02:51 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-04-2016

O país veciño é un refacho de aire puro para as persoas que soñamos con vivir as vinte e catro horas do día en galego

Portugal sempre

Valorar (24)

MARICA CAMPO



Aquel “sempre nos quedará París”, da película Casablanca, aclimatouse aquí, en Galiza, trocada a capital francesa  pola nación lusa: “sempre nos quedará Portugal”. Sei que non conto nada novo, mais convenme recordalo porque as miñas liñas de hoxe abondarán nese pensamento.

Hai apenas quince días, participei en Coimbra no III Congreso de CLASTEA, programa que une diversas universidades do mundo (Granada, Santiago, Coimbra, Mar del Plata, Rosario e Clermont –Ferrand entre outras) arredor do teatro clásico greco-latino.

Non son profesora universitaria nin especialista na materia que centraba o encontro; porén, asistín ao congreso porque tiven a honra de ser convidada pola organización para recitar poemas da miña autoría no incomparábel marco da Biblioteca Joanina.

Como saberán, esta biblioteca da universidade, na que predomina o estilo rococó, foi promovida polo rei João V, no século XVIII, baixo a dirección doutro João apelidado Carvalho Ferreira. Eu, que a coñecía de vello e mesmo tiña levado aos meus alumnos e alumnas visitala, xamais soñara con recitar alí. Pero  o que  sentín ou deixei de sentir non vén a conto.

O conto é que o país veciño, pola súa proximidade lingüística, é un refacho de aire puro para as persoas que soñamos con vivir as vinte e catro horas do día en galego. Alí todo nos recorda de onde vimos e a sucesión de topónimos polas estradas sóanos a música ben coñecida. Aínda así, sempre hai que pedir que non nos falen en español, porque moitas persoas fan alarde de dominalo mentres coidan que o que nós practicamos é un mal castelán ou un malogrado portugués. Aclarado isto, a comunicación é fluída e non son moitas as explicacións que precisamos por ambas partes.

O que me quedou claro máis unha vez foi que a literatura é unha das mellores pontes para vadear o río das diferenzas idiomáticas. Os comentarios que me fixeron congresistas de Arxentina, España, Portugal ou mesmo Francia, evidenciaron que comprenderan ben o sentido dos meus poemas.

Doutra banda, é grato comprobar como, malia todo,  Portugal aínda segue a ser un país en cuxos restaurantes se pode falar sen desfacer as cordas vocais para competir cos berros das mesas veciñas. E as boas maneiras da maioría da xente. E a valoración da cultura e os seus espazos, malia a crise que alí tampouco non é pequena. E… xa ven que, como din por aquelas terras, teño por elas un fraquinho.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña