezaban os nosos segadores, os lisboetas chegasen a dicir que “Duzentos galegos não fazem un homem, não sendo para comer”. Os oficios que desempeñabamos creábannos moi mala imaxe, imaxe que, en moita xente, aínda perdura; cousa distinta sería se abondasen paisanos como Cordo Boullosa, nado en Lisboa de pais galegos e criado en Caritel (Ponte Caldelas) desde que tiña un ano ata os 15, en que regresou a Portugal, foi fundador de Galp e chegou a ser o quinto home máis rico do mundo. Eses son fabas contadas.

Rematei aquel artigo falando das relacións culturais entre Galicia e Portugal desde Federico Maciñeira ou Emilia Pardo Bazán con Leite de Vasconcelos ou Teófilo Braga, respectivamente, seguindo polos homes das Irmandades, de Nós e do Seminario de Estudos Galegos ata hoxe, cando son marcadamente asimétricas. Desde Soeiro a Medeiros, os estudosos que se interesan por estas relacións coinciden en sinalar unha moito maior predisposición pola banda Galega que pola portuguesa. Xa Mendes Correa, na inauguración da Semana Galega no Porto (1935), dixera que Galicia era unha descoñecida en Portugal e que o río do Esquecemento xa non era o Limia, senón o Miño, frase que retoma o escritor e periodista portugués Viale Moutinho para engadir que o problema do afastamento vén máis pola banda portuguesa, o que el apón a que o intelectual portugués ten moita máis fachenda que o galego “e mira máis para Madrid e para o propio embigo”.

A nova revista que acollerá o meu artigo permite ilustracións, o que me levou a facer estes días dous desprazamentos para fotografar monumentos axeitados ao tema. Un deles por Valença, Viana, Guimarães e Monção; o outro ata Calvos de Randín, Tourém, terras do Couto Mixto e baixada ás do Barroso ata Chaves, onde lembrei as campañas do mariscal Soult, en 1809, editadas por Paulo Nogueira, e nas que lemos que nada máis entrar en Portugal, por Chaves, vese que son dous reinos moi distintos en canto a que nas casas de campo e mesmo “nas chozas atopamos incluso louza inglesa, cuncas de porcelana de Xapón e té verde. Nas vivendas dos máis ricos había un gran luxo en porcelanas, mobles de caoba, de ébano e das máis belas madeiras do Brasil, e sobre todo, o que vimos moi pouco nas casas dos españois, bibliotecas cos mellores libros franceses”. Nesta Raia Seca da provincia de Ourense, xa sairamos perdendo na comparanza, cando, en 1801, o devandito Link, en chegando a Portela de Home, escribiu que a vista cara a “Espanha” non é tan fermosa como a do Minho, e que os vales máis abertos e amplos están peor cultivados, apreciacións que comparto, mais engade: “No entanto não se acredita que se está noutro Reino, ouve-se ainda a lingua portuguesa, vêem-se os costumes e modos de vida portugueses”. Eu diría comúns.

Contra o que teño escoitado moitas veces, confundindo as circunstancias persoais coa realidade práctica, podo asegurar que os meus colegas máis relacionados con Portugal e máis eu (as miñas relacións van xa en 40 anos de traballos, brincadeiras e enterros nas dúas bandas do Miño) partillamos o dito polos citados intelectuais portugueses e mesmo por Soult e Link. O amor a Portugal non nos cega o entendemento.

Un ano máis, o 25 deste mes, celebraremos a Revolução dos Cravos e cantaremos o Grândola que botou as tropas á rúa, soando nos receptores permanentemente sintonizados en Rádio Clube Português. Foi fermosa aquela revolución con caraveis nas espingardas, mais xa Blanco White deixou dito que, tralo Motín de Aranjuez (1808), mulleres con cántaros de viño sacaron as tropas dos cuarteis madrileños á rúa, facendo “una extraña procesión, en la que los soldados, mezclados con el pueblo, llevaban en sus fusiles los ramos de palma benditos que se colocan en las ventanas como protección contra el rayo”. Seguro que os portugueses de 1974 ignoraban isto, mais nihil novum sub sole.

P.S.: Un meu bo amigo, tamén desde hai catro décadas, recriminoume o, segundo el, pouco nivel científico do artigo de marzo neste xornal. Ás veces cómpre lembrar e repetir o que, xa en 1896, diante dunhas críticas similares, escribira Unamuno, daquela socialista, sobre os seus artigos en La Lucha de Clases: “Nuestras columnas no son una cátedra, no podemos ni debemos darnos tono doctoral en ellas; proponemos, sí, abrir el apetito de los lectores que puedan disponer de medios de estudio. Nuestros artículos tienden a ser aperitivos, no alimenticios”. Subscribo.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[12-04-2016 21:04] xose ramon comentou:

Por que nos esqyecemos sempre de Pedo Oom, poeta portugués que morreu de éxito, celebrando a vitoria da Revoluçao dos Cravos. Omm foi o creador do movemento abxecionist. Non se conserva o manifesto fundacional do movemento, pero recordo unha das súas frases cun sentido total de insubmisión: "... que pode facer un home desesperado cando o aire é un vómito?"

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña